• Oferta este curso dez instrumentos: percusión, saxofón, frauta, clarinete, tuba, trombón, bombardino, piano, guitarra e acordéon

  • O vindeiro venres, día 9, desenvolverase unha reunión informativa no polideportivo de san Vicenzo

escuela musica

A Escola Municipal de Música da Baña abre o prazo de inscrición para o curso 2020/2021, que dará comezo o vindeiro martes 13 de outubro. As clases están dirixidas tanto a nenos, a partir de 3 anos, como a adultos e as inscricións poderán facerse na propia Escola de Música ou no Concello da Baña.

As especialidades que poden cursarse son percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, guitarra e acordéon. Por cada instrumento pagarase unha mensualidade de vinte euros, cun desconto da metade do importe para o segundo e seguintes membros da mesma unidade familiar. En todos os casos, estarán incluídas as clases de solfexo polo mesmo prezo.

De cara ao comezo do curso, o vindeiro venres 9 de outubro desenvolverase unha reunión informativa no polideportivo municipal de san Vicenzo. A cita será ás 20:30 horas e están convidadas a asistir todas as familias interesadas en coñecer cales serán as novidades desta temporada. Ademais, Martín atenderá consultas ou dúbidas no número de teléfono 687 133 497.

Por causa da covid-19, temos que lembrar que á xuntanza do venres só pode acudir unha persoa por unidade familiar e que non se admitirán menores. O uso da máscara será obrigatorio.

Podes atopar os documentos para formalizar a inscrición nos arquivos que achegamos.

Attachments:
Download this file (2020_ADULTO_Inscricion_Escola_Musica_2020.pdf)Inscricion_adulto_escola_musica[Inscricion_adulto_escola_musica]90 kB
Download this file (2020_INFANTIL_Inscricion_Escola_Musica_2020.pdf)Inscricion_infantil_escola_musica[Inscricion_infantil_escola_musica]149 kB
Download this file (Declaracion_responsable.pdf)Declaración responsable[Declaración responsable]162 kB
Download this file (Orde_domiciliacion_Escola_Musica_2020.pdf)domiciliacion_escola_musica[domiciliacion_escola_musica]457 kB

A gaita é o instrumento máis demandado polas persoas que responderon á enquisa promovida polo Concello da Baña para coñecer as preferencias dos usuarios adultos da Escola de Música Tradicional. Este é un dos resultados da consulta lanzada para axudar na programación desta actividade e captar alumnado. O consistorio consultou tamén sobre as preferencias da cidadanía en canto á actividade de ximnasia e estimulación cognitiva para maiores e ao servizo A Baña Madruga para o curso 2020/2021.

As consultas previas ao inicio das actividades e abertas á cidadanía son unha iniciativa que se puxo en marcha por primeira vez na Baña o curso pasado coas escolas deportivas, co obxectivo de coñecer os intereses reais da poboación e axustar deste xeito a oferta nas diferentes actividades. En tempos de pandemia, esta información adquire especial relevancia, ao se ter que elaborar horarios específicos e ordenar os espazos nos que se van a desenvolver as clases. O Concello confía en que, andado o tempo, a participación medre e se converta nunha ferramenta útil para a programación deste tipo de accións.

Para este inicio de curso, o Concello preguntou a aquelas persoas adultas interesadas en matricularse por primeira vez na Escola de Música Tradicional sobre as súas preferencias no referido ao instrumento que queren aprender. Así, un 62,5% mostrou a súa preferencia pola gaita, o 25% decantouse pola pandeireta e un 12,5% elixiu a percusión. Das 8 respostas emitidas de xeito anónimo, o 50% corresponderon a persoas de 40 a 50 anos e o 25% ao grupo de idade de 20 a 30 anos.

No que respecta ás actividades para maiores de 55 anos, das 5 respostas recibidas o 60% tomou parte pola estimulación cognitiva semipresencial, un modelo no que persoal do Concello levará aos domicilios o material da actividade e pasará despois recollelo. A ximnasia de mantemento por parroquias tivo unha aceptación do 40%. Idéntica porcentaxe de respostas tivo a consulta sobre o lugar de celebración das clases: un 60% optou pola opción do centro social e da terceira idade da Baña e un 40% por outras parroquias, amosando o seu interese por Marcelle e Suevos en concreto.

O Concello consultou tamén á veciñanza sobre o interese das familias para utilizar o Servizo A Baña Madruga, unha medida que busca facilitar a conciliación da vida laboral e familiar entre os escolares que acoden ao CPI San Vicente. Do total de respostas anónimas recibidas (12), o 91,7% elixiu a modalidade que inclúe o almorzo no servizo. Canto os días da semana nos que se utilizaría o mesmo, o 75% precisaríao todos os días, con especial incidencia nos martes e xoves, que foron sinalados polo 91,7% das familias. Preguntados polo número de días ao mes nos que precisarían o servizo, o 41,7% das familias manifestou o seu interese por facer uso desta actividade todo o mes. Tamén se preguntou polo horario que precisarían os usuarios; neste punto, o 58,3% elixiu a opción de 8:00 a 9:15, o 33,3% de 7:30 a 9:15 e o 8,3% de 8:30 a 9:15 horas.

