- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1037
-
A mestra e monitora de ocio e tempo libre protagoniza o oitavo vídeo de ‘A Baña en feminino’ no Día Internacional da Mocidade
-
Censura que os traballos relacionados co coidado de menores, persoas maiores e fogares estean ligados a mulleres
Noelia Castro, graduada en Educación Infantil e monitora de ocio e tempo libre, protagoniza a oitava entrega da serie audiovisual ‘A Baña en feminino’, coa que o Concello promove o debate sobre o papel da muller na sociedade rural. Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Mocidade, esta veciña de Lañas de 22 anos convida a reflexionar sobre o cambio de mentalidade necesario para a igualdade, non só entre a poboación máis nova senón entre a de maior idade.
“Hoxe estase producindo un gran cambio nas mentalidades. As novas xeracións non pensamos igual que as anteriores, loitamos e buscamos a igualdade, pero está claro que aínda hai unha porcentaxe de persoas que segue crendo que homes e mulleres non somos iguais”, reflexiona Noelia Castro. A sociedade, afirma, aínda non é consciente da existencia de comportamentos desiguais e micromachismos, “presentes nas xeracións novas e nas vellas, entre homes e mulleres”.
Neste sentido, afirma, actividades coma os campamentos son ideais para educar na igualdade desde a primeira infancia: “Aquí xúntanse nenos e nenas de distintos fogares, con distintos costumes e diferente educación. O noso traballo é aproveitar esta diversidade para, a través de dinámicas de grupo, mostrarlles que hai varios puntos de vista e para poñer exemplos de cousas que realmente acontecen, que vexan que toda a sociedade está influenciada, ao final, por esa realidade sexista”.
Unha mostra é, segundo destaca Castro, a propia composición do cadro de persoal de actividades relacionadas co coidado de crianzas, de maiores ou de fogares: “En xeral sempre adoita haber máis monitoras que monitores, máis coidadoras que coidadores. Seguimos herdando a idea de relacionar coidados coas mulleres, cando isto son labores nos que deben participar todas as persoas e se debe fomentar non só dende as institucións, senón dentro da familia”.

A xuízo de Noelia Castro, “o concello da Baña avanza favorablemente na busca da igualdade, igual que avanza a sociedade en xeral. Iso si, penso que aínda nos queda un longo percorrido ata chegar á igualdade de xénero real. As institucións deben ofertar máis servizos de conciliación. Temos que ofrecerlles ás mulleres a posibilidade de accederen a un posto de traballo en condicións de igualdade. E, sobre todo, temos que seguir educando desde a primeira infancia en igualdade, é fundamental”.
A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural
O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce vídeos que o Concello está a publicar na súa canle de YouTube en 2021, a razón e un audiovisual por mes, nos que se lles dá voz a veciñas do municipio que se desempeñan en diversos eidos. Ten por obxectivos principais visibilizar as mulleres bañenses dentro dunha contorna aínda maioritariamente machista e axudar a reflexionar sobre a situación actual en canto a xénero, ao tempo que se promove a igualdade de xénero e se fomenta o uso do galego.
- Carme Liñares, avoa de cinco netos, protagonizou o vídeo publicado en xullo, con motivo do Día Internacional das Avoas e dos Avós. Esta veciña de Cabanas constataba o difícil que foi “chegar á liberdade de hoxe, porque antes a muller non tiña voto para nada” e convidaba a non dar pasos atrás.
- Verónica Liñares, enxeñeira de Montes e veciña de Ordoeste, incidiu no mes de xuño na necesidade de dotar á sociedade de “referentes femininos para que desapareza a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías”.
- A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.
- Coincidindo co Día do Libro o 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. “É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliñaba a filóloga e escritora de Duomes de Arriba.
- Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar.
- En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais, ao tempo que censuraba a existencia de “micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos”.
- A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie ‘A Baña en feminino’ o pasado mes de xaneiro, co gallo do Día Internacional da Educación, falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1262
-
As familias foron informadas en canto se tivo noticia do caso, que non xerou máis contaxio ata o momento
-
O Punto de Atención á Infancia xa tiña programadas as vacacións para o mes de agosto
O Concello da Baña decidiu pechar o Punto de Atención á Infancia (PAI) en canto tivo constancia de que unha das profesionais do centro deu positivo en covid-19. De momento é o único caso do que se ten constancia no PAI, ao que acoden unha vintena de nenos e nenas.
