• As familias poderán deixar os nenos e nenas dende as 07.30 horas no CPI San Vicente por 40 euros mensuais, ou 50 se almorzan

  • José Antonio Pereira e Mónica González volven quedar sen soldo, aínda que o rexedor rebaixou a proposta de 36.000 a 34.000 euros anuais

  • César Ramos quere ver as declaracións da renda do equipo de goberno e que o alcalde chame os concelleiros de CxG para negociar as retribucións

  • O PP mantén os seus argumentos iniciais para votar en contra dos salarios, nun Pleno que durou hora e media

 

As familias da Baña poderán utilizar este curso o servizo ‘A Baña madruga’ para deixar os seus fillos ou fillas dende as 07.30 horas no CPI San Vicente, unha vez que o Pleno da Corporación aprobou esta noite por unanimidade a ordenanza reguladora deste servizo, que volveu ser demandado tanto pola dirección do colexio como pola directiva da ANPA. No Pleno, que durou hora e media, a oposición volvía deixar sen soldo ao alcalde e á concelleira de Cultura cos mesmos argumentos que veu utilizando nas tres sesións anteriores. José Antonio Pereira aclarou que tanto el como Mónica González teñen previsto incorporarse os seus postos de traballo o 15 de setembro, decisión que farán publica nun bando no que se establecerán os días e horario de atención á veciñanza. O vídeo íntegro da sesión pódese ver no canal de Youtube do Concello da Baña (neste enlace). 

Nun Pleno no que se volveron manifestar posturas totalmente contrapostas entre os tres grupos políticos na maioría dos temas, só se chegou a un acordo para aprobar o servizo de madrugadores, para favorecer a conciliación familiar e laboral nas familias con alumnado no colexio público. O secretario do Concello explicou que se elaborou unha ordenanza sinxela para establecer o prezo público do servizo ‘A Baña madruga’, de xeito que as familias poderán deixar os nenos e nenas dende as 7.30 horas no colexio. O alumnado poderá almorzar e participar en diferentes actividades ata que comecen as clases. O prezo establecido será de 40 ou 50 euros, en función de se as crianzas almorzan ou non no centro.

O Concello sacará a licitación este servizo, e no prego de contratación estableceranse algunhas das medidas que propuxeron esta tarde os grupos da oposición. Tanto PP como CxG coincidiron en que este servizo é necesario para facilitar a conciliación familiar. César Ramos pediu que o concurso para adxudicar o servizo a unha empresa sexa transparente e se informe a oposición.

20190828 pleno Madrugadores ALI8230 web

O alcalde, José Antonio Pereira, sinalou que tanto a dirección do centro como a directiva da Asociación de Nais e País pediron que se puxese en marcha neste curso. Así mesmo indicou que unha empresa do sector considera necesario ter polo menos 10 usuarios para que o servizo non resulte deficitario. “Dende o Concello asumiremos o déficit se é necesario, grazas ao aforro que estamos a facer coa reestruturación dos gastos nas liñas telefónicas”.

Onde non volveu haber acordo foi á hora de aprobar o salario do alcalde e da concelleira de Cultura, Mónica González. Tanto Compromiso por Galicia como o PP criticaron que o goberno variase a súa proposta dende a comisión informativa celebrada o luns. O alcalde propuxo esta noite 34.000 euros brutos anuais en vez dos 36.000 que levou aos Plenos anteriores e tamén á comisión do luns. Para a concelleira de Cultura mantén os 12.000 euros anuais por unha dedicación parcial.

Andrés García Cardeso mantivo o voto en contra do PP cos mesmos argumentos que xa manifestou nos Plenos anteriores.

Pola súa banda, César Ramos volveu insistir en que non se lle permitiu consultar a declaración da renda do equipo de goberno, e que a proposta de CxG é a de que o alcalde manteña “un salario acorde coa media do concello da Baña”, polo que propuxo un 10% máis do que cobraría na empresa privada. “Déixenos ver a declaración da renda, chámenos ao seu despacho para negociar e chegaremos a un acordo”, insistiu Ramos en varias ocasións.

