• O Concello cubrirá o 100 % do custo do seguro de morosidade co obxectivo de ofrecerlles maiores garantías aos propietarios

  • As persoas interesadas en participar contarán coa axuda dun profesional que as orientará en cuestións legais, contratos e xestións administrativas

 

20250408 Vivendas ABanha webO Concello da Baña pon en marcha un Plan de Vivenda co obxectivo de dinamizar o mercado de alugueiro, dar uso ás vivendas baleiras e atraer nova veciñanza ao municipio. Trátase dunha iniciativa pensada para mellorar a accesibilidade á vivenda, fomentar o asentamento de persoas novas e loitar contra o despoboamento do rural.

Nunha carta remitida recentemente á veciñanza, o alcalde, José Antonio Pereira, destaca que a medida responde á vontade do goberno local de "aproveitar os recursos existentes e contribuír á revitalización do territorio". Nun contexto no que cada vez é máis difícil acceder a unha vivenda nos núcleos urbanos, A Baña quere poñer en valor as vantaxes de vivir no rural. "En tempos nos que o acceso á vivenda nos núcleos urbanos é cada vez máis difícil, as contornas rurais como a nosa ofrecen calidade de vida, tranquilidade e oportunidades", explica o rexedor.

O Plan de Vivenda contempla dúas liñas principais de apoio para aquelas persoas que dispoñan de inmobles desocupados e queiran poñelos en alugueiro. Por unha banda, a subvención do 100% do seguro de morosidade, ca fin de garantirlles seguridade e confianza aos propietarios que aposten por esta vía. Ademais, ofrece asesoramento técnico gratuíto, a través dun profesional do Concello que ofrecerá acompañamento en todos os trámites: elaboración de contratos, cumprimento dos requisitos legais, acceso a subvencións ou melloras, etc.

Deste xeito, o Concello pretende eliminar as barreiras que moitas veces frean aos propietarios á hora de alugar unha vivenda, facilitando e simplificando todo o proceso.

O alcalde anima as persoas que teñan vivendas baleiras habitables a informarse e participar neste plan, e fai un chamamento ao compromiso colectivo: "Entre todos e todas podemos facer da Baña un lugar aínda mellor para vivir. Este plan é unha oportunidade para xerar comunidade, atraer xente nova e aproveitar o que xa temos: casas que poden volver ter vida e familias que queren empezar un proxecto aquí".

O Concello manterá canles abertas de comunicación directa para resolver dúbidas e atender as persoas interesadas. Toda a información poderá consultarse tamén nas oficinas do propio Concello.