20190213 Cartel Filloa A Baña 2019 940ver

O Concello da Baña e a Asociación de Filloas da Pedra da Baña, en colaboración co GDR Terras de Compostela, organizan este venres un evento para promocionar a gastronomía tradicional galega e os sabores do territorio, no que se darán cita catro asociación de exaltación da festa da filloa procedentes de Lestedo, Zas, Muimenta (Cospeito) e da Baña. 

No acto, dirixido a xornalistas, blogueiros e críticos gastronómicos, poderase ver as diferentes formas de elaborar as filloas que teñen estas localidades e os diferentes utensilios que utilizan para a súa elaboración. Así, poderanse ver as típicas pedras cadradas que usan na Baña ou as redondas de Zas, os filloeiros de Lestedo ou as pranchas de ferro que usan en Muimenta. 

Nesta iniciativa, na que colabora o GDR Terras de Compostela a través da submedida 19.4 de promoción territorial, tamén se destacará a importancia que tivo o labor da muller rural no mantemento e legado de tradicións e costumes.

Para completar a exaltación da gastronomía tradicional galega, os alumnos que asisten ao curso de cociña que promove o Concello da Baña, aportarán pratos típicos como orellas, callos ou cocido, entre outros.

XVI Festa da Filloa da Pedra da Baña

Durante o acto, presentarase a XVI Festa da Filloa da Pedra da Baña, que este ano se vai celebrar a fin de semana do 23 e 24 de febreiro, ampliando a dous días o programa de actos, que se desenvolverán no polideportivo municipal de San Vicenzo. 

Por primeira vez dende a súa creación, a Festa da Filloa da Pedra da Baña incluirá una Foliada Filloeirao sábado pola tarde. A partir das 16.30 horas actuarán As Xoubase os Viracunchosdo Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, de Santiago;  a agrupación  Tíralle do Airee integrantes da  Escola de Gaita da Baña. A organización promete algunha que outra sorpresa para este día. Ademais de gozar da boa música, os asistentes poderán ver xa en vivo e en directo as filloeiras e filloeiros da Baña elaborar filloas da pedra que se servirán ao día seguinte

O domingo 24 será o día grande da XVI Festa da Filloa da Pedra no polideportivo de San Vicenzo, que abrirá ao público a partir das 10.00 horas. Durante todo o día os asistentes poderán degustar as excelentes filloas da pedra que elaborarán as voluntarias e voluntarios da Asociación Filloas da Pedra e que se servirán soas, con chourizo, nata ou mel, coma todos os anos. A novidade desta edición é que as filloas serviranse tamén acompañadas da súa parella perfecta: o cocido.

Os Campantes da Baña e a agrupación Sarillo de Aiazo serán os encargados de poñer a música pola mañá, con actuación ás 12.30 e 14.30 horas, respectivamente. Os máis pequenos terán un espectáculo dedicado para eles as 16.30 horas cos Animacreques, e a partir das seis da tarde a Orquestra Charlestong Big Band animarán a verbena.

O Estudo obradoiro de cerámica Alén das Olas impartirá talleres de cerámica durante todo o día, e para repoñer forzas os asistentes, ademais de degustar as ricas filloas da pedra da Baña, os asistentes poderán achegarse ata os postos de polbo e churrasco que se instalan nas inmediacións do polideportivo municipal.

20190213 Troitomil Foto googlemaps

 

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, acusa o grupo socialista municipal de recorrer á “política do barullo e da confusión” para alarmar os veciños sobre a construción dun parque eólico en Troitomil, “cando na Xunta de Galicia non se iniciou ningunha tramitación nin expediente ao respecto. Isto é facer política basura”, afirma o rexedor.

Andrés García xa mantivo unha reunión co director xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ángel Bernardo Tahoces, “quen asegurou que na Xunta non se está a tramitar ningún expediente sobre un parque eólico na Baña”. O único que ocorreu ata o momento, asegura o alcalde, é que a empresa Green Capital Power SL “presentou no Rexistro Eólico de Galicia, da Xunta, un escrito solicitando autorización para construír un parque eólico en Troitomil. Nada máis. Non se iniciou ningún trámite administrativo. Nin sequera se contestou ao escrito”, engade.

