20211101 Magosto Bana1

O Concello da Baña puxo a disposición da veciñanza máis de 50 quilos de castañas para gozar un concurrido magosto no que rapazada e maiores puideron gozar este sábdo en San Vicenzo, nunha tarde amenizada polos gaiteiros da Escola de Música Tradicional da Baña e polo espectáculo Consertasso na horta, co que Brais das Hortas involucrou a un público que encheu o auditorio da Escola Municipal de Música.

20211101 Magosto Bana1

Ademáis de música e castañas, a rapazada puido gozar co taller de debuxo e maquillaxe, e houbo tamén candidatos para participar no pousadoiro e facerse fotos desfrazados para celebrar o Samaín.

A festa tamén se sumou o programa de TVG Sabadeando, que fixo varias conexións en directo. Como asegurou Emilio Lois en directo, un magosto sen música tradicional non é magosto. O programa pódese ver neste enlace, coa primeira conexión en directo no minuto 6:27, e outra posterior, das seis que se fixeron en total, no minuto 45:50.

20211101 Magosto Bana9

Deste xeito, o Concello da Baña recuperou a celebración tradicional do magosto, despois do parón motivado pola covid-19. Dende a Concellería de Cultura fan un agradecemento especial a Emilio Lois e a Escola de Música Tradicional da Baña, á Asociación Alborada, á Asociación A Baña Emprende, e ás voluntarias e voluntarios e ao persoal municipal que colaboraron na organización da festa.

Máis fotos na páxina oficial de Facebook do Concello da Baña (preme aquí)

20211101 Magosto Bana9

magosto a baña 2021 1

O Concello da Baña recupera este ano a celebración do tradicional magosto. A festa das castañas terá lugar o sábado 30 de outubro na Praza do Concello ás 19.00 horas.

O programa complétase co espectáculo 'Consertasso nas hortas', unha proposta de Brais das Hortas na que se misturan teatro, humor e música e que dará comezó ás 18.00 horas. Para asistir, é preciso reservar entrada chamando ou mandando un wasap ao número de teléfono 607 153 604.

No caso de chuvia, prevese trasladar á celebración ao local das escolas vellas.

 

 

  • Compaxinou os labores no campo coa recollida de leite polas aldeas e o oficio de soldadora

  • Foi a primeira veciña do municipio en sacar o carné de conducir

  • O vindeiro mes de maio cumprirá 90 anos

Manuela Toja horizontal webManuela Toja Turnes, veciña de Faílde (A Baña), cumprirá en maio 90 anos. Trátase dunha cifra redonda que anima a facer balance dunha traxectoria que non foi nada común porque, ao contrario do que adoitaba pasar cando ela era nova, sendo muller desenvolveuse laboralmente fóra da casa, desempeñou un oficio tradicionalmente masculino como era o de ferreira e foi tamén pioneira ao converterse na primeira bañense en sacar o carné de conducir.

Manuela fai un repaso da súa vida e dos traballos que desempeñou no vídeo co que o Concello da Baña conmemora hoxe o Día da Muller Rural, unha efeméride coa que Nacións Unidas recoñece cada 15 de outubro o papel decisivo das mulleres rurais no desenvolvemento.

“A miña vida non foi a típica das mulleres da época porque eu traballaba igual que os homes. Daquela os homes traballaban nas leiras e as mulleres traballaban nas leiras e na casa, coidando da familia. Eu traballei na labranza, de ferreira e recollendo leite cun motocarro”, sinala Manuela Toja.

Esta veciña de Faílde explica que comezou recoller leite porque os seus pais tiñan unha taberna. “Propúxollo unha fábrica de Padrón e ao principio era a xente á que nos traía o leite, pero despois comecei ir eu polas casas cun cabalo e, cando casei, compramos un motocarro”, conta.

Manuela quitou os permisos de conducir de moto e máis de coche animada polo seu marido cando tiña pouco máis de 30 anos. Ao de moto asegura que foi enganada. Xa sabía andar coa Vespa que tiñan; o problema era que non quería poñer pantalóns para que non se riran dela porque as mulleres non os levaban. Ao final, presentouse igualmente ao exame e aprobou. “Para o outro día, saquei o do coche, tamén á primeira”, lembra.

As críticas que recibiu ao converterse na primeira muller da Baña que conducía non lle importaron. Asegura que ela ía ao seu “e facía moitas viaxes”. Compaxinaba, ademais, esta actividade de leiteira coa de ferreira no taller do home, onde exercía de soldadora. “Fixen moitas sillas e bancos de igrexa”, manifesta. Este foi o oficio co que quedou cando deixou de ir polo leite.

