• O goberno local impulsa unha ducia de actuacións estratéxicas que inclúen a mellora de viarios, extensión de redes de abastecemento e saneamento e reformas en centros educativos

  • O investimento, que ascende a 2.000.000 € (IVE incluído), finánciase con fondos propios e a colaboración da Deputación da Coruña

2025 convenio Deputacion obras

O Concello da Baña executará ao longo do ano 2026 un conxunto de obras cun investimento global de dous millóns de euros (IVE incluído), destinadas á mellora das infraestruturas municipais, con especial atención ao viario público, ás redes de abastecemento e saneamento e á optimización de servizos básicos.
Estas actuacións estarán financiadas con fondos propios do Concello da Baña e achegas da Deputación da Coruña, co obxectivo de seguir avanzando na modernización das infraestruturas e na mellora da calidade de vida da veciñanza, dando resposta ás necesidades detectadas nas distintas parroquias.
 
O groso do investimento destínase a unha profunda renovación da rede viaria municipal, enfocada en mellorar a seguridade e a comunicación entre os núcleos rurais. Entre as actuacións máis destacadas atópase o acondicionamento do viario de Lañas ao lugar do Pazo, en Cabanas, orzamentado en 299.900 euros, que terá continuidade coa mellora do tramo que vai desde o propio Pazo ata o límite municipal co Val do Dubra, cunha partida adicional de 94.800 euros.
 
A mobilidade tamén recibirá un impulso fundamental coa renovación da capa de rodaxe desde Liñares ata a Carballeira, un proxecto que supera os 382.000 euros, así como o reforzo do firme no traxecto que une Nantón con Buchaín (137.400 euros). No que respecta á parroquia de Suevos, o Concello actuará na vía de Marcelle ao Reguenco cun investimento de case 190.000 euros, completando este bloque coas melloras nos viarios de San Cibrán (139.900 euros) e do Busto, en Ordoeste (96.100 euros).
 
Compromiso cos servizos básicos 
 
No ámbito dos servizos básicos, o Concello da Baña acometerá a ampliación da rede de abastecemento de auga para garantir a subministración ao lugar de Nantón, cun investimento de 160.200 euros, e levará a cabo actuacións de saneamento nos lugares de Liñares e San Salvador, cun orzamento de 177.700 euros. A estas actuacións súmase o abastecemento de auga e a aplicación dunha capa de rodaxe en Seoane, na parroquia de Barcala, cun investimento de 160.900 euros, así como a ampliación da rede de abastecemento para a subministración de auga na parroquia do Barro, cun custo de 114.700 euros.
 
Finalmente, dentro deste paquete de investimentos inclúese tamén unha actuación de mellora no Punto de Atención Infantil (PAI) do municipio, cun orzamento de 19.900 euros, destinada a optimizar as instalacións e os servizos que se prestan ás familias.
 
Unha xestión solvente para o futuro
 
Este conxunto de actuacións responde a unha planificación global que permite actuar de maneira equilibrada en diferentes zonas do concello, atendendo ás demandas da veciñanza e reforzando infraestruturas esenciais para o desenvolvemento do municipio. 
O Concello da Baña reafirma deste xeito o seu compromiso coa mellora continua dos servizos públicos, coa colaboración institucional e cunha xestión responsable dos recursos económicos dispoñibles.