- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 2162
-
A cantante receita “inculcar o respecto desde ben pequeniños” como fórmula para conseguir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres
-
Protagoniza o noveno vídeo da serie ‘A Baña en feminino’, que se publica no día das festas patronais de San Vicenzo
A cantante Rosa Rodríguez Álvarez é o 50% do Dúo Rosán e conta cunha longa traxectoria no eido das orquestras e da verbena en Galicia. Esta veciña da Baña radiografía o papel da muller na música coa súa participación no vídeo que se publica coincidindo coas festas patronais en San Vicenzo da Baña, dentro da serie audiovisual ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’.
A xuízo de Rosa Rodríguez “mellorouse moito na música e agora hai varias mulleres que están levando a batuta”. A cantante sitúa os progresos na igualdade tamén noutros sectores: “antes non se vía unha muller camioneira cando agora si se ven”, afirma. E engade que “avanzamos moitísimo e seguiremos avanzando, pero paseniñamente, porque non é fácil”.
Neste sentido, Rosa Rodríguez receita “inculcar o respecto desde ben pequeniños” como medida para conseguir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. “Non porque sexa papá ten que conducir e mamá ten que ir ao seu carón; mamá pode conducir e papá pode facer as camas ou fregar a louza”. Hai que “compartir e respectar”, sentencia a cantante.
Preguntada sobre o xeito de vestirse das mulleres nas actuacións, Rosa Rodríguez considera que non é nin unha forma de liberación feminina nin un símbolo de opresión das mulleres. “Creo que ningunha das dúas cousas”, asegura a intérprete, e engade que “levo moitos anos neste mundo e ninguén me obrigou a vestir dun xeito ou doutro”. En opinión de Rosa, “as cantantes vístense así porque teñen que dar unha imaxe e porque se senten ben, pero non porque o necesiten”. Do mesmo xeito, engade que “tamén os homes van agora máis musculados porque é parte do espectáculo. Non quere dicir que antes non o fora, pero quizais se baseaba máis en escoitar música e ir bailar, o que era a esencia da verbena”.
Por último, Rosa Rodríguez recomenda cancións que defenden a igualdade das mulleres e dos homes e mesmo canta algún fragmento no vídeo. Unha en galego, Son muller, do grupo Máis boas cás patacas, que di "mulleres é o que somos e mulleres seremos, desprezadas, maltratadas, iso non queremos". E outra en castelán, de Merche, titulada Abre tu puerta, “que creo que a xente non estaba concienciada de que era especialmente para nós”.
A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural
O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce vídeos que o Concello está a publicar na súa canle de YouTube en 2021, a razón e un audiovisual por mes, nos que se lles dá voz a veciñas do municipio que se desempeñan en diversos eidos. Ten por obxectivos principais visibilizar as mulleres bañenses dentro dunha contorna aínda maioritariamente machista e axudar a reflexionar sobre a situación actual en canto a xénero, ao tempo que se promove a igualdade de xénero e se fomenta o uso do galego.
- Noelia Castro, graduada en Educación Infantil e monitora de ocio e tempo libre, convidou a reflexionar sobre o cambio de mentalidade necesario para a igualdade. Fíxoo nun vídeo publicado no Día Internacional da Mocidade, no que esta veciña de Lañas de 22 anos salientou a importancia dos campamentos como “espazos idóneos para promover a igualdade desde a primeira infancia”.
- Carme Liñares, avoa de cinco netos, protagonizou o vídeo publicado en xullo, con motivo do Día Internacional das Avoas e dos Avós. Esta veciña de Cabanas constataba o difícil que foi “chegar á liberdade de hoxe, porque antes a muller non tiña voto para nada” e convidaba a non dar pasos atrás.
- Verónica Liñares, enxeñeira de Montes e veciña de Ordoeste, incidiu no mes de xuño na necesidade de dotar á sociedade de “referentes femininos para que desapareza a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías”.
- A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.
- Coincidindo co Día do Libro o 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. “É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliñaba a filóloga e escritora de Duomes de Arriba.
- Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar.
- En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais, ao tempo que censuraba a existencia de “micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos”.
- A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie ‘A Baña en feminino’ o pasado mes de xaneiro, co gallo do Día Internacional da Educación, falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1905
-
As clases comezarán a finais de mes no primeiro caso e o 5 de outubro na de música tradicional
-
Os formularios pódense descargar nos arquivos adxuntos

