• Os proxectos sométense a exposición pública no salón de plenos da casa consistorial

  • As persoas interesadas poderán consultar a documentación coa axuda dun gabinete xurídico o mércores 22 de setembro

  • Deberán solicitar cita previa chamando ao teléfono 981 886 501

Parque Eolico

O Concello da Baña vén de promugar senllos bandos nos que informa á veciñanza da exposición no salón de plenos da casa consistorial dos proxectos de dous novos parques eólicos que teñen previsto instalarse en parroquias bañenses. O Concello comprométese a estudar a documentación, ofrécese a prestar asesoramento e anima ás persoas afectadas a presentar alegacións.

O primeiro dos bandos diríxese á veciñanza das parroquias de Troitosende e Lañas para que consulten o proxecto do parque eólico de Vilartoxo, que recolle a colocación de aeroxeneradores nos concellos da Baña e de Val do Dubra. A información relativa ao proxecto pode lerse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 7 de setembro de 2021, ademais de no taboleiro de anuncios da casa consistorial e nesta ligazón. O prazo para presentar alegacións remata o 20 de outubro do presente ano.

Por outro lado, o Concello comunícalles ás veciñas e veciños das parroquias de Marcelle, O Barro e San Vicenzo que tamén saíu a exposición pública durante un prazo de 30 días o proxecto do parque eólico de Barrosino, que contempla a instalación de aeroxeneradores en Marcelle e O Barro. A información vencellada a esta iniciativa publicouse no DOG do 9 de setembro e está dispoñible no taboleiro de anuncios da Casa do Concello e neste enlace. As alegacións poden presentarse ata o 22 de outubro.

O Concello pon a disposición de todas as persoas afectadas un gabinete xurídico que lles axudará a consultar a documentación na mañá do vindeiro mércores 22 de setembro entre as 9.00 e as 14.00 horas. Para poder ser atendidas, haberán de solicitar unha cita chamando ao teléfono 981 886 501.

Os bandos poden lerse nos documentos adxuntos.