O Concello da Baña ten aberto o proceso de licitación para a obra de mellora da pista de Liñares a Suevos e outras actuacións, enmarcada no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Esta iniciativa conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), co obxectivo de mellorar a rede viaria rural do municipio.

O proxecto, que ten un presuposto base de licitación de 71.505 euros (IVE excluído), céntrase no reforzo e mantemento de camiños municipais, especialmente a mellora do firme e a limpeza e perfilado de noiros e cunetas. O prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas está aberto ata o 1 de outubro de 2024.

Entre os obxectivos desta actuación destacan a mellora da seguridade viaria e a redución dos tempos de desprazamento dos veciños, así como a conservación da rede viaria en boas condicións e a minimización do impacto ambiental. A obra busca tamén corrixir os desequilibrios territoriais, facilitando o acceso a zonas rurais máis desfavorecidas, e evitar posibles responsabilidades por accidentes nas vías municipais.

O prazo estimado para a execución dos traballos será de 6 meses desde a adxudicación do contrato.

Para máis información, pódese consultar o expediente na Plataforma de Contratación do Sector Público, premendo nesta ligazón.