• Funcionará nas instalacións do colexio de luns a venres entre ás 7.30 e as 9.15 horas

  • Hai dispoñibles dous abonos mensuais diferentes segundo inclúa almorzo (50 €) ou non (40 €)

Madrugadores 1920

O vindeiro luns, 20 de setembro, poñerase en marcha o servizo de madrugadores no CPI San Vicente por terceiro curso consecutivo, unha medida que busca axudar ás familias a conciliar a vida laboral cos horarios escolares.

O Concello da Baña elaborou unha enquisa coa fin de consultar á veciñanza sobre o interese das familias para utilizar o servizo A Baña Madruga. Do total de respostas anónimas recibidas (7), a gran maioría (6) apuntaban a necesidade de incluír o almorzo. En canto a preferencia horaria e días da semana en que utilizarían o servizo, máis da metade das persoas que participaron na enquisa decantáronse polas opcións máis amplas: de 7.30 horas a 9.15 horas (un 57,1%) e todos os días (42,9%). Os luns foron escollidos por todas as familias, seguidos polos mércores e venres (85,7%) e, por último, polos martes e xoves (71,4%).

O programa de conciliación A Baña Madruga correspondente ao curso 2021/2022 levarase a cabo nas instalacións do CPI San Vicente de luns a venres entre as 7.30 e as 9.15 horas.

Para gozar de dito servizo hai dispoñibles dous abonos mensuais diferentes segundo inclúa almorzo (50€) ou non (40€). Tamén poderá empregarse en días soltos cun custo de 4 euros.

As familias interesadas poden inscribir as súas cativas e cativos nas oficinas do Concello ou cubrindo os impresos que figuran nos documentos adxuntos e entregándoos no Concello ou enviándoos por sede electrónica.