-
O encontro celebrarase no pavillón de San Vicenzo e contará con actuacións musicais ao longo da xornada
-
A programación inclúe a participación da Escola de Música Tradicional da Baña, da Charanga O Rumbo e do DJ Vieito
O Concello da Baña celebrará este domingo, 7 de xuño, a III edición do Xantar Veciñal, unha cita de convivencia que reunirá a arredor de 500 persoas no pavillón polideportivo municipal de San Vicenzo.
Organizado a través da concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, o encontro consolídase como unha das actividades de participación social do calendario municipal, favorecendo o reencontro entre a veciñanza e creando un espazo para compartir unha xornada en común.
Ademais do xantar ás 14.00 horas, a programación contará con varias actuacións musicais que amenizarán a celebración. A Escola de Música Tradicional da Baña abrirá a parte cultural da xornada, que continuará coa actuación da Charanga O Rumbo e coa sesión musical de DJ Vieito. Estas actividades desenvolveranse co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
O Concello habilitará tamén un servizo de autobús para facilitar o desprazamento das persoas asistentes que o solicitaron previamente no momento da retirada das invitacións.
Desde o Concello da Baña agradécese a resposta da veciñanza a esta convocatoria, que volverá converter o municipio nun punto de encontro para persoas de diferentes xeracións nunha xornada de convivencia e participación.