• Pérez Redondo ocupa o escano que deixou vacante Manuel Tourís no PP

  • Partido Popular e Compromiso por Galicia manteñen os mesmos argumentos para votar en contra da dedicación exclusiva do alcalde e da parcial da concelleira de Cultura

 

20191030 Francisco Perez RedondoFrancisco Pérez Redondo incorporouse esta noite á Corporación da Baña despois de prometer o seu cargo de concelleiro como novo membro do grupo Popular nun pleno no que a oposición volveu deixar sen soldo ao equipo de goberno. O alcalde comprometeuse a levar a pleno una modificación da ordenanza municipal para garantir que as empresas que se dedican a cortar e transportar madeira arranxen os numerosos danos que deixan nos camiños e estradas municipais, como denunciou o Partido Popular no apartado de rogos e preguntas.

O Partido Popular xa volve contar con cinco concelleiros na Corporación da Baña, una vez que Francisco Pérez prometeu o seu cargo no pleno desta noite, para ocupar o escano que no mes de setembro quedou baleiro tras a dimisión de Manuel Tourís.

Foi a principal novidade da sesión desta noite, na que tanto o Partido Popular como Compromiso por Galicia volveron votar en contra do soldo para o equipo de goberno. Tan só os catro concelleiros socialistas votaron a favor de que o alcalde, José Antonio Pereira, teña unha dedicación exclusiva e que a concelleira de Cultura, Mónica González, conte cunha dedicación parcial. Os sete votos en contra da oposición (5 do PP e 2 de CxG) botaron abaixo a iniciativa do goberno.

20191030 ALI9952 web

Os salarios do equipo de goberno foron os únicos puntos sometido a debate no pleno de hoxe, que contou cun amplo apartado de rogos e preguntas (a oposición tampouco presentou ningunha moción). Neste apartado, Andrés García Cardeso (PP) pediulle ao goberno que tome medidas contra as empresas da madeira que deixan moi estragados os camiños e pistas municipais, como algúns en Faílde, Bugalláns ou  San Cibrán, entre outros. José Antonio Pereira adiantou que é intención do equipo de goberno levar unha modificación da ordenanza municipal para que todas as empresas madeireiras teñan que depositar unha fianza no concello e presentar un seguro de responsabilidade civil para facer fronte a estes danos, cando non arranxen as zonas despois de facer o traballo.

Tanto PP como Compromiso por Galicia solicitaron ter presenza na mesa de contratación do Concello da Baña, pedindo que na mesma haxa un representante de cada grupo político. A petición de CxG, o goberno local tamén analizará a posibilidade de sumarse ao programa Xantar na Casa que promove o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

  • O Concello debe achegar 100.000 euros ao medio millón concedido polo IDAE para poñer lámpadas LED no municipio
  • Os outros 25.000 euros do crédito extraordinario son para pagar suplementos de obras
  • Aprobado un suplemento de crédito de 255.000 euros para partidas de servizos sociais, educación, festas e deportes
  • Aprobada definitivamente a conta xeral de 2018 cun remanente positivo de Tesourería de 803.950 euros

 

O Concello da Baña aprobou hoxe definitivamente en Pleno extraordinario a conta xeral de 2018, que lle será remitida ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas dentro do prazo legalmente establecido. Tamén aprobou un total de 380.000 euros para un suplemento de crédito e un crédito extraordinario que se destinarán para pagar a diferentes provedores e para afrontar a parte que lle corresponde ao Concello como achega ao medio millón de euros concedido polo IDAE para substituír a iluminación pública en todo o municipio.

A conta xeral de 2018 foi aprobada por unanimidade de forma definitiva. Cun remanente positivo de Tesourería de 803.950 euros, o documento será remitido ao Tribunal e ao Consello de Contas antes do 15 de outubro, prazo establecido para que o Concello poida optar a subvencións o vindeiro ano.

Tamén por unanimidade aprobouse un crédito extraordinario de 125.000 euros. Desta cantidade, 100.000 euros destinaranse a pagar a parte que lle corresponde ao Concello para executar a subvención de medio millón de euros concedido polo IDAE (do Ministerio para a Transición Enerxética) coa finalidade de mellorar a iluminación pública no municipio con lámpadas LED. Estas obras teñen que estar contratadas antes do mes de febreiro. Cos 25.000 euros restantes o Concello pagará os incrementos dos orzamentos para executar obras en Vilar da Torre e Vilar de Suso, no camiño do Outeiro, en Marcelle, nunha pavimentación no Seilán e na humanización da rúa Castiñeira.

