- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1236
-
Toda a veciñanza poderá amosar as súas casas, cabazas, debuxos ou manualidades no Facebook do concello ata o día 1 de novembro
-
Cada unha das persoas participantes será obsequiada cun libro de espurgación

Neste Samaín, marcado polas restricións derivadas da pandemia da covid-19, o departamento de Cultura e Normalización Lingüística da Baña anima á veciñanza a celebralo en familia indagando sobre a nosa cultura e decorando as casas para compartir logo as súas creacións na páxina de Facebook do Concello. A todas as personas que participen agasallaranas cun libro de espurgación.
Para participar nesta iniciativa, denominada "celebra o Samaín en familia", calquera persoa pode compartir fotos das súas casas, as súas cabazas e os debuxos e traballos manuais que realice con froitos e follas propios da estación, incluíndo un lema en galego.
A participación estará aberta ata as 00:00 horas do 1 de novembro.
Cada participante recibirá un libro de espurgación, que poderá recoller a partir do 5 de novembro na axencia de lectura do Concello da Baña.
Como primeira intervención, as responsables de Cultura e Normalización Lingüística comezan por nos recordar aos druídas, xa que eran os encargados de celebrar a festa celta destinada a honrar os devanceiros, a través de numerosos ritos.
Contan as lendas que recollían nos bosques máis apartados bagas de visgo durante esa noite, para o que utilizaban un fouciño sagrado forxado en ouro. Con elas, preparaban apócemas e ungüentos, e vaticinaban sobre o futuro das colleitas e da aldea.
Un dos rituais que chegou a nós, e cuxos resultados auguraban o futuro, era o de recoller mazás, mergullalas nun caldeiro con auga e ser capaz de agarralas coa boca.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1568
-
As clases, que comezarán o 2 de novembro, están abertas a nenos e adultos e desenvolveranse os luns ás 16:45 horas
-
En función da demanda, cabe a posibilidade de facer grupo o sábado e ter aulas individuais ou de coro
A Escola Municipal de Música da Baña incorporará en novembro como novidade a especialidade de canto. Será impartida polo profesor Narci Rodríguez, que conta nos seus estudos coa especialización en canto e foi durante moitos anos director artístico da agrupación Trópico de Grelos. É experto en xéneros como jazz, pop ou rock.
Tanto nenos como adultos poden iscribirse a esta nova actividade, que se desenvolverá a partir do 2 de novembro, en principio os luns ás 16:45 horas. Segundo as altas que se rexistren, cabe a posibilidade de facer outro grupo os sábados e tamén ter clases individuais ou de coro. A vocalización ou a expresión son algunhas das materias que se van traballar.
A especialidade de canto, como calquera outra das ofertadas pola Escola, ten un custo mensual de vinte euros. A este prezo aplicaráselle un desconto da metade do importe para o segundo e demáis membros de unidade familiar. Inclué nesta tarifa as clases de solfexo.
Estrito protocolo fronte á covid-19
A Escola Municipal de Música da Baña, que comezou o curso 2020/2021 o pasado día 13 de outubro, está a seguir este ano un estrito protocolo de seguridade fronte á covid-19. Ademais do uso de máscaras e de puntos de desinfección, os grupos están formados por un máximo de catro alumnos, as clases desenvólvense en aulas moi grandes que garanten o mantemento das distancias sociais e, entre clase e clase, establécese un paréntese de dez minutos para ventilar e desinfectar os espazos.
Reactivación da Banda de Música
O seu director, Martín Pose, subliña que a Escola Municipal de Música se atopa a pleno rendemento a pesar da pandemia, que provococu un leve descenso da matrícula, e que seguen traballando na reactivación da Banda Municipal de Música.
Podes descargar o boletín de inscrición e o formulario de domiciliación bancaria ao final da nova correspondente ao seguinte enlace: https://cutt.ly/7gcd7aH
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1186
-
Superan a participación da anterior convocatoria, tanto en produtos como en canles
-
A cuarta edición pechará o prazo de inscrición o vindeiro 23 de outubro
-
Increméntanse a variedade e a calidade dos contidos
-
Repartirán 7.500 euros en premios entre as doce categorías do certame
-
A Baña é un dos dez concellos impulsores, ademais das tres universides galegas e a Deputación da Coruña

