O Concello da Baña executou o programa voluntariado sénior, financiado pola Consellería de Política Social, para coñecer a opinión das persoas do municipio maiores de 55 anos e a súa valoración sobre a calidade de vida, infraestruturas e recursos (actividades, servizos que reciben, etc.) dos que dispoñen, coa finalidade de mellorar o envellecemento activo e saudable da poboación do municipio. Este proxecto, denominado ‘Compartindo a calquera idade’, contou cunha achega de 2.400 euros da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.
1.- Denominación do proxecto
Compartindo a calquera idade
2.- Xustificación e situación de partida
O Concello da Baña é un concello rural de 3.431 habitantes dos cales 839 son homes con idades entre 55 e 104 anos e 1.044 son mulleres entre 55 e 104 anos.
O Concello ten 15 parroquias e a poboación está moi envellecida e illada. As comunicacións entre lugares ou coa capital do concello son nulas dependendo de taxis ou de vehículos de familiares, para acudir ao centro de saúde, concello, entidades bancarias, supermercado...
As actividades realizadas con esta poboación son basicamente as do Servizo de Axuda no Fogar, Comedor sobre rodas, Lavandería sobre rodas, de estimulación cognitiva e exercicio físico na capital e nalgunhas das parroquias. Todas as parroquias do concello dispoñen de local social.
Consideramos necesario analizar a situación desta poboación que supón unha porcentaxe tan alta do total de habitantes do Concello da Baña.
Para iso queremos que sexan eles mesmos os que reflictan e analicen as súas necesidades e as posibles formas de suplir ditas carencias.
3 Obxectivos
-Formar a persoas maiores de 55 anos no voluntariado e acción voluntaria.
-Analizar as necesidades comunitarias, en concreto dos nosos maiores.
-Recoller iniciativas de mellora dos servizos comunitarios.
-Crear e ampliar un grupo de voluntariado senior estable que faga un seguimento do proxecto, poida desenvolver algunha das respostas a esas necesidades (se se detecta persoas soas, facer acompañamentos...) e facer crítica construtiva de todo o que vai acontecendo.
-Eliminar estereotipos sobre as persoas maiores e valorar a súa experiencia para a modificación das actuacións e situación do concello relativo a esta poboación.
4.Desenvolvemento do proxecto. Fases
4.1- Campaña de difusión sobre o voluntariado sénior: a través tanto das novas tecnoloxías (facebook e páxina web do concello) como de cartas ás persoas destinatarias da campaña. O día 6 de agosto difundiuse a través das redes sociais do Concello un resumo do programa e a invitación a participar como persoas voluntarias. O día 12 de agosto publicouse nas redes sociais a mesma información pero destinada a persoas de 55 anos ou máis que se ofertaran a ser enquisadas.
4.2- Selección das 8 persoas voluntarias e persoal técnico, formación sobre o voluntariado, obxectivos do proxecto e as súas funcións. O grupo de voluntariado quedou constituído por 5 homes e 3 mulleres.
4.3- Debido á situación da Covid o contacto e a formación das persoas voluntarias fíxose de xeito individualizado. Logo noutra sesión conxunta (garantindo as medidas sanitarias) realizouse un debate entre as persoas voluntarias e o persoal técnico para a elaboración dunha enquisa con preguntas abertas, sobre aspectos que o colectivo de persoas maiores queren ou consideran que debe ser modificado ou ben conservar ou mellorar, reducida a un número de cuestións para a creación dunha análise de necesidades.
4.4- Ante a situación Covid ofertóuselles a posibilidade de facer as enquisas de xeito telefónico pero as persoas voluntarias decidiron utilizar o porta a porta. A súa función, nun principio, porque o proxecto é máis amplo, consistía en repartir as enquisas explicar a súa finalidade, entregalas nas casas (que voluntariamente aceptaron) e pasar a recollelas noutro día.
Todas as enquisas avaliadas cumpren coa normativa de protección de datos de carácter persoal (ver documento adxunto).
A técnica do concello recolleu todas as enquisas, desbotou as que non cumprían os requisitos esixidos (ben por non estar autorizada a cesión de datos ou por faltar algún dato como o sexo ou a idade que permitisen a súa avaliación) e elaborou o documento de resultados da enquisa (ver documento adxunto).
Informamos da posibilidade de cumprimentar a enquisa, por parte das persoas que non o fixeron anteriormente, e tamén se convida a todas as persoas de 55 anos ou máis a incorporarse como voluntarias ao proxecto que é moito máis amplo.
Tanto se queren ser enquisados como formar parte do voluntariado sénior poden informarse e comunicalo no teléfono 981 817 605 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou presencialmente na Casa da cultura de luns a venres en horario de 10 a 14 horas.
Enquisa e documentación
A esquisa que se elaborou para este proxecto, como o resultados da mesma e o tratamento de datos, pódense consultar nos documentos adxuntos.