O alcalde acusa aos socialistas de estar “xerando confusión entre os veciños da Baña e trasladando información que non é veraz. Xa están convocando reunións, e incluso recollen firmas contra un proxecto que, de momento, non existe”.

Tras a xuntanza co director xeral, Andrés García Cardeso asegura que, no caso de que o expediente se chegue a tramitar, dende a Xunta trasladarase información ao concello, para que os veciños poidan coñecer os pormenores do proxecto. “Neste momento non hai nada de nada. Dende o PSdeG están xerando confusión, intranquilidade e falsas alarmas entre os veciños, e difundido mentiras”, asegura o alcalde, quen se ofrece á veciñanza a tramitar unha reunión coa Xunta para que os veciños poidan recibir información de primeira man.

20181216 ALI9210

 

A ilusión e a maxia do Nadal foron máis fortes que a choiva matinal no Concello da Baña. Dende primeira hora, moitos nenos e nenas se achegaron ao Mercadiño de Nadal para confirmar que a visita de Papá Noel sería pola tarde. Foi un dos momentos máis emotivos da xornada, posto que toda a cativada lle quería trasladar as últimas peticións ao home de barba branca. Claro que houbo tamén que preferiu escribirlle a carta aos Reis Magos ou ao Apalpador, depositándoa na caixa do correo que estaba colocado na entrada da carpa onde se celebrou este particular mercado.

20181216 1ALI9197O trineo de Papá Noel tirado por dous renos de madeira foi o lugar máis demandado por nenos e nenas durante toda a mañá. Alí se facían fotografías e lle anticipan aos seus pais e nais algunhas da peticións que, logo pola tarde, lle facían ao home vestido de vermello (preme aquí para ver o album de fotos). Mestras tanto, os maiores visitaban os diferentes postos de artesanía para mercar mel, algúns doces típicos destas datas ou algo de artesanía ou xoiaría, nuns casos para uso propio e, noutros, para preparar os últimos regalos. Todas as persoas que facían unha compra recibían un boleto para participar no sorteo dunha cesta chea de produtos artesáns doados polos participantes neste Mercadiño de Nadal, que pola noite se levou para a súa casa Isabel Bermúdez Ríos, que non puido ocultar a súa ledicia polo premio.

Ramón Domínguez e Moncho Ces tocaban algunhas panxoliñas no primeiro concerto da xornada, que, pola tarde, completarían Os Campantes cunha actuación moi aplaudida polos presentes. Un chocolate quente con churros axudou a moitas das persoas asistentes a superar o frío, mentres agardaban que Lito Mambís acababa de preparar o polbo, o churrasco e a carne o caldeiro que moitos degustaron á hora de xantar.

O mercado de segunda man serviu para que moitos veciños e veciñas levaran roupa, cerámica e outros utensilios que xa non precisan e que, en algúns casos, foron mercados por outros veciños para darlle un segundo uso. Moi preto deste posto, había que mercaba plantas ou flores para adornar as súas casas nestas datas.

20181216 MusicrequesALI9175‘As aventuras do Quebranoces’ a primeira hora da tarde na casa de cultura xa deu unha pista de que a carpa do Mercadiño de Nadal íase quedar pequena para todos os que querían gozar coa maxia de Cayetano Lledó e, sobre todo, para falar con Papá Noel, unha das últimas oportunidades que a cativada da Baña vai ter este Nadal para trasladar persoalmente os xoguetes que agardan para á noite máis esperada do ano. Que, nuns casos será o 24 de decembro, aínda que hai quen segue sendo fiel aos Reis Magos e, tamén, a vella tradición galega do Apalpador.

Ruta do Románico

Como aperitivo dunha intensa xornada, o técnico de turismo Eutropio Rodríguez, guíaba a un grupo de persoas pola Ruta do Románico, contándolle as características máis salientables das igrexas de Portor (Negreira), Paramos (Val do Dubre) e a de Lañas (A Baña), como unha fórmula para poñer en valor o patrimonio histórico da comarca.

