• A Corporación só aprobou hoxe celebrar sesións mensuais e o nomeamento dos portavoces dos grupos políticos

  • O alcalde, que está en minoría, retirou da orde do día a creación da xunta de portavoces, os representantes en órganos colexiados e os gastos de representación

  • A Comisión de contas é obrigatoria por lei, e ten que crearse antes do 15 de xullo

 20190629 ALI4855

 A Corporación da Baña terá que reunirse en pleno antes do 15 de xullo para crear a Comisión especial de Contas, un órgano que é obrigatorio. A proposta presentada polo equipo de goberno (PSdeG), que está en minoría, foi rexeitada hoxe cos votos do PP e a abstención de Compromiso por Galicia. A oposición tamén votou en contra da creación da xunta de goberno local e as dedicacións exclusivas do alcalde e dunha concelleira. Só se aprobou celebrar plenos mensuais e a constitución dos grupos políticos. O alcalde, José Antonio Pereira, retirou da orde do día a creación da xunta de portavoces, o representantes nos órganos colexiados e os gastos de representación. O vídeo da sesión plenaria pódese ver no canal de Youtube do Concello da Baña (neste enlace).

A oposición do Concello da Baña, formada polo PP (5 concelleiros) e Compromiso por Galicia (2) rexeitaron hoxe todas as propostas presentadas polo goberno socialistas (4 edís), que aceptou finalmente a realización de plenos mensuais, que se celebrarán os últimos mércores de cada mes ás 20.00 horas. Nin sequera se aprobou a Comisión especial de contas, un órgano obrigatorio por lei, polo que deberá celebrarse outro pleno antes do 15 de xullo para creala. PP e Compromiso acusaron ao equipo de goberno de falta de diálogo e de non entender que está en minoría. José Antonio Pereira replicoulles que tras reunirse cos dous portavoces o mércores pasado para buscar posturas de consenso, non recibiu ningunha alternativa ás propostas presentadas.

20190629 ALI4849

O alcalde informou do nomeamento dos tenentes de alcalde da Baña, cargos que serán ocupados por Jesús Manuel Pena (1º), Mónica González (2ª) e Ana Páramos (3ª).

No pleno da Baña constituíronse tres grupos políticos (PSdeG, PP e CxG), sendo os portavoces José Antonio Pereira, Andrés García e César Ramos, respectivamente. As sesións plenarias, que o alcalde propuxo que fosen cada dous meses, celebraranse mensualmente. Andrés García Cardeso, “ante o cambio de escenario da corporación, cun goberno en minoría”, propuxo que fosen mensuais. César Ramos criticou que se cambiara a proposta “dende a reunión que mantivemos co goberno o mércores pasado, cando se propoñían sesións trimestrais, e non se avisara” ao seu grupo. O alcalde, José Antonio Pereira, sinalou que ao “non chegar a ningún acordo” nesa reunión do mércores con Compromiso propoñía plenos cada dous meses. “Tampouco dende a oposición se fixo ningunha proposta alternativa”, recordou o alcalde, quen sinalou que por parte do goberno “no hai ningún problema en fixar as sesións mensuais. Por unanimidade acordouse establecer os plenos o último mércores de cada mes, e, de coincidir en festivo, trasladalo ao mércores seguinte.

A creación da xunta de goberno local foi rexeitada polos sete votos da oposición (PP e CxG) fronte aos 4 do goberno (PSdeG). O alcalde recordou que “no concello da Baña sempre houbo xunta de goberno local” e considéraa necesaria para o “bo funcionamento do concello”. Andrés García Cardeso (PP) dixo que votaría en contra “hasta que se estableza como queda constituída a xunta de goberno local e se fixe a periodicidade das súas reunións”. Cesar Ramos dixo que non era necesaria, que as súas competencias “poden ser asumidas polo alcalde ou o pleno” e esixiu para apoiar a súa constitución “que estea formada por representantes dos tres grupos políticos”.

20190629 ALI4853

Para a creación da Comisión especial de contas, que é obrigatoria por lei, o alcalde propuxo que estivera formada polos 3 portavoces dos grupos políticos, que terían o voto ponderado segundo o número de concelleiros, “para facer esta comisión más áxil e operativa”. O PP pediu que se creen tamén outras comisións informativas, segundo as diferentes áreas de goberno “para fomentar unha participación plural e proporcional”, e rexeitou que a de contas estivera formada só por tres persoas, pedindo que teña un número de membros proporcional ao de cada grupo. César Ramos tamén esixiu que a comisión de contas tivese máis de tres membros e anunciou que presentará unha proposta nos vindeiros dias. Este punto non foi aprobado a votar en contra o PP (5), e absterse CxG (2). O goberno (PSdeG, 4) votou a favor.