Cos votos a favor do equipo de goberno (PSOE) e do PP, e a abstención de Compromiso por Galicia, aprobouse un suplemento de crédito de 255.000 euros que se destinarán a pagar facturas de provedores dos departamentos de servizos sociais, educación, festas e promoción do deporte.

Desta partida, 140.000 euros destinaranse a incrementar o orzamento de asistencia social primaria, para pagar servizos de dependencia, comedor, ou de libre concorrencia, ao considerar insuficientes os 70.000 euros asignados no orzamento municipal (o Concello traballa cuns presupostos prorrogados de 2017).

Outros 58.000 euros vanse destinar a pagar as facturas de transporte do alumnado da Baña ata o IES Terra de Xallas de Santa Comba dos anos 2017 e 2018. Para pagar facturas das festas dos maiores dos anos 2016 e 2017 destinaranse 27.000 euros, e outros 30.000 para actividades de promoción e fomento do deporte.

20191009 Plenp extraordinarioCésar Ramos resaltou a importancia deste suplemento de crédito, pero non a súa urxencia  para abordalo nun Pleno extraordinario. Como a súa petición de deixalo para un Pleno ordinario non foi atendida, optou por absterse.

Andrés García Cardeso asegurou que era coñecedor desas partidas, e indicou que no caso de servizos sociais “cada vez hai máis demanda” polo que se incrementaron os gastos. Tamén recoñeceu que estaba sen pagar o transporte do alumnado de bacharelato e ciclos formativos do curso 2017 e 2018, e pediu que a empresa que realiza o transporte presente as facturas trimestralmente. Sinalou, así mesmo, que as facturas das festas dos maiores de 2016 e 2017 estaban sen pagar porque a empresa “non presentou as facturas no tempo e na forma debido a problemas familiares”.

“Somos responsables desas facturas”, indicou o ex alcalde e actual voceiro do Partido Popular, que votou a favor deste punto.

O alcalde, José Antonio Pereira, indicou que cando o Partido Socialista chegou á Alcaldía asumiu esas facturas e que por iso se presentaba este suplemento de crédito, para contar con fondos suficientes para pagarlles aos provedores.

  • As familias poderán deixar os nenos e nenas dende as 07.30 horas no CPI San Vicente por 40 euros mensuais, ou 50 se almorzan

  • José Antonio Pereira e Mónica González volven quedar sen soldo, aínda que o rexedor rebaixou a proposta de 36.000 a 34.000 euros anuais

  • César Ramos quere ver as declaracións da renda do equipo de goberno e que o alcalde chame os concelleiros de CxG para negociar as retribucións

  • O PP mantén os seus argumentos iniciais para votar en contra dos salarios, nun Pleno que durou hora e media

 

As familias da Baña poderán utilizar este curso o servizo ‘A Baña madruga’ para deixar os seus fillos ou fillas dende as 07.30 horas no CPI San Vicente, unha vez que o Pleno da Corporación aprobou esta noite por unanimidade a ordenanza reguladora deste servizo, que volveu ser demandado tanto pola dirección do colexio como pola directiva da ANPA. No Pleno, que durou hora e media, a oposición volvía deixar sen soldo ao alcalde e á concelleira de Cultura cos mesmos argumentos que veu utilizando nas tres sesións anteriores. José Antonio Pereira aclarou que tanto el como Mónica González teñen previsto incorporarse os seus postos de traballo o 15 de setembro, decisión que farán publica nun bando no que se establecerán os días e horario de atención á veciñanza. O vídeo íntegro da sesión pódese ver no canal de Youtube do Concello da Baña (neste enlace). 