A Baña en feminino

O vídeo de Manuela Tojo, que pode verse na canle municipal de Youtube, é a décima entrega da serie ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’. Trátase dunha iniciativa do Concello bañés que, coa publicación dun audiovisual por mes ao longo do presente ano 2021, ten como fin reflexionar sobre o papel das mulleres na contorna rural e fomentar a igualdade dándolle voz a veciñas do municipio que se desempeñan en diversos eidos. As anteriores protagonistas foron:

  • Rosa Rodríguez, cantante do Dúo Rosán, radiografiou o pael da muller na música no mes de setembro, coincidindo coa celebración das festas patronais de San Vicenzo da Baña. “Agora hai máis mulleres que levan a batuta e seguiremos avanzando”, subliñou, ademais de receitar “inculcar o respecto desde ben pequeniños” como fórmula para conseguir a igualdade entre homes e mulleres.
  • Noelia Castro, graduada en Educación Infantil e monitora de ocio e tempo libre, convidou a reflexionar sobre o cambio de mentalidade necesario para a igualdade. Fíxoo nun vídeo publicado no Día Internacional da Mocidade, no que esta veciña de Lañas de 22 anos salientou a importancia dos campamentos como “espazos idóneos para promover a igualdade desde a primeira infancia”.
  • Carme Liñares, avoa de cinco netos, protagonizou o vídeo publicado en xullo, con motivo do Día Internacional das Avoas e dos Avós. Esta veciña de Cabanas constataba o difícil que foi “chegar á liberdade de hoxe, porque antes a muller non tiña voto para nada” e convidaba a non dar pasos atrás.
  • Verónica Liñares, enxeñeira de Montes e veciña de Ordoeste, incidiu no mes de xuño na necesidade de dotar á sociedade de “referentes femininos para que desapareza a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías”.
  • A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.
  • Coincidindo co Día do Libro o 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. “É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliñaba a filóloga e escritora de Duomes de Arriba.
  • Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar.
  • En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais, ao tempo que censuraba a existencia de “micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos”.
  • A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie ‘A Baña en feminino’ o pasado mes de xaneiro, co gallo do Día Internacional da Educación, falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.

Enlaces

Vídeo de Manuela Toja: https://youtu.be/PoO_YwIOx1A

Serie A Baña en feminino: https://www.youtube.com/playlist?list=PLU_t6mCcdEg3yixUwdBSdSUuPrKZwYPF2

 

  • O servizo de normalización lingüística da Baña participa na organización deste certame, que reparte 7.500 euros entre os gañadores das doce categorías

  • Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canle en Youtube que publicasen alomenos cinco vídeos despois do 23 de outubro de 2020

youtube web

Os Premios Youtubeiras, que conta entre os seus organizadores co servizo de normalización lingüística do Concello da Bala, pecha este venres 22 de outubro o prazo de inscrición para participar na súa quinta edición. En xogo hai un total de 7.500 euros, que se repartirán entre os gañadores dunha ducia de categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público.

O xurado profesional que estudará as propostas recibidas estará formado nesta ocasión polo sociolingüísta Fernando Ramallo, o xornalista Adirán Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e a xornalista e responsable do programa #DígochoEu da TVG Esther Estévez.

Para decidir o premio do público, difundirase a través das redes sociais de Youtubeiras un formulario no que se recompilarán todos os vídeos que se presentan ao certame e que poderán votarse dende o 25 de outubro ata o 3 de novembro.

Os Premios Youtubeiras, impulsados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña, teñen como obxectivo impulsar a creación en Youtube e visibilizar as/os youtubeiras/os en galego. Na presente edición, e coa fin de dar un paso máis de cara a fomentar o mantemento das canles, non se poden presentar vídeos illados. As persoas participantes, ademais de ter cumpridos os 14 anos, terán que ter canle en Youtube con alomenos cinco traballos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.

Os premios de canle, vídeo e youbeiro/a están dotados con 1.000 euros cada un, as persoas gañadoras do resto das categoráis levarán 500 euros.

Manuel Iglesias Turnes, autor do libro, guiou os asistentes e explicoulles algúns dos lugares da parroquia de Cabanas e das anécdotas que saen no libro

Ruta rapazas Xan 1

Sendeirismo e literatura volveron darse cita esta mañá na Baña. Preto de medio cento de persoas desprazáronse ata a parroquia de Cabanas para coñecer algúns dos lugares e anécdotas que aparecen no libro ‘As rapazas de Xan’. E foi o propio autor do libro, Manuel Iglesias Turnes, quen lles explicou en que se inspirou e que o motivou a escribir este libro.

No ano 2020 o Concello da Baña sinalizou esta ruta de sendeirismo, de 7,5 quilómetros, que percorre os principais lugares que Manuel Iglesias Turnes recolleu no seu libro ‘As rapazas de Xan’. Esta ruta literaria que hoxe percorreron 45 persoas, figura nun documental editado polo Concello da Baña o pasado ano para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Ruta rapazas Xan 2

Hoxe, Manuel Iglesias Turnes explicoulles ás persoas asistentes algúns dos lugares de Cabanas onde vivían as personaxes que recolle no seu libro editado por Xerais Narrativa en 2012. As 45 persoas asistentes á camiñada puideron volver vivir a historia de amor entre Manuel e Carmela que o autor do libro sitúa durante os tempos da posguerra en Cabanelas (Cabanas), entre malla e malla.

Ruta rapazas Xan 3