• Trátase da primera iniciativa destas características na comarca de Barcala

  • O sendeiro, debidamente sinalizado, é circular e ten 7,5 quilómetros de percorrido

  • Visita os lugares da parroquia de Cabana nos que está ambientada a trama

ruta literaria1O Concello da Baña inaugurou o domingo de forma oficial a ruta literaria ‘As rapazas de Xan’, que percorre os lugares da parroquia de Cabana nos que está ambientada a trama da novela homónima do escritor bañés Manuel Iglesias Turnes. Trátase da primeira iniciativa destas características na comarca da Barcala.

O alcalde da Baña, José Manuel Pereira; outros membros da corporación municipal; e representantes da Asociación de Veciños San Miguel de Cabanas e do Club de Lectura Barcala en Galego tomaron parte neste acto, que viu reducida a concorrencia a só dez persoas por causa do covid-19. O propio novelista, Manuel Iglesias Turnes, foi o encargado de guiar aos asistentes lembrando pasaxes da súa obra e as conexións cos distintos puntos do percorrido.

ruta literaria2

José Antonio Pereira lembrou que a primeira intención do Goberno municipal foi inaugurar esta ruta o 15 de maio xunto ao alumnado do CPI San Vicente da Baña, coincidindo coa tradicional Andaina polas Letras, e que a pandemia obrigou a suspendela.

O rexidor local subliñou que, non obstante, a inauguración levouse a cabo finalmente no mes ao que a Real Academia Galega decidiu trasladar a homenaxe ás nosas letras e tamén na semana na que se celebrou o Día das Mulleres Rurais, tan presentes na novela. “Non pode haber mellor obra ca de As rapazas de Xan para homenaxear a resiliencia das nosas mulleres do campo; mulleres que aparecen retratadas na novela nunha das épocas máis difíciles, a da posguerra”, manifestou.

A ruta, circular e sen dificultades técnicas, se atopa xa debidamente sinalizada ao longo dos seus 7,5 quilómetros de percorrido e permite coñecer tanto as localizacións rurais polas que transcorre a obra, como o xeito no que se viviu a posguerra e costumes e tradicións da zona.

RUTA02

 A ruta literaria ‘As rapazas de Xan’ conta tamén cun vídeo promocional, que pode verse na canle de Youtube do Concello da Baña e no que Manuel Iglesias Turnes nos leva por algunhas das casas de Cabanas nas que vivían as personaxes e as paraxes que visita o sendeiro e son significativas na acción da obra.

 

  • Superan a participación da anterior convocatoria, tanto en produtos como en canles

  • A cuarta edición pechará o prazo de inscrición o vindeiro 23 de outubro

  • Increméntanse a variedade e a calidade dos contidos

  • Repartirán 7.500 euros en premios entre as doce categorías do certame

  • A Baña é un dos dez concellos impulsores, ademais das tres universides galegas e a Deputación da Coruña 

Youtubeiras

A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística do Concello da Baña e outros nove máis, das tres universidades e da Deputación da Coruña, recibiron xa dende que se abriu o prazo de inscrición o pasado maio un total de 300 vídeos e 50 canles que competirán nas doce categorías nas que se dividen os galardóns. Así, a participación  superou xa as cifras rexistradas na edición de 2019, ano no que concorreron ao certame 240 vídeos e 31 canles. Dende a organización dos Premios Youtubeir@s, agárdase que estes números aumenten nas últimas semanas de prazo, tendencia que se vén repetindo dende a posta en marcha desta iniciativa. O prazo de inscrición finalizará o vindeiro  23 de outubro de 2020 ás 23.59 h.

 Dende a organización dos premios, destácase que entre os concorrentes deste ano atopamos un perfil de youtubeir@ máis consistente que xera contidos cunha periodicidade fixa fronte a modelos de anos anteriores, cando participaban vídeos de persoas creadoras non habituais. Ademais, apúntase a un mellor coidado das canles, dos contidos e das redes sociais empregadas polas yotubeir@s xa inscritas. Detéctase, por outra banda, que están a se ampliar as temática tratadas, de xeito que asuntos menos frecuentes en edicións anteriores, como canles para nenos e nenas, o fútbol, os videoxogos ou o trap contan con maior presenza.