Seguindo o protocolo recomendado polas autoridades sanitarias, o Concello decidiu adiantar a mañá o peche do centro, que xa tiña programadas as vacacións para o mes de agosto. Todas as familias da vintena de nenos e nenas que acoden habitualmente ao PAI foron informadas da situación, e entenderon a medida preventiva de suspender as clases mañá, xoves, e o venres.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, pídelle a veciñanza que extrema as precaucións e manteña as medidas de seguridade (uso de máscara e distancia interpersoal de seguridade) para evitar a propagación do coronavirus.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 2646
26 de xullo de 2021
Faise pública a listaxe definitiva de nenas e nenos admitidos para participar durante o mes de agosto no Campamento de Verán que organiza o Concello da Baña co obxecto de facilitar a conciliación durante as vacacións escolares.
A listaxe pódese consultar no documento adxunto.
12 de xullo de 2021
Faise pública a listaxe provisional de nenas e nenos admitidos para participar durante o mes de agosto no Campamento de Verán que organiza o Concello da Baña co obxecto de facilitar a conciliación durante as vacacións escolares.
A listaxe pódese consultar no documento adxunto.
25 de xuño de 2021
Faise pública a listaxe definitiva de nenas e nenos admitidos para participar na quenda do MES DE XULLO do Campamento de Verán que organiza o Concello da Baña co obxecto de facilitar a conciliación durante as vacacións escolares.
A listaxe pódese consultar no documento adxunto.
21 de xuño de 2021
Faise pública a lixtase de persoas admitidas, aquelas que teñen pendente de completar documentación e as que quedan en lista de agarda para participar no MES DE XULLO no Campamento de Verán que organiza o Concello da Baña.
As persoas que teñen documentación pendente deberán entregala por sede electrónica ou no rexistro do Concello da Baña antes das 23.59 horas do mércores, 23 de xuño.
A listaxe pódese consultar no documento adxunto.
10 de xuño de 2021
O Concello da Baña renova a súa aposta pola conciliación familiar coa posta en marcha do Campamento de Verán 2021, do que este ano poderán beneficiarse ata 50 nenos e nenas. Esta actividade pretende facilitar solucións durante as vacacións estivais, ao tempo que ofrece unha alternativa lúdica para o tempo libre dos escolares de 4 ata 14 anos. A ficha de inscrición pódese descargar no documento adxunto.
Durante os meses de xullo e agosto desenvolveranse as actividades na área recreativa Agra de Chans, dirixidas a nenos e nenas escolarizados de 4 anos (cumpridos durante o 2021) ata os 14 anos. O horario vai das 8.30 ás 14.00 horas, de luns a venres.
Canto aos criterios de admisión, na adxudicación de prazas priorizaranse aquelas crianzas empadroadas na Baña cuxas familias acrediten a necesidade de conciliación. En segundo lugar, valoraranse aquelas familias que non estando empadroadas na Baña si teñan o seu lugar de traballo neste concello e/ou un menor escolarizado no municipio. Por último, obterán praza os nenos e nenas que non estando nos supostos anteriores precisen conciliación familiar.
O prazo de inscrición para o Campamento de Verán 2021 abre o vindeiro luns, 14 de xuño, e ata o venres 18 de xuño. A ficha de inscrición pódese descargar no arquivo adxunto para cubrir, e formalizala despois no rexistro do Concello ou por sede electrónica.
O custe do campamento é de 40 €/mes por neno/a e de 30 €/mes por irmán/a, no caso de estaren empadroados na Baña; no resto de casos o custo ascende a 75 €/mes por neno/a e 56 €/mes por segunda crianza. Existe tamén a posibilidade de participar por quincenas, cuns prezos de 25 € por neno/a e de 19 € por irmán/á para empadroados; e de 40 € por neno/a e de 30 € por irmán/á para non empadroados.