José Antonio Pereira replicoulle que a declaración da renda entregouse cando o secretario do Concello a pediu (o que non sucedeu ata hai uns días). Así mesmo reiterou que propón un salario acorde coa responsabilidade que está a asumir. “Na miña empresa nin xestionaba 3,5 millóns de euros de presuposto nin un equipo de 26 traballadores”, replicou o alcalde.

Mónica González, pola súa banda, volveu insistir en que dende que tomaron posesión (o pasado 15 de xuño) están a traballar no concello “a xornada completa, e todos temos que vivir de algo” para poder pagar as facturas. “Eu dende logo non deixaría o meu traballo sen ter outro”, respondeulle César Ramos.

O alcalde adiantou que a partir do 15 de setembro teñen previsto incorporarse de novo aos seus postos de traballo. “Publicaremos un bando indicando os días e horas de atención á veciñanza, que vai ser a máis prexudicada”, afirmou José Antonio Pereira, que volveu recoñecer que os funcionarios e o persoal do Concello levarán adiante os trámites ordinarios, pero a veciñanza recibirá unha peor atención.

A abstención de Compromiso por Galicia (2 concelleiros) e o voto en contra do PP (5) impediu que se aprobasen os salarios propostos polo equipo de goberno (4 edís).

No capítulo de rogos e preguntas houbo tensión en diferentes momentos. O alcalde leu as respostas ás preguntas formuladas por PP e CxG no Pleno anterior e logo abriuse unha quenda de debate. Tanto César Ramos como Andrés García Cardeso solicitaron que as respostas se lles faciliten polo menos con 48 horas de antelación aos Plenos. 

Na sesión de hoxe, a oposición volveu formular máis de 30 preguntas. O Pleno rematou pasadas as 21.30 horas e volveu contar con numerosas persoas seguindo a sesión.

O Concello da Baña maniféstalle as súas condolencias ao ex-alcalde e portavoz do Partido Popular local, Andrés García Cardeso, polo falecemento da súa nai. María Cardeso Allo, veciña de Marcelle, faleceu na mañá de hoxe, luns 19 de agosto, aos 88 anos. A capela ardente está instalada no tanatorio La Unión da Baña. A condución do cadáver será mañá martes ás 17:30 horas ata a igrexa de Santa Cristina de Marcelle, onde se celebrará o funeral de corpo presente ás 18:00 horas. O enterro será no cemiterio parroquial.

  • Os populares votaron en contra e Compromiso abstívose na proposta da alcaldía que propoñía para o goberno 5.800 euros menos de retribucións anuais das que tiña o PP

  • A sesión extraordinaria desta noite aprobou por unanimidade a crear unha comisión informativa única e a especial de Contas

  • Tamén se rexeitou a designación de representantes en órganos colexiados

  • Vídeo íntegro do pleno: https://youtu.be/l6LloGsojMc

 

 

 ALI5587

O pleno da Baña volveu rexeitar esta tarde noite os salarios propostos polo equipo de goberno socialista (en minoría con 4 concelleiros), cos votos en contra do Partido Popular (5) e a abstención de Compromiso por Galicia (2), a pesar de que a proposta era que o alcalde, José Antonio Pereira, e a concelleira de Educación, Mónica González, cobrasen en conxunto 5.800 euros menos ao ano do que tiñan asignado no anterior mandato o goberno do PP. Tamén foi rexeitada a designación de representantes nos órganos colexiados, ao pedir CxG ter representación na Fundación de Discapacitados da Comarca de Barcala. O vídeo íntegro da sesión pódese ver no canal de Youtube do Concello da Baña (neste enlace).

Por unanimidade aprobouse a creación dunha comisión informativa única e máis a comisión especial de Contas (esta é obrigatoria por lei) e tamén as compensacións que recibirán os concelleiros por asistir aos plenos e as comisións, que serán de 75 euros por cada sesión.

As comisións contarán con 5 concelleiros cada unha, segundo a representatividade no pleno: 2 do PSdeG, 2 do PP e 1 de CxG. O punto aprobouse por unanimidade.  Partido Popular e Compromiso tamén votaron a favor de asignar 75 euros por asistencia a cada comisión e pleno. Andrés García Cardeso (PP) sinalou que “vía razoable a cantidade ao ser a mesma que na lexislatura anterior”.