Nun Pleno no que se volveron manifestar posturas totalmente contrapostas entre os tres grupos políticos na maioría dos temas, só se chegou a un acordo para aprobar o servizo de madrugadores, para favorecer a conciliación familiar e laboral nas familias con alumnado no colexio público. O secretario do Concello explicou que se elaborou unha ordenanza sinxela para establecer o prezo público do servizo ‘A Baña madruga’, de xeito que as familias poderán deixar os nenos e nenas dende as 7.30 horas no colexio. O alumnado poderá almorzar e participar en diferentes actividades ata que comecen as clases. O prezo establecido será de 40 ou 50 euros, en función de se as crianzas almorzan ou non no centro.

O Concello sacará a licitación este servizo, e no prego de contratación estableceranse algunhas das medidas que propuxeron esta tarde os grupos da oposición. Tanto PP como CxG coincidiron en que este servizo é necesario para facilitar a conciliación familiar. César Ramos pediu que o concurso para adxudicar o servizo a unha empresa sexa transparente e se informe a oposición.

20190828 pleno Madrugadores ALI8230 web

O alcalde, José Antonio Pereira, sinalou que tanto a dirección do centro como a directiva da Asociación de Nais e País pediron que se puxese en marcha neste curso. Así mesmo indicou que unha empresa do sector considera necesario ter polo menos 10 usuarios para que o servizo non resulte deficitario. “Dende o Concello asumiremos o déficit se é necesario, grazas ao aforro que estamos a facer coa reestruturación dos gastos nas liñas telefónicas”.

Onde non volveu haber acordo foi á hora de aprobar o salario do alcalde e da concelleira de Cultura, Mónica González. Tanto Compromiso por Galicia como o PP criticaron que o goberno variase a súa proposta dende a comisión informativa celebrada o luns. O alcalde propuxo esta noite 34.000 euros brutos anuais en vez dos 36.000 que levou aos Plenos anteriores e tamén á comisión do luns. Para a concelleira de Cultura mantén os 12.000 euros anuais por unha dedicación parcial.

Andrés García Cardeso mantivo o voto en contra do PP cos mesmos argumentos que xa manifestou nos Plenos anteriores.

Pola súa banda, César Ramos volveu insistir en que non se lle permitiu consultar a declaración da renda do equipo de goberno, e que a proposta de CxG é a de que o alcalde manteña “un salario acorde coa media do concello da Baña”, polo que propuxo un 10% máis do que cobraría na empresa privada. “Déixenos ver a declaración da renda, chámenos ao seu despacho para negociar e chegaremos a un acordo”, insistiu Ramos en varias ocasións.

José Antonio Pereira replicoulle que a declaración da renda entregouse cando o secretario do Concello a pediu (o que non sucedeu ata hai uns días). Así mesmo reiterou que propón un salario acorde coa responsabilidade que está a asumir. “Na miña empresa nin xestionaba 3,5 millóns de euros de presuposto nin un equipo de 26 traballadores”, replicou o alcalde.

Mónica González, pola súa banda, volveu insistir en que dende que tomaron posesión (o pasado 15 de xuño) están a traballar no concello “a xornada completa, e todos temos que vivir de algo” para poder pagar as facturas. “Eu dende logo non deixaría o meu traballo sen ter outro”, respondeulle César Ramos.

O alcalde adiantou que a partir do 15 de setembro teñen previsto incorporarse de novo aos seus postos de traballo. “Publicaremos un bando indicando os días e horas de atención á veciñanza, que vai ser a máis prexudicada”, afirmou José Antonio Pereira, que volveu recoñecer que os funcionarios e o persoal do Concello levarán adiante os trámites ordinarios, pero a veciñanza recibirá unha peor atención.

A abstención de Compromiso por Galicia (2 concelleiros) e o voto en contra do PP (5) impediu que se aprobasen os salarios propostos polo equipo de goberno (4 edís).

No capítulo de rogos e preguntas houbo tensión en diferentes momentos. O alcalde leu as respostas ás preguntas formuladas por PP e CxG no Pleno anterior e logo abriuse unha quenda de debate. Tanto César Ramos como Andrés García Cardeso solicitaron que as respostas se lles faciliten polo menos con 48 horas de antelación aos Plenos. 

Na sesión de hoxe, a oposición volveu formular máis de 30 preguntas. O Pleno rematou pasadas as 21.30 horas e volveu contar con numerosas persoas seguindo a sesión.