O pagamento da cota realizarase unha vez confirmada a praza, entre o 21 e o 25 de xuño, nas seguintes contas bancarias:
Abanca: ES92 2080 0326 1731 1000 0035
Santander: ES26 0238 8191 8806 6000 1061
O Campamento de Verán 2021 está organizado polo Concello da Baña co apoio da Deputación da Coruña.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1075
-
Participará nun proxecto de intercambio de coñecemento e experiencias con cativas e cativos dos campamentos

O Concello da Baña oferta oito prazas de voluntariado sénior para desenvolver un proxecto de intercambio de coñecemento e experiencias con escolares. Os voluntarios, de 55 anos ou máis, compartirán tempo coas cativas e cativos dos campamentos para aprenderlles xogos e explicarlles todo aquelo que facían cando eran mozos, nunha época na que non había ordenadores nin móbiles.
O proxecto de voluntariado sénior, subvencionado pola Consellería de Política Social, basease na idea de intercambio xeracional. As crianzas, pola súa parte, amosaranlle aos maiores como xogan e viven hoxe en día.
Os voluntarios serán persoas de 55 anos ou máis, dinámicas, con gañas de lembrar o seu pasado e compartir as súas vivencias. Nunha primeira parte do proxecto, farán un traballo de recompilación de memorias e cousas relativas á súa nenez e á súa mocidade para lembrar xogos, os lugares onde quedaban, as festas ás que ían, que traballos facían, como moceaban... Logo, nunha segunda parte, explicaránllo ás pequenas e pequenos.
A iniciativa estenderase ao longo de sesenta sesións, de tres horas de duración cada unha. O traballo da segunda fase desenvolverase en horarios escolares, incluíndo madrugadores e recreos, e festivos.
As persoas interesadas en formar parte do voluntariado sénior poden inscribirse presencialmente na oficina de Cultura do Concello, chamando ao 981 886 501 ou escribindo á dirección Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.. Tamén poden solicitar máis información polos mesmos medios.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 989
-
Protagoniza o sétimo vídeo de ‘A Baña en feminino’ neste Día Internacional das Avoas e dos Avós
-
Avoga polo respecto para que as mulleres teñan o mesmo peso cós homes na sociedade
Carme Liñares, residente na parroquia de Cabanas e avoa de cinco netos, é neste Día Internacional das Avoas e dos Avós a protagonista dunha nova entrega da serie ‘A Baña en feminino’ coa que o Concello convida a reflexionar sobre o papel da muller e a igualdade de xénero nun municipio rural. “Chegar ao que temos hoxe foi bastante difícil porque a muller antes non tiña voto para nada”, afirma. Por iso cre que non se deben dar pasos atrás e apunta como factor clave o respecto entre homes e mulleres.
Carme subliña as grandes diferenzas que se poden apreciar entre a sociedade de cando ela era nova e a actual. “Do día á noite. Agora todo é maquinaria: tes unha lavadora, unha neveira... Pero, ademais, as mulleres dispoñen doutra liberdade. Antes as mulleres estaban na casa, ían á misa vestidas de negro e co pano na cabeza e tamén a unha feira, pero hoxe van onde queren”, sinala.
Tamén pensa que por fortuna as mulleres teñen actualmente “máis do dobre” de oportunidades para poder desenvolverse en todos os eidos. “Algo tamén sería a ignorancia e agora a xente está máis preparada. Viviamos nun mundo máis pechado”, di. Pon de exemplo un acto tan corrente hoxe en día como o de ir buscar á moza a casa. “Non se lle dá ningunha importancia e antes era impensable”, advirte.
Outro dos cambios apréciase nas familias. No pasado era habitual que nunha casa viviran varias xeracións e botaran unha man cos pequenos mentres pai e nai traballaban. Hoxe, adoitan vivir sós a parella e os fillos, e os homes interveñen máis na crianza. Con todo, a conciliación segue pasando por poder contar cos avós e, sobre todo, coas avoas. É difícil, cre Carme Liñares, mudar a mentalidade dos maiores pero as novas xeracións si poden logralo.
A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural
O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce audiovisuais que se están a publicar na canle de Youtube do Concello ao longo deste ano. A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie o pasado mes de xaneiro falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade. En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais.
Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar. Na mesma liña, coincidindo co Día do Libro o pasado 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados.
A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.
Verónica Liñares, enxeñeira de Montes, incidiu no mes de xuño que a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías. “A falta de referentes femininos non axuda a que as mulleres nos decantemos por este tipo de carreiras”.
