• “A educación dende nenos é o fundamental para conseguir avanzar na igualddae de oportunidades”, asegura

  • Promoveu a creación da Asociación de Mulleres Alborada, na que pide implicación das bañenses máis novas

 

“Na miña casa fago o mesmo que me ensinaron meus pais: todos facemos de todo. Dende que nos casamos, o meu home e máis eu compartimos os traballos todos, tanto en nenos, como en comidas ou no campo. Entre os dous sacamos adiante todo, e os meus fillos igual. Lavan, pasan o ferro, limpan a fan de comer, aínda que a cada un gústalle máis unha cousa que outra”. Natural de Covas (Negreira), a ex perruqueira Isabel Giraut Mallón leva 37 anos vivindo na Baña, onde foi unha das promotoras da Asociación de Mulleres Alborada.

Hoxe, que se conmemora o Día Internacional da Muller, e para seguir avanzando en igualdade, “o fundamental” para Isabel Giraut “é unha boa educación dende a infancia”. “De pouco sirve que teñan carreiras e moitos medios se falla o principal: a educación dende nenos. Eso é o principal”, asegura esta muller que tivo que deixar a súa actividade profesional por unha enfermidade, pero non por iso deixa de estar activa.

A protagonista do terceiro vídeo A Baña en feminino, unha iniciativa do Concello da Baña para axudar a visibilizar o papel da muller do rural; Isabel Giraut recoñece que o feito de ter un traballo dende nova (chegou á Baña con vinte anos para facer prácticas de perruqueira e xa non marchou) “axudoume e non tiven problema para desenvolverme. A outras mulleres que non tiñan unha profesión costoulles máis, era máis difícil desprazarse, porque non había tantos coches nin autobuses como agora”.

Durante a súa etapa profesional recoñece que, como tiña a perruquería na casa, facía máis labores domésticas, “ata que chegaba o meu marido”.  Cando non tiña clientas, Isabel aproveitaba o tempo para “facer todo o que hai que facer nunha casa. Xa non era a primeira clienta que lle daba o biberón aos nenos. En canto chegaba o meu marido, botaba unha man e repartiamos o traballo da casa”, asegura.

O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce audiovisuais que se publicarán na canle de Youtube do Concello ao longo deste ano, a razón de un por mes.  A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie o pasado mes de xaneiro falando das súas vivencias e os avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade. En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclama “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais.

20210308 Bana Feminino 03 Isabel Giraut

  • Impartirarse a partir das seis da tarde pola plataforma Zoom

  • Todas as persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 607 153 604 ou mandando un mail a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

obradoiro de regueifa

Tralo éxito acadado polo primeiro obradoiro de regueifa en liña celebrado o pasado mes de febreiro, o Concello da Baña volve convocar para este sábado 6 de marzo un novo taller telemático de improvisación oral en verso. O curso, gratuíto, será impartido outra vez a través da plataforma Zoom pola xornalista e profesora de galego Olalla Liñares.

Este taller en liña comezará ás seis da tarde e terá unha duración aproximada de hora e media. Poderá inscribirse calquera persoa que o desexe enviando un correo electrónico ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.) ou chamando por teléfono ao número 607 153 604. Terá que indicar nome, apelidos, dirección de correo electrónico e número de teléfono. No caso de que o interesado teña menos de doce anos, deberá estar acompañado durante o obradoiro dunha persoa adulta.

No primeiro obradoiro, celebrado o pasado 13 de febreiro, participaron un total de quince persoas. Conectáronse dende A Baña, Negreira, Santiago, A coruña, Vigo e ata Brasil e remataron o taller improvisando xa as súas propias regueifas.

  • O mozo filloeiro protagoniza o vídeo de febreiro de ‘A Baña en feminino’, iniciativa do Concello para reflexionar sobre a igualdade de xénero no rural
  • Reclama a necesidade de buscar mecanismos para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes

 

O mozo bañanse Carlos Sande Manteiga, que participa dende hai varios anos como filloeiro na Festa da Filloa da Baña, é o segundo protagonista da serie ‘A Baña en feminino’ coa que o Concello bañense convida a reflexionar sobre o papel da muller e a igualdade de xénero nun contexto rural. Carlos participa na iniciativa co desexo de “contribuír a visibilizar o papel da muller na sociedade”, un labor que coida que teñen que desempeñar tanto homes coma mulleres.

O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce audiovisuais que se publicarán na canle de Youtube do Concello ao longo deste ano, a razón de un por mes.  A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie o pasado mes de xaneiro falando das súas vivencias e os avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.

