- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1211
-
O servizo iniciarase o martes 27 de xullo en Corneira e Ordoeste. O xoves 29 visitará A Riba e A Ermida
-
O coche do Concello situarase diante dos locais sociais cunha selección de obras para todas as idades
O Concello da Baña poñerá en funcionamento a vindeira semana unha bibliomóbil que se desprazará polas distintas parroquias ao longo do verán coa fin de fomentar a lectura e dar a coñecer os fondos que se ofertan na biblioteca municipal.
O coche do concello sairá un día á semana cargado cunha selección de obras literarias para achegarse ás portas dos distintos locais sociais e facilitar así que os veciños collan en préstamo aquelas obras que máis lles interesen. Ademais, todas as persoas que visiten á bibliomóbil levarán un libro de agasallo.
A prestación do servizo, que tiña previsto comezar a semana pasada, viuse demorado polas obras que se están facendo na biblioteca. Por ese motivo, esta vindeira semana haberá dous días de bibliomóbil. O martes 27 de xullo estará en Corneira a partir das 10.00 horas e en Ordoeste dende as 11.30 horas. O xoves 29, mentres tanto, achegarase á Riba ás 10.00 horas e á Ermida ás 11.30 horas.
Xa en agosto, a bibliomóbil sairá os mércores e avisarase cunha semana de antelación das parroquias que vai visitar.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1424
-
Poden solicitalas na concellaría de Educación durante o mes de xullo para desprazarse gratis o vindeiro curso escolar

A mocidade da Baña que estea estudando Bacharelato, FP ou outro tipo de educación non universitaria non obrigatoria en Negreira e Santa Comba poden beneficiarse das axudas ao transporte que lles concede o Concello da Baña.
As persoas interesadas poden solicitar estas axudas na concellaría de Educación da Baña durante todo o mes de xullo.
Con esta medida, dende o Concello quérese colaborar coas familias e facilitar que os e as estudantes sigan vivindo na Baña durante a súa formación, ofrecéndolles transporte gratuíto durante todo o curso escolar ata os centros educativos de Negreira e de Santa Comba.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1219
-
As actuacións espallaranse polas distintas parroquias bañenses
O espectáculo de narración oral Tanto conta conta tanto de Tarabela Creativa inaugura este venres ao mediodía na área recreativa de Agra de Chans a programación do Verán Cultural 2021, que ofrecerá ata catorce citas en distintas parroquias da Baña ao longo dos meses de xullo e agosto. Ademais de contacontos, as propostas traen maxia, cine e moita música.
A película A illa das mentiras, baseada na traxedia do vapor Santa Isabel en Sálvora en 1921, abrirá as sesións de cinema este sábado 3 de xullo ás 21.00 horas no local social de San Vicenzo. Na véspera do Apóstolo, o sábado 24, as familias poderán gozar da proxeción de Pinocho tamén en San Vicenzo.
A música comezará a soar o domingo 11 en Troitosende con Blues do País. Repetirá actuación o domingo seguinte (18 de xullo) en Cabanas e, xa en agosto, serán os Campantes da Baña quen estean na Ermida o xoves 5. As tres actuacions comezarán ás 14.00 horas.
O sábado 7, Xoán Curiel presentará en Lañas, a partir das 19.30 horas, o seu espectáculo Ao encontro de Martín Códax. A música terá continuidade o martes 10 co polifacético Pulpiño Viascom, que sorprenderá no Barro cos seus instrumentos de rúa e o espectáculo O xouman a partir das 14.00 horas. Trala actuación do grupo de música tradicional Ghazafellos o domingo 15 de agosto pola Santa María en Ordoeste, Pulpiño volverá por partida dobre o xoves 19 e estará en Sanamede (13.00 horas) e Suevos (14.00 horas).
Musicreques, o venres 27 ao mediodía en Agra de Chans como colofón do campamento de conciliación; e Mallou, o sábado 28 en Marcelle, pecharán a programación de Verán Cultural 2021.
Antes de que iso ocorra, a cativada participante no campamento de xullo poderá gozar da actuación de maxia @temporal a cargo do Mago Charlangas o día 30 ao mediodía en Agra de Chans.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1053
-
O centro contou con 23 alumnos e alumnas matriculadas e incorporou a especialidade de canto como novidade
-
A matrícula para o vindeiro curso poderá formalizarse durante os meses de agosto e setembro
A Escola Municipal de Música da Baña clausurou o curso 2020-2021 cun concerto virtual no que a maioría do alumnado amosa os seus progresos nas diferentes disciplinas que cursan na escola. O vídeo, de 16 minutos de duración, comeza e remata coa actuación dos nenos e nenas que acoden a canto, unha especialidade que se impartiu este ano por primeira vez na escola que dirixe Martín Pose.
Coas súas actuacións, os nenos e nenas que participan neste concerto amosan os progresos acadados durante un curso que estivo marcado pola pandemia da covid-19. A Escola Municipal de Música da contou este ano con 23 alumnos e alumnas, que se puideron formar nas disciplinas de piano, acordeón, vento metal, vento madeira, percusión, guitarra e canto. Canto foi precisamente unha das novidades o pasado curso incluíu a Escola de Música da Baña na súa oferta formativa a petición do propio alumnado. A matrícula descendeu lixeiramente o pasado curso, respecto do anterior, debido á pandemia.
O Concello da Baña agradece a colaboración do profesorado para a realización deste vídeo e anima á veciñanza a anotarse na Escola Municipal de Música o vindeiro curso. O prazo de matrícula abrirase no mes de agosto para que todas as persoas que queiran seguir formándose musicalmente e tamén para aquelas que se queiran incorporar por primeira vez. As solicitudes poderanse presentar durante os meses de agosto e setembro. O procedemento para matricularse anunciaranse durante as vindeiras semanas na páxina web do Concello.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1308
-
O horario vai en xullo e agosto das 15:30 ás 21:00 horas. En setembro, pechará media hora antes
-
A entrada libre custará 2 euros para os maiores de 14 anos
-
Haberá abonos quincenais (15€), mensuais (25€) e familiares (45€)
A piscina municipal da Baña, localizada nas proximidades da área recreativa de Agra de Chans, abrirá este ano todas as tardes entre o 1 de xullo e o 15 de setembro. O horario nos meses de xullo e agosto abrangue das 15:30 ás 21:00 horas. En setembro, pechará media hora antes, ás 20:30 horas.
A entrada por libre á piscina será de 2 euros ao día para os maiores de 14 anos e gratuíta para os menores. Os abonos poderán facerse por quincenas ou por mes. O custo do abono de quince días é de 15 euros, mentres que o de mes é de 25 euros. Tamén se pode sacar un abono familiar mensual, que ten un prezo de 45 euros.
Lémbraselle ás persoas usuarias a obrigación de levar gorro e chancletas para gozar das instalacións.