As primeiras discrepancias chegaron na designación de representantes do Concello en órganos colexiados. Aquí César Ramos esixiu un representante de Compromiso por Galicia na Fundación de Discapacitados da Comarca de Barcala (a proposta incluía ao alcalde e a concelleira de Educación). Ao ser unha sesión extraordinari, o secretario considerou que non había lugar a presentar no pleno propostas alternativas.

Tanto dende o PP como dende CxG sinalaron que ao non poder presentar unha alternativa votarían en contra. O alcalde, José Antonio Pereira (PSdeG) recordoulles que convocou aos portavoces a unha reunión 4 días antes de convocar o pleno para consensuar os puntos a tratar na sesión, e que os chamou dous días antes “pero non existiu resposta nin do PP nin de Compromiso. Como non somos adiviños trouxemos esta proposta”, dixo o alcalde. PP e CxG votaron en contra, polo que a proposta deberá debaterse noutro pleno.

 ALI5591

Os salarios do equipo de goberno

O maior enfrontamento chegou no debate sobre os salarios propostos polo equipo de goberno para a dedicación exclusiva do alcalde, José Antonio Pereira (36.000 euros brutos anuais) e a parcial da concelleira de Educación, Cultura, Servizos Sociais e Deporte, Mónica González (12.000 euros anuais). Compromiso por Galicia (2) abstívose sen dar ningunha explicación e o PP (5) votou en contra.

Andrés García Cardeso, recoñeceu que este era o punto de discordia e que o PP non ía ser apoio para a alcaldía, que contou co apoio doutro grupo para ser alcalde. “Vostedes din que somos polos opostos, como a auga e o aceite. No último mes, dende o pleno de organización, o que non se pode é humillar e faltar a dignidade e faltar ao respecto a este grupo por cuestións que traeremos ao pleno no momento oportuno”, dixo Cardeso anunciando o voto en contra.

José Antonio Pereira replicoulle que “politicamente somos polos opostos, aínda que persoalmente teñamos unha relación cordial”. Pereira explicoulle García Cardeso que propoñía un soldo para o alcalde de 36.000 euros brutos anuais, “cando vostede viña cobrando 41.416 euros e ademais cobraba como deputado provincial por asistir ás sesións. Para a concelleira de Educación popoñemos 12.000 euros brutos, cando co PP viña cobrando 12.390”. Segundo o alcalde socialista, “en total vimos mantendo un aforro de 5.806 euros anuais polas dedicacións do equipo de goberno, que entendemos é un salario xusto”.

Mónica González recordoulle ao PP que si se sentiron humillados ou que se lles faltou ao respecto deberían “acudir a outras vías e denunciar a situación”, ao tempo que lle recriminou a García Cardeso “non ter un só argumento obxectivo para votar en contra dos salarios propostos cando cobraríamos menos do que viñan cobran vostedes”.

Aínda que dixo que levarán estes temas ao pleno no momento oportuno, García Cardeso adiantou que a unha compañeira se lle quitou dunha rede social despois de estar ao fronte da escola de música. O alcalde, replicoulle que se quitara dun grupo de whatsapp porque a ex concelleira non tiña ningunha filla nese grupo e tampouco tiña responsabilidade na escola de música.

Para tentar convencer a Compromiso por Galicia, José Antonio Pereira asegurou que lle ensinara ao portavoz, César Ramos, a nómina que viña cobrando na empresa privada que traballaba, e que a proposta incluía sobre un 15% máis de dita nómina.

César Ramos, que non ía intervir neste punto, replicoulle ao alcalde que “no anterior pleno eu falei de cobrar un 5 ou 10% máis, non un 15 ou un 20%. Vostede debe asumir a realidade do Concello da Baña”, dixo referíndose a José Antonio Pereira.

Na votación, o equipo de goberno votou a favor (4), o PP en contra (7) e CxG (2) abstívose, polo que a proposta foi rexeitada.

