-
A veciñanza poderá gozar de dous espectáculos cada fin de semana de novembro
-
As actuacións desenvolveranse nos locais sociais de san Vicenzo, san Cibrán, Suevos, Troitosende e Marcelle, e no CIP San Vicente
O Mes pola igualdade da Baña é o lema escollido polo concello bañés para desenvolver ao longo do mes unha serie de actividades en prol da igualdade, coincidindo coa celebración o 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
A apertura na Praza do Concello dun punto de información enmarcado na campaña Agresión Off e un espectáculo de batucada a cargo da formación Somdelilá inauguraron hoxe a programación do Mes pola igualdade da Baña. As actividades de sensibilización continuarán ao longo de novembro coa posta en escea dun total de dez espectáculos que se desenvolverán en varias parroquias durante as fins de semana. O propio 25 de novembro, o púbico será o alumnado do CIP San Vicente
Trala batucada de hoxe, a programación reanudarase o venres 6 ás 18:00 horas cun concerto de Magín Blanco no local social de san Vicenzo. O sábado 7 será o monologuista Pedro Brandariz quen actuará no local social de san Cibrán ás 21:00 horas. ‘Partido dos gordos unidos’ é o título do seu espectáculo, orientado a público adulto.
Xa na seguinte fin de semana, a veciñanza poderá gozar con dúas actuacións para público familiar e infantil. O venres 13 Fani Triana preguntará no local social de Vicenzo ‘Igualdade, onde estás?’, mentres que o domingo 15 Caxoto chegará ao local social de Suevos con ‘Contos novos, vellos finais’ . Ámbalas actuacións terán lugar ás 18:00 horas.
Pola súa parte, Fantoches Baj e Isabel Risco recalarán nos locais sociais de san Vicenzo e Troitosende, respectivamente, os días 20 e 22 de novembro. Fantonches Baj representará a obra ‘Novos lobos’ para público infantil en San Vicenzo ás 18:00 horas, en tanto que Isabel Risco aterrará o domingo ás 21:00 horas en Troitosende co seu espectáculo para adultos ‘Naviza girl’ .
O día 25, no CPI San Vicente
O 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, será o alumnado do CPI San Vicente quen poida asistir á representación de ‘O amar non sempre triunfa’, que chegará ao colexio da man da compañía Andamiaxe.
O mes pola igualdade na Baña pecharase os días 27 e 29 de novembro con dúas actuacións para público infantil a cargo de Raquel Queizás, que fará parada en san Vicenzo con ‘O xogo do Nano’, e Galeatro, que visitarán o local social de Marcelle con ‘O camiño da lingua’. Os dous espectáculos comezarán ás seis da tarde.
Toda a programación e aforos quedan supeditados ás normas e protocolos que se establezan por causa da evolución da pandemia da covid-19.