20200228 ALI1596

O Concello da Baña mantén o desfile de Entroido previsto para mañá pola tarde, e que está resultando todo un éxito de convocatoria, con 550 persoas inscritas en todas categorías. As previsións meteorolóxicas indican que pola tarde choverá pouco e que a alerta laranxa que emitiu a Dirección Xeral de Emerxencias levantarase ás 08.00 horas de mañá. En caso de que se decrete unha nova alerta e haxa que cancelar o desfile, a primeira hora de mañá dende o Concello poranse en contacto cos representantes e todos os grupos, comparsas e carrozas inscritas para comunicarlles a decisión.

Pero todo apunta a que o Entroido da Baña este ano vai ser un éxito de participación, como acreditan as 550 persoas inscritas (o prazo rematou onte) nas diferentes categorías. Polas rúas da Baña van desfilar 18 comparsas e carrozas procedentes de toda Galicia. “Virá unha carroza de 16 metros de longo dende Ourense, e varias tamén dende Tomiño”, indica a concelleira de Cultura, Mónica González. A elas hai que engadir os participantes nas categorías de grupo e individuais.

O concurso comezará ás 16.30 horas. Os participantes van desfilar pola rúa Rosalía de Castro (a estrada que une A Baña con Santa Comba), en dirección cara a Praza do Concello, onde serán avaliados polo xurado. Dende aquí, uns seguirán pola rúa Tedelle e outros pola rúa Xacinto Rodríguez, para facilitar a saída a os participantes.  Todos eles competirán polos 3.500 euros en premios que este ano reparte o Concello da Baña, 1.700 na categoría de carrozas e outros 1.700 na de comparsas.

Paralelamente, o Concello ten organizadas diferentes actividades para a cativada, nunha finca situada ao carón da escola de música, con accesos tanto dende a rúa Tedelle como dende Xacinto Rodríguez. Aquí haberá unha carpa, inchables e moitos máis xogos.

Food track e discoteca móbil da Asociación A Baña en Festas

A Asociación A Baña en Festas colabora con Concello para que todas as persoas que visiten mañá a Baña pasen un día inesquecible. O colectivo veciñal vai montar unha cantina e contará tamén cunha food trucks para que todos os asistentes poidan repoñer forzas.

E para rematar o día, a discoteca móbil CDC animará a bailar a todos os presentes ata que o corpo aguante.

20200226 Entroido PAI

Os pequenos e pequenas do PAI da Baña celebraron estes días unhas festas de Entroido moi divertidas e creativas ao tempo. Así, o alumnado do centro de educación infantil participou na confección dun disfrace grupal de pallasos; elaborou coloridos antefaces; e creou complementos feitos con materiais de refugallo, como as gafas realizadas a partir dos cartóns do papel hixiénico. Tamén houbo tempo para o disfrace libre, nun día no que vacas, policías, astronautas ou osos panda tomaron o PAI da Baña para facer unha festa.

Podes ver máis fotos neste album no Facebook do Concello da Baña.

20200218 Lanhas web

A Escola Infantil de Lañas abre as súas portas para dar a coñecer a oferta educativa e as instalacións do centro bañense, de cara ao proceso de matriculación para o curso 2020-2021. Deste xeito, as familias que o desexen poderán concertar cita coa dirección para visitar o centro, integrado no Colexio Rural Agrupado Coristanco-Santa Comba. O prazo para solicitar a admisión dos nenos e nenas de 3 a 5 anos para o curso 2020-2021 vai do vindeiro 1 de marzo ao día 20 do mesmo mes.

A escola de Lañas destaca tanto polas súas instalacións, nunha contorna natural; como pola atención individualizada, con grupos reducidos, mediante metodoloxías activas e interdisciplinares. Ademais, a incorporación da unitaria ao Colexio Rural Agrupado favorece a organización de convivencias con outros centros e a posibilidade de contar con mestres e mestras especialistas en inglés, educación física, pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e relixión. A Escola Infantil de Lañas dispón tamén de robots educativos, ordenadores, encerado dixital e conexión a Internet.

Aquelas persoas que desexen matricular aos seus fillos ou fillas na Escola Infantil de Lañas no curso 2020-2021, poden concertar unha cita para coñecer o centro chamando aos teléfonos 881 880 552 ou 663 729 504.

Para máis información, descarga o folleto adxunto a esta nova.

Attachments:
Download this file (20200218_Promocion_Escola_Lañas.pdf)Folleto: A Escola Infantil de Lañas[Folleto: A Escola Infantil de Lañas]1222 kB

20200220 Portas abertas CPI cartelO CPI de San Vicente organiza unha xornada de portas abertas o vindeiro mércores 4 de marzo ás 16.30 horas para que as familias con fillos e fillas en idade de escolarizar poidan coñecer as instalacións e o proxecto educativo do centro bañense.

O CPI de San Vicente ten prazas vacantes en Infantil, Primaria e ESO. A súa oferta educativa destaca por unha atención personalizada cunha ratio reducida e nunha contorna natural, ademais de contar con servizo de comedor escolar e transporte.

A Concellaría de Educación e Cultura da Baña vén de convocar o Entroido divertido 2020, un campamento urbano que terá lugar entre o luns 24 e o mércores 26 de febreiro para favorecer a conciliación familiar. Esta actividade vai dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos e ten un custo de 5 euros para a veciñanza da Baña e de 10€ para os non empadroados no Concello.

O Entroido divertido inclúe obradoiros e actividades lúdicas que se celebrarán nun local na segunda planta da Escola de Música da Baña, xunto a aula de informática, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

As familias interesadas deberán anotarse a partir de hoxe e durante esta semana no Concello da Baña, entregando cuberta a ficha de inscrición que se adxunta nesta nova.

Attachments:
Download this file (Entroido_Divertido_2020.pdf)Inscrición no Entroido Divertido 2020[Inscrición no Entroido Divertido 2020]152 kB