-
O concelleiro de Urbanismo reúnese coa xerente de Suelo Empresarial del Atlántico para avanzar na viabilidade do parque
-
A xuntanza celebrada en Santiago o 14 de maio serviu para analizar servizos, topografía e custos do solo
O Concello da Baña segue dando pasos firmes para facer realidade un parque empresarial no lugar da Eiroa, co obxectivo de atraer actividade económica ao municipio e facilitarlles solo industrial ás empresas interesadas en asentarse na comarca.
O concelleiro de Urbanismo, Jesús Manuel Pena, e persoal técnico reuníronse o mércores 14 de maio coa xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, nas oficinas deste organismo en Santiago de Compostela. Durante o encontro, abordáronse cuestións como a topografía do terreo, a dotación de servizos como a auga e a electricidade, e a necesidade de garantir uns custos asumibles para as parcelas empresariais.
Neste contexto, o Concello comprometeuse a redactar o proxecto de urbanización da superficie prevista —uns 200.000 metros cadrados— co fin de concretar a viabilidade técnica e económica do parque. O goberno local tamén traballa na adaptación dalgunhas ordenanzas municipais para facilitar a implantación de empresas de diversos sectores.
O proxecto conta cunha valoración positiva tanto polos informes iniciais elaborados pola SEA como polos estudos realizados previamente polo Concello. A colaboración entre ambas as entidades continúa a ser fluída e constante, coa intención común de converter este polígono nun motor de desenvolvemento para A Baña.
Beatriz Sestayo destacou a boa localización do municipio, próximo a Santiago, e a disposición de SEA para impulsar o proxecto sempre que se manteñan os compromisos adquiridos. “Compartimos co Concello a necesidade de dotar á Baña dunha superficie industrial adaptada ás necesidades actuais. Cremos que sería un bo investimento e imos facer todo o posible para que sexa viable”, sinalou.