7.500 euros en premios.

A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s contan con cambios significativos nas súas bases en comparanza con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías do certame neste ano. O concurso está aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, autoproducidos, subidos a Youtube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019. No caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos 5 vídeos, maioritariamente en galego e realizados con posterioridade a esa mesma data. Deste xeito, os Premios Youtubeir@s regresan cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até videoblogs políticos ou videoconsellos de moda. Ao tempo, buscan darlles visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como versa o lema deste ano.

Ampliación de  categorías

Unha das grandes novidades desta cuarta edición de Youtubeir@s será a reorganización e ampliación das diferentes categorías. Se en 2019 o certame estaba dividido en oito galardóns, para este 2020 haberá doce diferentes. Así, o concurso contará cos seguintes premios: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. En total, Youtubeir@s repartirá entre as persoas gañadoras 7.500 euros e o palmarés será decidido por un xurado conformado por persoas de recoñecido prestixio.

Premio do Público

Ademais de todo o que o xurado experto seleccione, tamén caberá a opinión xeral do público. Nesta cuarta edición, serán os/as seguidores/as quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer ao Premios do Público. As propostas poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do Proxecto Youtubeir@s, cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e realizaranse antes do 23 de outubro de 2020. Entre o 2 e o 16 de novembro, abrirase a través das redes sociais un formulario de votación. Os tres vídeos que reciban máis votos do público pasarán ao xurado dos premios, que ratificará a votación do público logo de comprobar que cumpre as bases 

  • Oferta este curso dez instrumentos: percusión, saxofón, frauta, clarinete, tuba, trombón, bombardino, piano, guitarra e acordéon

  • O vindeiro venres, día 9, desenvolverase unha reunión informativa no polideportivo de san Vicenzo

escuela musica

A Escola Municipal de Música da Baña abre o prazo de inscrición para o curso 2020/2021, que dará comezo o vindeiro martes 13 de outubro. As clases están dirixidas tanto a nenos, a partir de 3 anos, como a adultos e as inscricións poderán facerse na propia Escola de Música ou no Concello da Baña.

As especialidades que poden cursarse son percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, guitarra e acordéon. Por cada instrumento pagarase unha mensualidade de vinte euros, cun desconto da metade do importe para o segundo e seguintes membros da mesma unidade familiar. En todos os casos, estarán incluídas as clases de solfexo polo mesmo prezo.

De cara ao comezo do curso, o vindeiro venres 9 de outubro desenvolverase unha reunión informativa no polideportivo municipal de san Vicenzo. A cita será ás 20:30 horas e están convidadas a asistir todas as familias interesadas en coñecer cales serán as novidades desta temporada. Ademais, Martín atenderá consultas ou dúbidas no número de teléfono 687 133 497.

Por causa da covid-19, temos que lembrar que á xuntanza do venres só pode acudir unha persoa por unidade familiar e que non se admitirán menores. O uso da máscara será obrigatorio.

Podes atopar os documentos para formalizar a inscrición nos arquivos que achegamos.

Attachments:
Download this file (2020_ADULTO_Inscricion_Escola_Musica_2020.pdf)Inscricion_adulto_escola_musica[Inscricion_adulto_escola_musica]90 kB
Download this file (2020_INFANTIL_Inscricion_Escola_Musica_2020.pdf)Inscricion_infantil_escola_musica[Inscricion_infantil_escola_musica]149 kB
Download this file (Declaracion_responsable.pdf)Declaración responsable[Declaración responsable]162 kB
Download this file (Orde_domiciliacion_Escola_Musica_2020.pdf)domiciliacion_escola_musica[domiciliacion_escola_musica]457 kB
  • As clases comezarán o vindeiro martes 13 de outubro

  • Ofrece as especialidades de gaita, percusión e pandeireta

  • 20201006 escola musica tradicional baña

A Escola de Música Tradicional da Baña abriu xa o prazo de inscrición para o presente curso 2020/2021, que dará comezo o vindeiro martes 13 de outubro. Poderán asistir nenos a partir de sete anos e adultos.