A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística do Concello da Baña e outros nove máis, das tres universidades e da Deputación da Coruña, recibiron xa dende que se abriu o prazo de inscrición o pasado maio un total de 300 vídeos e 50 canles que competirán nas doce categorías nas que se dividen os galardóns. Así, a participación superou xa as cifras rexistradas na edición de 2019, ano no que concorreron ao certame 240 vídeos e 31 canles. Dende a organización dos Premios Youtubeir@s, agárdase que estes números aumenten nas últimas semanas de prazo, tendencia que se vén repetindo dende a posta en marcha desta iniciativa. O prazo de inscrición finalizará o vindeiro 23 de outubro de 2020 ás 23.59 h.
Dende a organización dos premios, destácase que entre os concorrentes deste ano atopamos un perfil de youtubeir@ máis consistente que xera contidos cunha periodicidade fixa fronte a modelos de anos anteriores, cando participaban vídeos de persoas creadoras non habituais. Ademais, apúntase a un mellor coidado das canles, dos contidos e das redes sociais empregadas polas yotubeir@s xa inscritas. Detéctase, por outra banda, que están a se ampliar as temática tratadas, de xeito que asuntos menos frecuentes en edicións anteriores, como canles para nenos e nenas, o fútbol, os videoxogos ou o trap contan con maior presenza.
7.500 euros en premios.
A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s contan con cambios significativos nas súas bases en comparanza con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías do certame neste ano. O concurso está aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, autoproducidos, subidos a Youtube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019. No caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos 5 vídeos, maioritariamente en galego e realizados con posterioridade a esa mesma data. Deste xeito, os Premios Youtubeir@s regresan cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até videoblogs políticos ou videoconsellos de moda. Ao tempo, buscan darlles visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como versa o lema deste ano.
Ampliación de categorías
Unha das grandes novidades desta cuarta edición de Youtubeir@s será a reorganización e ampliación das diferentes categorías. Se en 2019 o certame estaba dividido en oito galardóns, para este 2020 haberá doce diferentes. Así, o concurso contará cos seguintes premios: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. En total, Youtubeir@s repartirá entre as persoas gañadoras 7.500 euros e o palmarés será decidido por un xurado conformado por persoas de recoñecido prestixio.
Premio do Público
Ademais de todo o que o xurado experto seleccione, tamén caberá a opinión xeral do público. Nesta cuarta edición, serán os/as seguidores/as quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer ao Premios do Público. As propostas poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do Proxecto Youtubeir@s, cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e realizaranse antes do 23 de outubro de 2020. Entre o 2 e o 16 de novembro, abrirase a través das redes sociais un formulario de votación. Os tres vídeos que reciban máis votos do público pasarán ao xurado dos premios, que ratificará a votación do público logo de comprobar que cumpre as bases
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1640
-
Trátase da primera iniciativa destas características na comarca de Barcala
-
O sendeiro, debidamente sinalizado, é circular e ten 7,5 quilómetros de percorrido
-
Visita os lugares da parroquia de Cabana nos que está ambientada a trama
-
Podes descargar os tracks da ruta neste enlace (preme aquí)
O Concello da Baña inaugurou o domingo de forma oficial a ruta literaria ‘As rapazas de Xan’, que percorre os lugares da parroquia de Cabana nos que está ambientada a trama da novela homónima do escritor bañés Manuel Iglesias Turnes. Trátase da primeira iniciativa destas características na comarca da Barcala. O vídeo promocional e os tracks da ruta pódense descargar neste enlace (preme aquí)
O alcalde da Baña, José Manuel Pereira; outros membros da corporación municipal; e representantes da Asociación de Veciños San Miguel de Cabanas e do Club de Lectura Barcala en Galego tomaron parte neste acto, que viu reducida a concorrencia a só dez persoas por causa do covid-19. O propio novelista, Manuel Iglesias Turnes, foi o encargado de guiar aos asistentes lembrando pasaxes da súa obra e as conexións cos distintos puntos do percorrido.

José Antonio Pereira lembrou que a primeira intención do Goberno municipal foi inaugurar esta ruta o 15 de maio xunto ao alumnado do CPI San Vicente da Baña, coincidindo coa tradicional Andaina polas Letras, e que a pandemia obrigou a suspendela.
O rexidor local subliñou que, non obstante, a inauguración levouse a cabo finalmente no mes ao que a Real Academia Galega decidiu trasladar a homenaxe ás nosas letras e tamén na semana na que se celebrou o Día das Mulleres Rurais, tan presentes na novela. “Non pode haber mellor obra ca de As rapazas de Xan para homenaxear a resiliencia das nosas mulleres do campo; mulleres que aparecen retratadas na novela nunha das épocas máis difíciles, a da posguerra”, manifestou.
A ruta, circular e sen dificultades técnicas, se atopa xa debidamente sinalizada ao longo dos seus 7,5 quilómetros de percorrido e permite coñecer tanto as localizacións rurais polas que transcorre a obra, como o xeito no que se viviu a posguerra e costumes e tradicións da zona.

A ruta literaria ‘As rapazas de Xan’ conta tamén cun vídeo promocional, que pode verse na canle de Youtube do Concello da Baña e no que Manuel Iglesias Turnes nos leva por algunhas das casas de Cabanas nas que vivían as personaxes e as paraxes que visita o sendeiro e son significativas na acción da obra.
Os tracks da ruta pódense descargar neste enlace (preme aquí)
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1776
-
As clases comezarán o vindeiro martes 13 de outubro
-
Ofrece as especialidades de gaita, percusión e pandeireta
-

A Escola de Música Tradicional da Baña abriu xa o prazo de inscrición para o presente curso 2020/2021, que dará comezo o vindeiro martes 13 de outubro. Poderán asistir nenos a partir de sete anos e adultos.
As especialidades que se ofrecen son as de gaita, percusión e pandeireta, está última dirixida só aos adultos. Ten que haber un grupo mínimo de cinco persoas para que poidan impartirse.
O prezo será de 30 euros por todo o curso. As inscricións poden realizarse na Concellaría de Cultura, que tamén pon a disposición dos interesados o número de teléfono 981 886 501 para resolver posibles consultas ou dúbidas.
Descarga o formulario de inscrición no arquivo que achegamos.


