20260601 Banha envellecemento activo 1

O Concello da Baña celebrou este luns, 1 de xuño, o acto de clausura das actividades do programa de Envellecemento Activo correspondentes ao curso 2025/2026, unha iniciativa impulsada desde a área de Servizos Sociais que volveu reunir ao longo do ano numerosas persoas maiores do municipio.

A xornada foi organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, dirixida por Mónica González, en colaboración co persoal dos Servizos Sociais municipais. Durante o encontro fíxose entrega dos diplomas que recoñecen a implicación das persoas participantes nas actividades de estimulación cognitiva e de ximnasia de mantemento desenvolvidas ao longo do curso. O acto contou tamén coa participación dos monitores Jenni e Kevin, encargados de impartir estas actividades, así como coa presenza do alcalde da Baña, José Antonio Pereira.

A programación da clausura completouse cunha das actividades máis agardadas polas persoas asistentes, as tradicionais partidas de bingo, que serviron para pechar a xornada nun ambiente de convivencia.

Desde o Concello da Baña agradecen a acollida que volveu ter este programa e destacan a súa contribución á participación social e ao mantemento de hábitos activos entre as persoas maiores do municipio.

Co remate das actividades chega agora o descanso estival, á espera dunha nova edición do programa no próximo curso.

20260601 Banha envellecemento activo 4