  • Representantes de todos os grupos políticos municipais e da asociación Afonso Eanes descobren unha placa conmemorativa na casa da cultura
  • “Honra a memoria colectiva dos veciños da Baña e da comarca de Barcala”, sinala o alcalde, José Antonio Pereira
  • Ata finais de setembro permanecerá aberta a exposición ‘80 anos. Santiago de Compostela 1936’

20200817 Homenaxe 01

 

20200817 Homenaxe 02Coincidindo coa celebración do Día da Galicia Mártir, representantes de todos os grupos políticos municipais e da asociación cultural Afonso Eanes homenaxearon esta mañá na Baña a veciñanza vítima da violencia do golpe de Estado de 1936 e da ditadura franquista.

O acto, promovido pola Asociación Cultural Afonso Eanes, celebrouse na casa da cultura e comezou cunha pequena presentación e o recordo das persoas represaliadas, para continuar co descubrimento dunha placa conmemorativa, a interpretación do himno galego e a inauguración da exposición 80 anos. Santiago de Compostela 1936, que permanecerá aberta ata finais de setembro.

“Trátase dun acto que honra a memoria colectiva dos veciños e veciñas da Baña e tamén da comarca de Barcala”, subliñou o alcalde, José Antonio Pereira, na apertura do acto. Tamén Bruno Esperante, da asociación cultural Afonso Eanes, incidiu en que “este 17 de agosto de 2020 recuperamos unha memoria esquecida, da que non se podía falar nada máis que en familia”. “Serve para fechar as feridas”, afirmou.

A continuación, os distintos grupos políticos con representación municipal lembraron os dezanove veciños e veciñas da Baña que foron vítimas da ditadura franquista. Leron os seus nomes os concelleiros Ana Páramos, polo PSdeG; Andrés García, polo PP; e César Ramos, por Compromiso por Galicia. Pechou a lista Olalla Liñares, presidenta da asociación cultural Afonso Eanes, co recordo de varias persoas da comarca que foron asasinadas no cemiterio compostelán de Boisaca, entre eles os veciños da Baña Manuel Fagín Páramos e Juan Antonio Barros Manteiga. Así mesmo, un veciño pediu que fose incluído na lista o seu pai, Baldomero Manteiga Casais, preso durante catro anos e medio en Cantabria.

 

20200817 Homenaxe 03Exposición na Casa da Cultura

Despois da escoitar o himno galego e do descubrimento dunha placa de homenaxe ás vítimas na fachada da casa da cultura, os asistentes puideron coñecer por quendas a exposición 80 anos. Santiago de Compostela 1936, que mostra dun xeito gráfico cal era a situación social e política que se vivía na capital galega no ano 1936 e tamén as consecuencias que tivo o golpe de estado. Os primeiros visitantes contaron coas explicacións de Rafael García Ferreira, pertencente ao grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago. A mostra permanecerá aberta para toda a veciñanza ata finais de setembro na casa da cultura.

Fotos da homenaxe publicadas no Facebook do Concello da Baña.

20200925 Aldaolado webO dúo poético-musical Aldaolado, formado por María Lado e Lucía Aldao, presenta este venres na Baña o seu espectáculo Po e Xía, un recital no que as súas protagonistas contan a grande aventura que as levou a converterse en poetas. Con este evento o Concello da Baña retoma a programación cultural que quedara suspendida pola incidencia do coronavirus, á vista da boa evolución da situación sanitaria no municipio.

A actuación de Aldaolado terá lugar no centro social e da terceira idade da Baña o venres 25 de setembro, ás seis da tarde. Está indicada para crianzas a partir dos 6 anos e, de feito, inclúese nas sesións de contacontos do programa Apego que o Servizo de Normalización Lingüística organiza habitualmente para as tardes dos venres. O espectáculo forma parte do programa Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

María Lado e Lucía Aldao convértense en Po e Xía, dúas amigas moi fedellas que sempre andan a tramar aventuras disparatadas. Este recital-conto feito con moito sentido do humor e aderezado con cancións procura ser o primeiro achegamento á poesía para público miúdo.

O Concello da Baña elabora unha enquisa sobre o servizo de madrugadores no CEPI San Vicente de cara ao vindeiro curso 2020/2021. O obxectivo é coñecer as necesidades reais de conciliación das familias para valorar a conveniencia de seguir mantendo este servizo, tendo en conta o número de nenos e nenas que farían uso do mesmo e en que condicions: con ou sen almorzo, horarios ou días de asistencia.

As persoas interesadas poden cubrir a seguinte enquisa: