• A actividade desenvolverase do 26 de agosto ao 4 de setembro nas instalacións do Campamento Xuvenil de Pontemaril

  • O programa oferta 17 prazas e as solicitudes poderán presentarse ata o 18 de xullo

20260707 Cartel campamento Forcarei horizontalO Concello da Baña abre o prazo de inscrición no Campamento de verán con pernocta 2026, dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos. A actividade desenvolverase do 26 de agosto ao 4 de setembro nas instalacións do Campamento Xuvenil de Pontemaril, no municipio pontevedrés de Forcarei.

O programa oferta un total de 17 prazas e fai parte do programa de conciliación municipal desenvolvido pola Concellería de Acción social, cultural e servizos á cidadanía. O seu obxectivo é ofrecerlle á rapazada unha experiencia de convivencia durante as vacacións estivais, cunha programación de carácter lúdico e educativo, ao tempo que contribúe a facilitar a conciliación das familias.

As actividades previstas terán carácter educativo e cultural e estarán orientadas a favorecer a convivencia, a cooperación e o desenvolvemento persoal e colectivo das persoas participantes.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de xullo. As solicitudes deberán ser asinadas pola nai, pai ou persoa titora legal do menor e poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello da Baña, a través da sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa de procedemento administrativo. O formulario e a documentación necesaria están dispoñibles na web municipal.

As bases establecen unha orde de prioridade para a adxudicación das prazas. Terán preferencia, en primeiro lugar, os menores pertencentes a unidades familiares empadroadas na súa totalidade na Baña ou, nos supostos previstos, aqueles nos que estean empadroados o menor e o seu pai, nai ou persoa titora legal. A continuación sitúanse os fillos e fillas do persoal que presta servizo no Concello e, finalmente, menores de familias non censadas no municipio.

O prezo público do campamento é de 140 euros para o primeiro fillo ou filla, 105 euros para o segundo e 70 euros para o terceiro. Para as unidades familiares empadroadas na Baña que cumpran os requisitos socioeconómicos establecidos nas bases e non conten con ingresos iguais ou superiores a dúas veces o IPREM, contémplanse tarifas bonificadas de 40 euros para o primeiro fillo ou filla, 30 euros para o segundo e 25 euros para o terceiro.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de solicitudes admitidas, as persoas beneficiarias deberán efectuar o pagamento nun prazo de 5 días hábiles. A falta de pagamento suporá a perda da praza.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía no teléfono 981 886 501.