- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1285
Este Nadal chegou aos fogares da Baña o número da revista de actualidade municipal correspondente ao ano 2020.
As iniciativas de apoio á veciñanza e aos autónomos para facerlle fronte á crise provocada polo Covid-19, o Entroido multitudinario que se viviu na Baña ou as actividades culturais coma as da rede Apego son algúns dos asuntos que se tratan na revista. Tamén teñen protagonismo as fermosas paraxes naturais do municipio, ao falar da ruta literaria de sendeirismo ‘As rapazas de Xan’ ou do carballo de Cancelos.
No interior da revista, podemos ler asimesmo interesantes artigos coma o que recorda a figura do catedrático bañés José Manuel Pose Antelo ou o que fai un percorrido histórico polas pegadas que foron deixando os habitantes da Baña nos máis dos 4.000 anos de historia cos que conta o concello.
Todo o contido da revista pode consultarse en PDF premendo sobre esta ligazón.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1239
Con puntualidade de reloxio suízo, os Reis Magos cumpriron co prometido e chegaron ás cinco da tarde ao pavillón de San Vicenzo para saudar e coñecer os desexos de todas as nenas e nenos da Baña. Fieis a tradición, pero gardando as aconsellables distancias, puideron conversar con todos eles na tarde do 5 de xaneiro. Integrantes da Escola de Música Tradicional da Baña acompañáronos na recepción real.
A visita das Súas Maxestades foi este ano un pouco diferente por causa do coronavirus. Rapazas e rapaces entraron no pavillón coas súas familias en tres quendas distintas segundo a parroquia onde residen. Na primeira delas, que comezou ás cinco da tarde, os Reis recibiron a cativada de Troitosende, Fiopáns, Lañas e San Cibrán. Ás seis, tiveron ocasión de conversar coas pequenas e pequenos de Corneira, A Riba, Ordoeste, Cabanas, Suevos e Ermida. E, por último, ás sete, estiveron coas cativas e cativos da Baña, Monte, Marcelle, Barro e Barcala.
Malia todos os impedimentos, as pequenas e pequenos volveron demostrar, coma fan nos colexios, que saben cumprir as normas para frear o avance da pandemia do coronavirus. Os Reis Magos deixaron constancia de que van premiar tan bo comportamento e xa alí mesmo fixéronlle entrega a cada un deles dun pequeno obsequio, ademais de asegurarlles que esta noite visitarán casa por casa con moitos máis.
Espectáculo para público familiar
Xusto antes da chegada dos Reis Magos, o polideportivo de San Vicenzo encheuse de maxia, teatro e circo co espectáculo Chop! da compañía Teatro ao Cubo. Por causa das limitacións de aforo derivadas da Covid-19, puideron asistir aquelas familias que fixeron reserva nos días previos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1386
Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos están xa preparando os agasallos cos que volverán repartir ilusión malia este Nadal tan atípico. Para facilitarlle a chegada de mensaxes e peticións a persoeiros tan ilustres, o Concello da Baña habilitou un buzón na planta baixa do centro social dos maiores. Todas as cartas que se depositen no mesmo serán enviadas por correo especial e urxente aos seus destinatarios.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1395
Os Reis Magos acudirán como cada ano á Baña na tarde do 5 de xaneiro para coñecer os desexos de todos os nenos e nenas do municipio, que poderán ver as Súas Maxestades no pavillón de San Vicenzo.
Por causa do coronavirus, a recepción real será este ano un pouco diferente. Os pequenos e pequenas entrarán no polideportivo en tres quendas, establecidas polas parroquias das que proceden. Así, na primeira queda, que comezará ás cinco da tarde, poderá acceder ao pavillón a rapazada de Troitosende, Fiopáns, Lañas e San Cibrán. A continuación, ás seis, entrarán os nenos e nenas de Corneira, A Riba, Ordoeste, Cabanas, Suevos e Ermida. Por último, ás sete, farano os cativos e cativas da Baña, Monte, Marcelle, Barro e Barcala.
O acceso ao polideportivo farase respectando a distancia e as medidas de seguridade. Na porta establecerase tamén un control de temperatura. Xa dentro do recinto, a cativada non poderá sentarse no colo dos Reis, aínda que si falar con eles gardando unha distancia axeitada e recibirá tamén un pequeno agasallo.
O Concello da Baña prega que se observen os horarios de acceso establecidos e se garden as medidas de seguridade. No pavillón, persoal municipal velará polo cumprimento das normas para que as familias poidan desfrutar con tranquilidade dunha tarde máxica.
Espectáculo para público familiar
Antes da chegada dos Reis Magos, o polideportivo de San Vicenzo encherase de maxia, teatro e circo co espectáculo Chop! de Teatro ao Cubo. A entrada é gratuíta pero, por motivos de aforo, as persoas interesadas en asistir terán que facer reserva chamando por teléfono ou mandando un guasap ao número 607 153 604. Dará comezo ás catro.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1443
O Concello da Baña quere felicitar as festas navideñas coas mellores creacións da súa veciñanza máis nova e anímaa a participar na segunda edicion do Concurso de postais de Nadal en galego.
O concurso está aberto a toda a rapazada que curse na actualidade educación infantil, primaria e secundaria. Para participar, o alumnado interesado terá que presentar un deseño gráfico da súa autoría acompañado dunha felicitación en galego e entregalo antes do 5 de decembro no CPI San Vicente ou na casa do concello, tanto en persoa coma telemáticamente a través do correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.. Pola parte de atrás da postal, deberán aparecer o nome e apelidos do debuxante, así como o enderezo e un número de teléfono de contacto.
Os traballos poderán realizarse empregando calquera técnica pero sempre terán como o tema o Nadal en galego.
O xurado, formado por persoas da educación, da plástica e da lingua, escollerá aqueles traballos que consideren máis representativos en tres categorías distintas, establecidas segundo a idade dos participantes. Serán as de alumnado infantil, alumnado de primaria e alumnado de secundaria. Os gañadores de cada unha das categorías recibirán un agasallo vencellado ás artes gráficas.
As postais participantes quedarán en poder do Concello da Baña e serán utilizadas para felicitar o Nadal 2020, ademais de poder ser reproducidas ou expostas no tempo e modo que considere oportuno.




