-
Permítelle adquirir produtos básicos de alimentación, hixiene ou farmacia ás familias vulnerables economicamente
-
O importe por trimestre oscila entre os 450 euros para unha persoa e os 900 para familias de tres membros ou máis
A Xunta de Galicia amplía outros tres meses máis a vixencia da tarxeta básica, iniciativa destinada a paliar os efectos económicos provocados pola Covid-19 axudando a familias en situación de vulnerabilidade a adquirir produtos básicos de alimentación, hixiene ou farmacia.
Esta tarxeta, que é anónima e entrou en funcionamento o pasado mes de xullo, beneficiou xa unhas sete mil familias. Agora estas mesmas familias poden solicitar a ampliación da achega por tres meses máis, ata fin de ano, e tamén poden optar a ela novos solicitantes.
O importe das tarxetas por trimestre será de 450, 600 e 900 euros en función de que os membros que compoñen a unidade familiar sexan un, dous ou tres ou máis, respectivamente.
A tarxeta beneficia persoas ou familias residentes en Galicia que se atopan en situación de vulnerabilidade económica porque os seus ingresos ou prestacións están por debaixo dos ingresos mínimos marcados pola Risga. Para solicitala, as persoas interesadas deben acudir aos traballadores sociais dos seus concellos e da súa xestión encargarase a Cruz Vermella. O habitual é que reciban as tarxetas nun prazo de 72 horas.
Máis información premendo aquí.