 ALI5590

  • A abstención de Compromiso por Galicia e o voto en contra do PP impiden que José Antonio Pereira e Mónica González teñan retribución pública

  • O 22 de xaneiro e o 9 de setembro serán festivos locais

  • Por unanimidade aprobouse sacar a licitación a renovación de luminarias e os representantes nos órganos colexiados

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Cultura, Mónica González, seguirán sen ter soldo do concello, ao rexeitar o pleno da Corporación as dedicacións exclusiva e parcial que presentou o goberno socialista. “Teremos que incorporarnos aos nosos postos de traballo e o funcionamento do concello non será o correcto, porque non poderemos atender aos veciños como se merecen”, indicou José Antonio Pereira, tras recordar que tanto el como a concelleira levan dous meses traballando para a veciñanza “sen cobrar e sen estar cubertos pola seguridade social”. O vídeo íntegro da sesión plenaria, á que asistiu numerosa veciñanza, pódese ver no canal de Youtube do Concello da Baña (neste enlace).

Por unanimidade, a Corporación aprobou a designación como festivos locais para 2020 os mércores 22 de xaneiro (San Vicente) e 9 de setembro (Virxe da Dores); o nomeamento de representantes nos órganos colexiados supramunicipais e iniciar o expediente de licitación para acometer o proxecto de renovación do alumeado público para poñer luminarias led no municipio.

Os representantes dos Concello da Baña na Mancomunidade do Tambre serán José Antonio Pereira Gil, José Andrés García Cardeso e Cesar Ramos Domínguez. Na Fundación de Discapacitados da Comarca de Barcala estarán o alcalde, Mónica González e César Ramos; e no GDR Terras de Compostela José Antonio Pereira e García Cardeso. A oposición votou a favor deste punto, aínda que criticou que o alcalde non levara a pleno a designación nos consellos escolares. O secretario aclarou que a designación en órganos supramunicipais é competencia do pleno, e que o representante nos consellos escolares é o alcalde ou concelleiro en quen delegue.

O proxecto para substituír algo máis de 120 cadros eléctrios e 2.281 luminarias do municipio por tecnoloxía led —o que permitirá un considerable aforro enerxético e reducir a emisión de CO2— ascende a 493.000 euros, e será subvencionado nun 80% polo IDAE. O pleno aprobou iniciar o expediente de licitación do proxecto dentro do prazo fixado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que remata o vindeiro 18 de agosto. Neste punto, Compromiso por Galicia recordou que esta medida enmárcase no pacto europeo de alcaldes polo cambio climático clima, aínda que despois dende o PP García Cardeso matizaba que a solicitude se lle solicitou ao IDAE hai dous anos, antes de que A Baña se sumara ao pacto polo clima. O acordo por unanimidade permitirá iniciar xa o expediente de contratación deste proxecto.

Alcalde e concelleira seguen sen soldo

Onde non houbo acordo foi na aprobación de dedicacións exclusivas e parciais para o alcalde e a concelleira de Cultura. José Antonio Pereira presentou a mesma proposta que o pasado 15 de xullo: 36.000 euros brutos anuais pola dedicación exclusiva para o alcalde, e 12.000 euros por unha parcial para Mónica González Blanco, en conxunto, case 5.000 euros menos que o que viñan cobrando o alcalde e a concelleira de Cultura do PP na anterior lexislatura.

“Levamos case dous meses sen cobrar atendendo e intentando solucioarlles os problemas á veciñanza e sen estar cubertos pola Seguridade Social” en caso de sufrir algún contratempo, indicaba o alcalde, que pedía responsabilidade aos partidos da oposición. De non aprobarse “teremos que incorporarnos aos nosos traballos e vir ao concello un día pola tarde, polo que non poderemos atender á veciñanza como se merece”, dixo.

César Ramos criticou que non se “cambiara nada da proposta” do mes de xullo, polo que anunciou que “ante a mesma proposta, haberá o mesmo voto”, ao tempo que lle recriminou ao alcalde que “non lle pediran ningunha proposta a Compromiso por Galicia” para contar co seu apoio.