José Antonio Pereira tamén propuxo a creación da xunta de portavoces, coa intención de “poder consensuar os temas entre os diferentes grupos políticos e chegar a acordos e consenso antes do pleno”. Dende o PP, Andrés García Cardeso, pediu que se “fixe a periodicidade coa que se reunirá esta comisión”, polo que propuxo deixar o tema sobre a mesa. César Ramos (CxG) considerouna innecesaria “se se crean as comisións informativas. Se non se establece a periodicidade a xunta de portavoces é inútil e innecesaria”. O punto retirouse da orde do día e debaterase noutro pleno.

20190629 ALI4848

Neste punto houbo unha pequena liorta, ao denunciar César Ramos que o PP tiña máis documentación que CxG. García Cardeso (PP) respondeulle que estivera o venres no concello analizando a documentación do pleno. O secretaria do concello informou que dende a convocatoria do pleno está toda a documentación a disposición dos concelleiros, e que por tratarse dun pleno especial non aparecía este recordatorio na convocatoria. César Ramos pediu que, nun futuro, se envíe toda a documentación por correo electrónico ou se informe de que se pode consultar.

Tras facer mención de novo a reunión que mantiveron o alcalde e César Ramos, este criticou que nin sequera se lle informara da data do pleno. “A nosa actitude é de diálogo e consenso, non entendo a actitude do goberno en minoría”, dixo Ramos. José Antonio Pereira replicoulle que xa a semana pasada chamara aos dous portavoces para manter unha xuntanza, “tras vernos o mércores, démosvos un borrador e dixestes que o tiñades que estudar coa vosa xente nunha reunión onte, venres, pola noite, polo que non deixastes tempo para consensos”.

20190629 ALI4857

 

Rexeitadas as dedicacións exclusivas

A designación de representantes nos diferentes órganos colexiados nos que está presente o Concello da Baña tamén quedou sobre a mesa, ao ser retirado da orde do día por falta de consenso. O alcalde propoñía a un membro de cada grupo na Mancomunidade do Tambre, ao propio alcalde e a concelleira na Fundación de Discapacitados Psíquicos de Barcala, a concelleira nos consellos escolares e a Jesús Pena no GDR Terras de Compostela. Dende o PP consideraron que faltaban máis órganos colexiados e pediu retirar o punto. César Ramos propuxo maior representación dos grupos políticos e ter tres representantes na fundación.

A designación das dedicacións exclusivas e a súa remuneración tamén foi motivo de polémica, e rexeitadas tanto polo PP como por Compromiso por Galicia (7 votos) fronte aos 4 do PSdeG.

José Antonio Pereira presentou unha proposta que incluía unha dedicación exclusiva para o alcalde, cunha remuneración de 37.000 euros brutos anuais (4.800 euros menos que os 41.800 que cobraba o anterior alcalde o ano pasado) é unha dedicación parcial do 75% da xornada para a concelleira e Cultura, Educación, Servizos Sociais e que neste mandato tamén asumirá Deportes, cun soldo bruto de 17.000 euros (na anterior lexislatura estaba fixada media xornada e 12.000 euros brutos anuais). “A concelleira incrementa a súa xornada laboral nun 50%, subindo o soldo bruto menos desa porcentaxe”, explicou Pereira Gil, quen sinalou que “coa rebaixa que propoñemos de soldo para o alcalde, ao final, a coste salarial para o concello é apenas mil euros máis ao ano, con máis horas de dedicación, polo que melloraremos en eficacia na xestión do concello e atención aos veciños”.

Dende o PP, Andrés García Cardeso criticou a proposta e anunciou o voto en contra. “Hai catro anos diciades que era excesiva unha masa salarial de 52.000 euros, e agora non é excesivo chegar a 54.000 euros anuais” polas dúas dedicacións. Cesar Ramos tamén foi moi crítico. “Sorpréndeme bastante que o PSOE queira cobrar máis que o PP. Un soldo de 37.000 euros é máis alto que o que cobran noutros concellos similares. Vostede non asimila a realidade do concello”, díxolle ao alcalde o portavoz de Compromiso. “O alcalde debe ter un salario digno, nos próximos días entregaremos a nosa proposta”, concluí. Pereira Gil insistiu en que presentaron algo razoable. “A proposta non é desatinada. Estamos dedicando máis horas de traballo, aumentando a xornada para mellorar a eficacia, sen apenas incrementar o custo para o concello”, insistiu o alcalde

A proposta de gastos de representación (75 euros por asistencias a plenos, comisións e algúns órganos colexiados) quedou sobre a mesa. O PP sinalou que había órganos que non estaban contemplados e que non pagaban dietas, e CxG, aínda que veu aceptable os 75 euros, esixiu unha maior fiscalización e control e deixar o punto sobre a mesa, comprometéndose a entregar unha proposta. “Vista a actitude dos dous grupos, retírase este punto da orde do día”, concluíu o alcalde, e levantou o pleno.

20190629 ALI4858