As especialidades que se ofrecen son as de gaita, percusión e pandeireta, está última dirixida só aos adultos. Ten que haber un grupo mínimo de cinco persoas para que poidan impartirse.

O prezo será de 30 euros por todo o curso. As inscricións poden realizarse na Concellaría de Cultura, que tamén pon a disposición dos interesados o número de teléfono 981 886 501 para resolver posibles consultas ou dúbidas.

Descarga o formulario de inscrición no arquivo que achegamos.

Attachments:
Download this file (INSCRICION_escola_Musica_Tradicional_2020.pdf)Inscricion_escola_musica_tradicional[Inscricion_escola_musica_tradicional]98 kB

A gaita é o instrumento máis demandado polas persoas que responderon á enquisa promovida polo Concello da Baña para coñecer as preferencias dos usuarios adultos da Escola de Música Tradicional. Este é un dos resultados da consulta lanzada para axudar na programación desta actividade e captar alumnado. O consistorio consultou tamén sobre as preferencias da cidadanía en canto á actividade de ximnasia e estimulación cognitiva para maiores e ao servizo A Baña Madruga para o curso 2020/2021.

As consultas previas ao inicio das actividades e abertas á cidadanía son unha iniciativa que se puxo en marcha por primeira vez na Baña o curso pasado coas escolas deportivas, co obxectivo de coñecer os intereses reais da poboación e axustar deste xeito a oferta nas diferentes actividades. En tempos de pandemia, esta información adquire especial relevancia, ao se ter que elaborar horarios específicos e ordenar os espazos nos que se van a desenvolver as clases. O Concello confía en que, andado o tempo, a participación medre e se converta nunha ferramenta útil para a programación deste tipo de accións.

Para este inicio de curso, o Concello preguntou a aquelas persoas adultas interesadas en matricularse por primeira vez na Escola de Música Tradicional sobre as súas preferencias no referido ao instrumento que queren aprender. Así, un 62,5% mostrou a súa preferencia pola gaita, o 25% decantouse pola pandeireta e un 12,5% elixiu a percusión. Das 8 respostas emitidas de xeito anónimo, o 50% corresponderon a persoas de 40 a 50 anos e o 25% ao grupo de idade de 20 a 30 anos.

No que respecta ás actividades para maiores de 55 anos, das 5 respostas recibidas o 60% tomou parte pola estimulación cognitiva semipresencial, un modelo no que persoal do Concello levará aos domicilios o material da actividade e pasará despois recollelo. A ximnasia de mantemento por parroquias tivo unha aceptación do 40%. Idéntica porcentaxe de respostas tivo a consulta sobre o lugar de celebración das clases: un 60% optou pola opción do centro social e da terceira idade da Baña e un 40% por outras parroquias, amosando o seu interese por Marcelle e Suevos en concreto.

O Concello consultou tamén á veciñanza sobre o interese das familias para utilizar o Servizo A Baña Madruga, unha medida que busca facilitar a conciliación da vida laboral e familiar entre os escolares que acoden ao CPI San Vicente. Do total de respostas anónimas recibidas (12), o 91,7% elixiu a modalidade que inclúe o almorzo no servizo. Canto os días da semana nos que se utilizaría o mesmo, o 75% precisaríao todos os días, con especial incidencia nos martes e xoves, que foron sinalados polo 91,7% das familias. Preguntados polo número de días ao mes nos que precisarían o servizo, o 41,7% das familias manifestou o seu interese por facer uso desta actividade todo o mes. Tamén se preguntou polo horario que precisarían os usuarios; neste punto, o 58,3% elixiu a opción de 8:00 a 9:15, o 33,3% de 7:30 a 9:15 e o 8,3% de 8:30 a 9:15 horas.