Agora, en febreiro, é un home novo o que razoa en voz alta sobre a necesidade de buscar entre todas as persoas, con independencia do seu xénero, as “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais.

Carlos Sande, que se desenvolve nun contexto feminino como é o das filloeiras, incide en actitudes como a de asociar un mandil a unha muller, micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos. Cre este rapaz de Ordoeste que a desigualdade se agrava en contornas rurais, máis tradicionais e nas que as mulleres adoitan estar dedicadas ás tarefas domésticas e aos coidado.

20210213 Carlos Sande Manteiga Bana Femino

  • Cada un dos galardóns está dotado con 100 euros para gastar no comercio local 

  • Elena fíxose tamén co premio do público ao acadar un maior número de Me Gusta en Facebook

elena coplas

Elena López García, na categoría de adultos, e David e Mateo Pereiro Mejuto, en categoría xuvenil, proclamáronse gañadores do concurso en liña de coplas de entroido bañense, co que este ano o Concello da Baña substitíu o tradicional desfile por causa da pandemia. Cada un dos garlardóns está dotado con 100 euros.

Elena recibirá ademais un lote de libros ao alzarse co premio do público, grazas a que o seu vídeo acadou un maior número de Me Gusta na páxina de Facebook do Concello.

Para reclamar o premio, as persoas gañadoras deberán persoarse no Rexistro Municipal aportando a seguinte documentación: o DNI, unha declaración responsable e un número de conta bancaria. Despois, poderán realizar un gasto equivalente a 100 euros en calquera dos establecementos que teñen a súa sede no termo municipal bañense. Por último, presentarán no Rexistro as facturas do gasto realizado. Teñen de prazo ata o 31 de maio deste ano.

  • Os participantes deberán gravar un vídeo de menos de 2 minutos, con coplas de 8 estrofas en galego

  • O concurso está dotado con 300 euros en premios para os gañadores das tres categorías. O premio do público será un lote de libros

  • Precísase inscrición previa e subir os vídeos antes do 19 de febreiro

20210210 concurso coplas

O Concello da Baña anima a veciñanza a tirar de imaxinación, creatividade e novas tecnoloxías para celebrar o Entroido a pesar das restricións derivadas da pandemia. Se o ano pasado o desfile do Entroido da Baña foi un dos máis concorridos da comarca, e chegaron comparsas de toda Galicia, este ano a Concellaría de Cultura convida a todos a volver participar tirando de retranca, enxeño e dotes interpretativas, tres dos apartados que se puntuarán no I Concurso en liña de coplas do entroido bañense. O importe dos premios deberá gastarse no comercio local da Baña, como fórmula para colaborar coa economía do municipio.

Neste concurso poderán participar todas as persoas que o desexen, graven un vídeo de menos de 2 minutos con coplas de Entroido, e o compartan na páxina de Facebook do Concello da Baña. As persoas interesadas teñen ata o 17 de febreiro para inscribirse, e ata o venres 19 para subir o seu vídeo. Cada persoa pode presentar un máximo de 2 vídeos.

Establécense tres categorías: infantil (para menores de 9 anos), xuvenil (de 9 a 18) e adultos (maiores de 18 anos). En caso de grupos, os integrantes deberán ser conviventes e ningunha das persoas participantes poderá superar a idade indicada para cada categoría. O concurso estará dotado con 100 euros en premio para o gañador de cada categoría. Haberá tamén un premio especial do público (aquel vídeo que consiga máis gústame na páxina de Facebook), que consistirá nun lote de libros.

Para participar, primeiro hai que mandar un correo electrónico ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello, ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. indicando nome completo, DNI e idade dos participantes, así como o título do vídeo (que será o mesmo que o título da copla). En 24 horas recibirán a resposta de que está confirmada a inscrición e xa poderán subir o vídeo, como comentario a publicación que faga o Concello sobre este concurso na páxina de Facebook.

As coplas teñen que estar en idioma galego, ter un mínimo de 8 estrofas, ser cantadas e inéditas.

O xurado, presidido pola concelleria de Cultura e composto por por cinco persoas, fará público o seu veredicto o 24 de febreiro. Para elixir aos mellores vídeos de cada categoría valorará a letra, interpretación, posta en escena, calidade lingüística, enxeño, humor, retranca, sentido crítico, relación coas temáticas da contorna e vinculación coa tradición do Entroido.

Os gañadores terán ata o 31 de maio para presentar no Concello a xustificación de que fixeron un gasto igual ou superior ao importe do premio en calquera empresa, comercio ou establecemento que teña a súa actividade na Baña.

Consulta as bases no documento adxunto.