Podes ver os albumes de fotos no Facebook do Concello da Baña, neste enlaces:

Album de fotos da visita de Papá Noel (preme aquí).

Album dos Musicreques e do ambiente xeral do Mercadiño de Nadal (preme aquí).

Album dos postos de artesanía (preme aquí).

 

DOG

A Consellería de Educación acaba de convocar os exames encamiñados a obtención tanto dos carnés como de calquera outra habilitación profesional necesaria no ámbito da seguridade industrial. Este ano as probas realizaranse en dúas convocatorias.

A orde da Consellería de Educación saíu publicada no DOG do luns 4 de febreiro (preme aquí), no que figuran os requisitos necesarios para poder presentarse. As solicitudes para a primeira convocatoria deberán presentarse entre o 18 de febreiro e o 1 de marzo, mentres que para a segunda convocatoria, as datas fixadas son dende o 1 ao 12 de xullo, ambos incluídos. Preferentemente, as solicitudes deberán presentarse por vía electrónica, segundo recolle o DOG.

Na primeira convocatoria, os aspirantes poderán obter os carnés profesionais

  • Carné profesional de operador/a de guindastre torre.
  • Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

E as habilitacións profesionais:

  • Operador/a industrial de caldeiras.

As especialidades obxecto da segunda convocatoria son as seguintes:

Carnés profesionais:

  • Carné profesional en instalacións térmicas de edificios.
  • Carné profesional de operador/a de guindastre torre.
  • Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.
  • Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

Habilitacións profesionais:

  • Operador/a industrial de caldeiras.
  • Instalador/a de gas, categoría A.
  • Instalador/a de gas, categoría B.
  • Instalador/a de gas, categoría C.
  • Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.
  • Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.
  • Reparador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.
  • Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.
  • Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.
  • Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías de calquera carga de refrixerantes fluorados.
  • Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.

Toda a información pódese atopar no DOG, neste enlace.

20181215 Peche Trafico

 

O Concello da Baña manterá mañá, domingo, pechadas ao tráfico as rúas da Praza do Concello pola celebración do Mercadiño de Nadal e de todas as actividades programadas para dar comezo ás festas.

En concreto, dende ás nove da maña ata as sete da tarde, permanecerá pechada ao tráfico a rúa Praza do Concello, no tramo que vai dende a rúa de Castelao ata a rúa de Rosalía de Castro, debido a que na praza que está diante da casa consistorial estará situada a carpa do Mercadiño de Nadal. Esta rúa é a que comunica A Baña con Santa Comba dende o centro de San Vicenzo.

Para facilitar a circulación estarán habilitadas rutas alternativas. Dende o Concello da Baña recomendan a todas as persoas que queiran ir en coche ata Santa Comba que utilicen o periférico.

As actividades programadas para mañá, domingo, comezan ás 10.00 horas coa saída do autobús para facer a Ruta do Románico e visitar as igrexas de Portor, Lañas e Paramos. O técnico de turismo Eutropio Rodríguez será o encargado de explicarlles aos asistentes as características de cada construcción.

As 12.30 horas, tamén na Praza do Concello, dará comezo o Concerto de Nadal a cargo dos profesores da Escola Municipal de Música Ramón Domínguez e Moncho Ces. Ás 16.30 horas na casa da cultura empeza o espectáculo dos musicreques titulado Os Quebranoces; e ás 17.00 Cayetano Lledó ofrecerá un espectáculo de maxia, antes de que Os Campantes da Baña inunden o recinto coa súa música, ás 18.00 horas. A visita de Papá Noel será o outro gran atractivo da tarde, sobre todo para os máis novos.

E ademais do Mercadiño de Nadal, no que se poderán ver e comprar produtos de artesanía, de gastronomía e agasallos para estas datas, o Concello da Baña tamén programou un mercado outlet e de segunda man na que todas as persoas interesadas poderán intercambiar e vender aquelas cousas que xa non precisen e que, tal vez, lles interesen a outras persoas.