O Concello da Baña abre hoxe o prazo de matrícula para o curso 2021-2022 na Escola Municipal de Música, que comezará as clases a finais deste mes, e na Escola de Música Tradicional, que retomará as ensinanzas o 5 de outubro. As persoas interesadas poden cubrir os formularios que se atopan na páxina web e formalizar a inscrición no departamento de Educación e Cultura.
A Escola Municipal de Música da Baña ofrece a posibilidade de aprender ou mellorar coñecementos en once instrumentos, ademais de canto e solfexo. As clases están dirixidas para nenas e nenos a partir de 3 anos e tamén para persoas adultas.
As especialidades que poden cursarse son percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, guitarra e acordeón. Por cada instrumento pagarase unha mensualidade de vinte euros, cun desconto da metade do importe para o segundo e seguintes membros da mesma unidade familiar. As clases de solfexo están incluídas tamén na matrícula e, ao igual que o ano pasado, tamén se ofrece formación en canto.
Polo que respecta á Escola de Música Tradicional, que comezará as clases o 5 de outubro, as especialidades que se impartirán son as de gaita e percusión (tanto para infantil como para adultos) e pandeireta, neste caso só para maiores de idade. Ten que haber un grupo mínimo de cinco persoas para que poidan impartirse. O prezo será de 30 euros por todo o curso.
Os formularios de inscrición, así como a declaración responsable e a autorización de imaxe pódense descargar na páxina web. A formalización da matrícula debe facerse no departamento de Cultura e Educación do Concello.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1296
-
O Concello solicitou unha xuntanza por primeira vez en marzo, pero a Consellería aínda non respondeu
-
O edificio, de máis de corenta anos, precisa da renovación de tellado, fachadas e ventás para evitar filtracións, goteiras, humidades e riscos de desprendemento de tellas, e para procurar unha mellor eficiencia enerxética

Foto de arquivo do CPI San Vicente, de 2017
Máis de cinco meses despois, o Concello da Baña continúa sen recibir resposta por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade á solicitude de reunión para tratar das melloras que precisa o CPI San Vicente con carácter urxente.
O colexio, construído na súa maior parte a finais dos anos setenta, precisa acometer diversas reformas para seguir ofrecendo servizos con garantías. Así, é necesario reparar tanto o tellado coma as fachadas e as ventás para previr as filtracións de auga e evitar as humidades, así como mellorar a eficiencia enerxética dun edificio con máis de corenta anos.
Desde o Concello solicitouse unha xuntanza coa Xefatura Territorial da Consellería na Coruña en varias ocasións, a primeira delas o día 8 de marzo. Porén, estes requirimentos nunca foron respondidos pola Xunta. O centro xa comunicou no mes de novembro de 2020 á Unidade Técnica da Consellería as diversas deficiencias que se rexistran no edificio: filtracións de auga no comedor e en distintas aulas, problemas na fachada exterior e nas cubertas dos edificios de Infantil e Primaria ou anomalías estruturais que esixen una actuación urxente.
Para o curso que vai comezar, o CPI San Vicente contará con dúas aulas en Infantil, seis en Primaria (unha menos que o ano pasado) e cinco en Secundaria. A matrícula descendeu nalgúns cursos e, de feito, só hai tres matrículas para o cuarto curso de Infantil.
Por outra banda, a dirección do centro en colaboración co Concello da Baña, traballa por atraer ao centro escolar a todos os pequenos e pequenas residentes no concello. De feito, no vindeiro curso 21-22 ampliouse a área educativa á parroquia de Troitosende, o cal garantirá aos pequenos e pequenas desta parroquia os servizos de transporte e comedor escolar.
Á espera da actualización dos protocolos, as medidas de prevención contra a covid-19 serán semellantes ás do curso 2020-2021. Neste sentido, a amplitude do edificio fai posible que haxa espazo suficiente para cumprir coa separación interpersoal prevista sen necesidade de realizar reformas ou modificar o uso de espazos como a biblioteca ou os ximnasios. De feito, para unha atención máis segura do servizo de comedor, xa o curso pasado se habilitou unha aula para que funcione como segundo comedor, conseguindo garantir así o distanciamento social requirido.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 923
O Concello da Baña elabora unha enquisa entre as familias do CPI San Vicente para coñecer a demanda do servizo de madrugadores A Baña Madruga de cara ao vindeiro curso 2021-2022.
O obxectivo é coñecer as necesidades reais de conciliación das familias para valorar a conveniencia de seguir mantendo este servizo, tendo en conta o número de nenos e nenas que farían uso deste e en que condicións: con ou sen almorzo, horarios ou días de asistencia.
As persoas interesadas poden cubrir a enquisa neste enlace (preme aquí).
O programa de conciliación A Baña Madruga é un servizo de almorzo e ludoteca para a veciñanza máis cativa que está escolarizada e, coma nos dous cursos anteriores, levarase a cabo nas instalacións do mesmo centro educativo de luns a venres entre as 7.30 as 9.15 horas.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1439
-
Problemas de axenda provocan cambios na programación do Verán Cultural

O Verán Cultural da Baña chega con dúas novas citas este xoves 19 de agosto, aínda que con algún cambio motivado por problemas de axenda.
Deste xeito, a anunciada actuación de Pulpiño Viascón en Sanamede do Monte será substituída pola do grupo de música tradicional Ghazafellos, que xa estivo este domingo en Ordoeste. A hora de inicio mantense ás 13.00 horas.
Pulpiño Viascón, como estaba previsto, si levará a Suevos os seus instrumentos de rúa aínda que cambia o horario de comezo do espectáculo, que será ás 13.00 horas en vez de ás 14:00.
O Verán Cultural da Baña conta con máis dunha ducia de citas dirixidas a apoiar o programa de festas das distintas parroquias do concello así como o sector cultural galego.