Dende o PP, García Cardeso, volveu insistir na argumentación do pleno de xullo, ao recordar que dende o equipo de goberno “se conta pouco co Partido Popular para dialogar”, e recriminoulle ao alcalde que non o chamara para “comentar a proposta que lle fixo Compromiso por Galicia para repartir a alcaldía dous anos co PSdeG. Coñecemos a existencia deste escrito pola prensa”, díxolle. Cardeso recordoulle ao alcalde que “negociando e cedendo se pode chegar a calquer lado”.

A hora de votar, o PSdeG (4 concelleiros) votou a favor, pero a abstención de Compromiso por Galicia (2) permitiu que os votos en contra do PP (5 concelleiros) rexeitasen a proposta. Pereira Gil adiantou que volverán a presentar de novo a proposta para o vindeiro pleno.

No apartado de rogos e preguntas, o alcalde comprometeuse a responder por escrito o antes posible. Simplemente fixo algún comentario en temas puntuais.

A pregunta do PP de porque se anulara a póliza de seguro de responsabilidade Civil, José Antonio Pereira replicou que se pediron orzamentos a varias empresas e que se contratou unha póliza con Plus Ultra que “ten mellores coberturas e só pagamos 6.400 euros, cando a anterior nos costaba case 9.000 euros”.

A pregunta de porque se eliminara a Alicia Blanco (ex concelleira de Cultura co PP) do grupo de whastapp da Escola de Música despois das eleccións cando faltaban só 7 días para rematar o curso, o alcalde pediulle desculpas a afectada “si se sentiu ofendida”, e recordou que se tomou a medida porque Alicia Blanco xa non era membro do equipo de goberno, nin tiña a filla na escola infantil.

Dende Compromiso por Galicia, César Ramos pediu que A Baña se sume a campaña para promover o sector lácteo que vai desenvolver a Casa Grande de Xanceda. O alcalde comprometeuse a analizar a proposta e dar unha resposta rápida.

A pregunta de como pensa executar a sentenza que obriga o concello a indemnizar e actualizar o soldo de 12 traballadores do concello, o alcalde respondeu que a cinco deses traballadores (os que aparecen nomeados na sentenza) xa se lles regularizou a nómina deste mes. “Agora temos que estudar como facer fronte aos atrasos, que só con estes cinco traballadores ascende a máis de 165.000 euros”. A eles hai que sumar a outros sete traballadores máis, que non aparecen recollidos na sentenza polo que os edís calificaron como un erro na redacción da sentenza.

“Estamos estudando como incluír estas partidas no orzamento de 2020. Consensuaremos cos traballadores como facer fronte a esta débeda”, sinalou José Antonio Pereira, quen tamén dixo que no concello había facturas por importe de 78.000 euros que non tiñan consignada partida orzamentaria para este ano. 

IMG 0040

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, volverá a reunir de forma extraordinaria á Corporación da Baña o luns 15 de xullo a partir das 20.00 horas no salón de sesións da casa do concello, despois do pleno do 29 de xuño.

20190715 Convocatoria pleno 1

Nesta xuntanza deberanse acadar os acordos que rexerán o Concello da Baña durante a presente lexislatura. Polo tanto, no pleno comporanse as Comisións informativas, nomearanse os representantes do concello nos órganos colexiados e determinaranse as retribucións e os cargos con dedicación exclusiva, ademais das axudas de custo e indemnizacións por asistencia a sesións.

Estes son os puntos do día sobre os que debaterán e tentarán a acordo os concelleiros, despois do pleno do sábado 29 de xuño, no que só se aprobou celebrar plenos mensuais e a constitución dos grupos políticos. Nesa ocasión, a oposición do Concello da Baña, formada polo PP con cinco edís e Compromiso por Galicia con dous, desbotou todas as propostas do goberno socialista, con catro concelleiros, agás a realización dos plenos mensuais, que serán os últimos mércores de cada mes ás 20.00 horas.

Cobrará vital importancia a formación da Comisión especial de contas, xa que se trata dun órgano obrigatorio por lei e que ten que crearse antes de que remate o pleno. Polo tanto, a Corporación da Baña prepárase para unha sesión na que serán imprescindibles os acordos e o diálogo entre os diferentes grupos.