O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, participou este venres na apertura do obradoiro de emprego de Santa Comba, compartido coa Baña, Negreira e Val do Dubra que oferta 20 prazas para formar 10 alumnos en Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e a outros 10 en Instalación de Elementos de Carpintaría. As accións que se levarán a cabo no concello da Baña inclúen o acondicionamento do terreo de Eiroa e a fabricación de revestimentos de madeira para os contedores de residuos.

20191108 Obradoiro melloraOs participantes neste taller de formación e emprego dual poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.

Concretamente, en conservación e mellora de montes levaranse a cabo limpezas e acondicionamentos en terreos municipais, zonas verdes, áreas recreativas, pistas deportivas, masas comúns, campos de fútbol e camiños en todos os concellos participantes. Pola súa banda, o Concello da Baña gozará do acondicionamento do terreo de Eiroa e o revestimento de madeira de contedores de residuos, entre outras accións.

Ovidio Rodeiro destacou que “o obxectivo é seguir formando os desempregados dos concellos galegos para incrementar as súas posibilidades de atopar un emprego, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación das empresas da contorna”.

Na súa intervención lembrou que “na comarca de Santiago está prevista a realización dun total de 8 talleres dos cales 5 deles son de carácter ordinario, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 3 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca máis de 2,1 millóns de euros. O obradoiro ‘Mellora2019’ conta cun orzamento de 336.000 euros.

Os obradoiros duais son os de Ordes, compartido con Mesía e Frades; o de Touro, compartido con Boqueixón e Vedra; o de Ames, compartido con Brión; o de Santa Comba, compartido con Negreira, A Baña e Val do Dubra e o de Santiago de Compostela. Pola súa banda, os obradoiros de garantía xuvenil impartiranse en Santiago de Compostela; en Rois compartido con Padrón e Dodro e en Val do Dubra compartido coa Baña, Santa Comba e Negreira.

Estes obradoiros permitirán que un total de 142 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de garantía xuvenil de 6 meses.

O alcalde do Concello da Baña, José Antonio Pereira Gil, e o portavoz do Partido Popular, Andrés García Cardeso, estiveron presentes no acto de apertura do obradoiro de emprego.