A oferta de actividades culturais e deportivas do Concello da Baña para o curso 2020-2021 inclúe a estimulación cognitiva e a ximnasia de mantemento para maiores de 55 anos. Con respecto a anos anteriores, este curso haberá novidades no desenvolvemento destas actividades para evitar a transmisión da enfermidade do coronavirus.
Deste xeito, o curso de estimulación cognitiva seguirá un modelo semipresencial. Isto é, persoal do concello será o encargado de levar e recoller o material nos domicilios das persoas participantes.
No que respecta á ximnasia de mantemento, que viña celebrándose por parroquias en anos anteriores, desta volta realizarase unicamente en San Vicenzo. A configuración dos horarios realizarase en función dos grupos, unha vez que finalice a inscrición.
As persoas interesadas en participar en calquera destas actividades poden dirixirse ao Concello da Baña para anotarse ou solicitar máis información.