  • José Antonio Pereira e Mónica González seguirán sen salario, ao estar o goberno en minoría e rexeitar a proposta os populares e CxG

  • Recoñecemento unánime ao ex-concelleiro do PP, Manuel Tourís, que tras 12 anos deixa a Corporación por motivos persoais e laborais

  • César Ramos fala de “triquiñuela” levar no primeiro punto da orde do día a renuncia e o secretario asegura que se axusta á lexislación vixente

O alcalde e a concelleira de Cultura, José Antonio Pereira e Mónica González, seguirán sen ter salario do Concello da Baña despois de que Compromiso por Galicia votase en contra da proposta, sumando os seus votos aos do PP, nun tenso Pleno no que se formalizou a renuncia de Manuel Tourís Fernández como concelleiro do Partido Popular por motivos persoais e laborais. Todos os grupos recoñeceron o traballo desenvolvido polo ex concelleiro “durante os 12 anos que formou parte da Corporación”, e desexáronlle moitos éxitos tanto a nivel persoal como profesional. O seu posto no grupo popular será cuberto, salvo renuncia expresa, por Francisco Pérez Redondo.

A sesión de onte, que durou dúas horas, foi moi tensa, sobre todo durante o debate do salario da Alcaldía. César Ramos acusou o alcalde de “mentir” e de “non querer negociar” con Compromiso nin o seu salario, nin outros asuntos municipais. Ademais, cualificou de “triquiñuela” o feito de que se levase no primeiro punto da orde do día a dimisión de Tourís para que non puidese votar. Unha afirmación que rexeitou o secretario, quen se ratificou no informe emitido e asegurou que, segundo a lexislación vixente, Tourís deixou de formar parte da Corporación o 30 de agosto, cando presentou a renuncia por escrito no rexistro, polo que onte xa non podía formar parte do Pleno. “Pasará o mesmo cando a Xunta Electoral mande a credencial do seu substituto, virá ao Pleno no primeiro punto da orde do día”, asegurou.

César Ramos asegurou que Compromiso por Galicia cambiaría o sentido do seu pronunciamento (nos últimos Plenos abstivérase neste punto) para votar en contra para evitar que un empate entre PP (onte con catro concelleiros) e PSOE (4) lle permitise ao goberno sacar adiante a proposta co voto de calidade do alcalde. A partir de agora, Compromiso por Galicia votará sempre en contra deste punto, anunciou César Ramos, ata que o PSOE os invite a negociar.

Andrés García Cardeso indicou que o Partido Popular mantiña os argumentos que xa expresou nos Plenos anteriores e anunciou o seu voto en contra. 

20190925 ALI8687 rexeitamento soldo alcalde web

A proposta foi rexeitada cos 6 votos en contra de PP e CxG e os 4 a favor do PSOE. O mesmo ocorreu co salario da concelleira de Cultura, Mónica González, que tamén foi rexeitado co mesmo resultado.

Por unanimidade dos tres grupos políticos aprobouse unha moción de Compromiso por Galicia, pola que o Concello da Baña vaise sumar á campaña “En negro contra a violencia” machista que puxo en marcha o Concello de Santiago no ano 2015.

O Pleno rematou co punto de rogos e preguntas, durante o cal o portavoz popular, Andrés García Cardeso, felicitou o alcalde por recoller en representación de Youtubeir@s o premio Mil Primaveras como proxecto máis innovador que lle foi outorgado ao proxecto que defende o uso do galego nas redes sociais. Cardeso, que fixo extensivo o agradecemento á normalizadora lingüística da Baña e Negreira, Carmen Pereiro, recordou que A Baña foi un dos concellos promotores do proxecto Youtubeir@s, no que participan trece concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña para fomentar a subida de contidos en galego a Youtube. 

 

 

O Concello da Baña maniféstalle as súas condolencias ao ex-alcalde e portavoz do Partido Popular local, Andrés García Cardeso, polo falecemento da súa nai. María Cardeso Allo, veciña de Marcelle, faleceu na mañá de hoxe, luns 19 de agosto, aos 88 anos. A capela ardente está instalada no tanatorio La Unión da Baña. A condución do cadáver será mañá martes ás 17:30 horas ata a igrexa de Santa Cristina de Marcelle, onde se celebrará o funeral de corpo presente ás 18:00 horas. O enterro será no cemiterio parroquial.