• Trátase das pistas que van de Carballeira a Liñares, de Carballeira á Riba e da Riba a Ferreiros //

  • O convenio foi asinado o luns polo alcalde, José Antonio Pereira, e a conselleira de Vivenda e Infraestruturas //

 

O Concello da Baña obtivo un préstamo da Xunta de máis de 380.000 euros para mellorar diferentes viarios do municipio. Así o recolle o convenio de colaboración que asinou este luns o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e co secretario xeral técnico, Yago Borrajo. Ao acto asistiu tamén o concelleiro de Obras, Urbanismo e Medio Rural, Jesús Manuel Pena.

O convenio ten como obxectivo concreto a mellora da capa de rodaxe da pista que comunica as zonas de Liñares e A Carballeira, a capa de rodaxe entre Carballeira e A Riba e a capa de rodaxe que une A Riba e Ferreiros.

O préstamo, que ascende a un total de 382.618 euros e está libre de xuros, enmárcase na convocatoria do ano 2025 do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes. Esta liña, dotada cun total de 3,7 millóns de euros, está destinada a financiar obras de conservación de patrimonio, de rexeneración urbana ou de adquisición de inmobles para rehabilitar.

 

WhatsApp Image 2025 08 05 at 09.08.28