• Esta senda circular de 7,5 quilómetros percorre a zona na que vivían as personaxes que Manuel Iglesias Turnes recolle no libro

  • O propio autor lévanos no vídeo a onde vivían os protagonistas e aos lugares que frecuentaban

  • Tracks da ruta nos arquivos adxuntos a esta nova, que se pode ver tamén en Wikiloc (neste enlace)

O Concello da Baña estrea hoxe un documental sobre a Ruta literaria As rapazas de Xan, que percorre a parroquia de Cabanas amosando os lugares onde vivían as personaxes que Manuel Iglesias Turnes recolle no seu libro, do mesmo nome, editado por Xerais Narrativa en 2012. Con este vídeo, o Concello conmemora o Día das Letras Galegas 2020 e anima a veciños e visitantes a percorrer esta ruta de sendeirismo, de 7,5 quilómetros de lonxitude e unha dificultade baixa. 

“Con este vídeo amosamos algunhas das paraxes que hai en Cabanas e animamos os amantes da natureza a que, en canto poidan, veñan camiñar por esta ruta e descubrir algúns dos segredos do libro”, afirma a concelleira de Cultura da Baña, Mónica González.

O vídeo pódese na canle de Youtube do Concello da Baña. O propio autor da novela lévanos a algúns dos lugares nos que transcorre a trama de As rapazas de Xan, que narra unha historia de amor entre Manuel e Carmela que se sitúa durante os tempos da posguerra en Cabanelas (Cabanas) entre malla e malla. Manuel Iglesias Turnes amósanos no vídeo algunhas das casas de Cabanas onde vivían as personaxes (as casa do Carreiro, de Roque, de Xan de María, de Bras, de Xirome), e tamén algunhas das paraxes que se visitan durante a ruta e que son significativas na propia novela.

Dende Palleiros, comezo da ruta, pódese gozar dunha vista xeral tanto de Cabanas (Cabanelas no libro) como da agra onde transcorre a novela. Sobredochán, o agro da Xesteira (onde Abel lle pega dous tiros a Sidoro, o violador da súa irmá), o Muíño do Medio, a carballeira do igrexario, a reitoral e o campo da festa de Cabanas son outros dos lugares que se percorren durante a ruta e que se poden ver no vídeo, producido por Alicentis SL con guión de Carme Pereiro, técnica de normalización lingüística do Agrupamento A Baña-Negreira.

RutaLiteraria RapazasDeXan web02

Manuel Iglesias Turnes describe na novela o complexo tecido de relacións que compoñen a vida na aldea de Cabanelas nos difíciles tempos da posguerra, marcada pola ausencia de futuro e coa emigración como unha das saídas máis favorables. O vídeo remata no monte de Pedra Longa, dende onde Xan, cheo de amargura, viu marchar para Montevideo á súa filla e á súa neta.

Conmemorar o Día das Letras Galegas 2020 destacando a obra dun autor local (Manuel Iglesias Turnes é natural de Cabanas) é un dos obxectivos desta iniciativa. Ademais, coa promoción da ruta e do vídeo, o Concello da Baña quere poñer en valor o rural como lugar de residencia, e resaltar a calidade de vida e as espectaculares paisaxes que se poden gozar nunha aldea como Cabanas. “Tempos como os que estamos a vivir axúdannos a valorar a importancia do que temos máis preto”, sinala Mónica González, quen anima a todos os amantes da natureza a facer esta ruta literaria por Cabanas. 

20200515 ruta literaria AsRapazasDeXan toponimos

O Concello da Baña ten xeolocalizada esta ruta circular, que pasa por Cabanas e Guimaráns, de 7,5 km de lonxitude e con apenas desniveis. Os tracks para facer o percorrido pódense descargar nos arquivos adxuntos.

Una vez descargado, o arquivo 'RutaRapazasXan_kml' pódese executar en Google Earth para facer a ruta. Google Earth pódese descargar neste enlace (preme aquí)

A ruta literaria As Rapazas de Xan pódese consultar tamén na aplicación Wikiloc neste enlace (preme aquí)

Attachments:
Download this file (ruta-literaria-as-rapazas-de-xan-cabanas-a-bana.gpx)Ruta_RapazasDeXan_gpx[Ruta_RapazasDeXan_gpx]27 kB
Download this file (ruta-literaria-as-rapazas-de-xan-cabanas-a-bana.kml)Ruta_RapazasDeXan_kml[Ruta_RapazasDeXan_kml]8 kB