• As cen prazas do xantar popular levan cubertas dende o martes, pero os pulpeiros atenderán por libre ao resto de comensais

  • Haberá obradoiros de instrumentos tradicionais, la, cerámica, sombreiros de palla, cestos ou conservas

  • Os Campantes da Baña abrirán o capítulo musical, que inclúe as actuacións de Os Monifates, SilvaRedonda e Faíscas da Pontagra

20210926 RomariaXacobea portada web

A carballeira do Seilán, na Baña, acollerá este domingo 26 de setembro unha festa popular que se desenvolverá ao longo de todo o día e contará con mercadiño, obradoiros de artesanía, actuacións musicais e unha xuntanza gastronómica.

A I Romaría Xacobea O Seilán dará comezo ás 11 da mañá coa apertura dos postos de venda e a exposición de produtos da terra, ademais dunha demostración de xardinería do alumnado do obradoiro de emprego Mocidade 2020.

Os talleres arrancarán ás 11.15 horas cun obradoiro de instrumentos tradicionais a cargo de Emilio Lois. Durante o xornada, sucederanse despois outros de artesanía en la (12.00 horas), cerámica (12.00 horas), sombreiros de palla (12.30 horas), cosmética natural (16.00 horas), cestos de vimbio (16.30 horas), artesanía en papel (17.00 horas), conservas de alimentación (17.30 horas) e novamente de artesanía en la (18.00 horas). As persoas interesadas en participar só teñen que dirixirse a alguén da organización para saber se hai praza.

O programa, que inclúe a celebración da misa ao mediodía, comprende tamén as actuacións das agrupacións folclóricas e de música tradicional Os Campantes da Baña (12.00 horas), Os Monifates (16.00 horas), SilvaRedonda (17.00 horas) e Faíscas da Pontagra (18.30 horas).

O Xantar Xacobeo poñerá a nota gastronómica cun menú xenuíno composto por empanada, polbo, carne ao caldeiro, rosca e café a un prezo de 13 euros. O aforo tivo que limitarse por causa da covid a cen prazas que xa están cubertas dende o martes. Só poderán acceder a esta carpa as persoas que teñen ticket. Non obstante, os pulpeiros contarán con outra carpa na que servirá por libre a toda a veciñanza que queira comer na carballeira.