20200305 Bana axencia lectura 8M web

Unha exposición de mulleres relevantes da historia feita polos usuarios e usuarias menores de idade tanto da axencia de lectura como da aula de informática servirá mañá, a partir das 18.00 horas, para iniciar os actos cos que o Concello da Baña conmemora este ano o 8-M, e que inclúe tamén unha xincana temática. O domingo celebrarase, ás 19.00 horas, unha charla coloquio sobre ‘O papel da muller no rural’, na que está confirmada a presenza dunha gandeira e dunha farmacéutica.

A futbolista Vero Boquete, a poetisa Rosalía de Castro, a feminista Concepción Arenal, ou a actriz Marilyn Monroe son algunhas das mulleres que figuran na exposición coa que as usuarias e usuarios menores de idade da axencia de lectura e da aula de informática da Baña estiveron traballando nos últimos días para destacar o papel da muller ao longo da historia.

A exposición poderase ver mañá, venres, a partir das 18.00 horas na axencia de lectura, tamén se inclúen frases de mulleres do municipio relacionadas co 8-M e que foron asinadas por cada unha das autoras. As persoas que se acheguen mañá ata a axencia de lectura poderán participar tamén nunha xincana temática.

Esta actividade vaise complementar o vindeiro domingo, Día Internacional da Muller, cunha charla coloquio que se celebrará na casa da cultura a partir das 19.00 horas sobre ‘O papel da muller no rural’. A gandeira Carmen Turnes Paredes, a farmacéutica María Pilar Gómez Antelo e a odontóloga Ana María Montalbán serán as persoas participantes como relatoras para destacar a importancia que ten a muller no rural galego.

  • Doble galardón para ‘Maxia de inverno’, chegada dende Tomiño: mellor comparsa e segunda en carrozas

  • ‘Vinkings Conxo’ e ‘Fantasía na fraga’ completan o podio nas dúas categorías máis numerosas

  • ‘Transformer’, ‘Doutor Maximus Pest’ e ‘Tartarugas ninja’ foron os gañadores en categoría individual e grupo

  • Moitos veciños presenciaron un desfile con medio milleiro de participantes e continuaron de festa pola noite

20200229 MadMax ALI2953

A Baña encheuse onte de cor no desfile de disfraces de Entroido que xuntou a máis de medio milleiro de participantes e amosou a imaxinación e enxeño da veciñanza local. ‘Mad Max’, chegada de Lañas, foi a gañadora na categoría de carrozas e ‘Somolo demo’, dende Liñaio, quedou terceira en comparsas. A elas sumouse ‘Barcala na lúa’, que conseguiu ‘fichar’ ao Jorge Javier Vázquez para arrincar moitos sorriso e aplausos da veciñanza coas súas coplas satíricas sobre a situación política no concello, adicándolles cancións aos tres líderes políticos da Corporación municipal.

20200229 liñaio ALI2882

Na categoría de carrozas, o terceiro premio foi para ‘Fantasía na fraga’, que chegou dende Oroso, e o segundo para a agrupación Estrelas da Noite que se desprazou dende Tomiño (Pontevedra) cunha proposta chamada ‘Fantasía de inverno’, na que participan 75 persoas e que tamén conseguiu o primeiro premio na categoría de comparsas. Dende Compostela os ‘Vinkings Conxo’, coas súas caras pintadas, conseguiron o segundo premio en comparsas. Nestas dúas categorías, as tres primeiras agrupacións levaron un premio en metálico de 1.000, 500 e 200 euros, respectivamente.

20200229 Ninja ALI2768

As ‘Tartarugas Ninja’, en grupo, o ‘Doutor Maximus Pest’, en individual adulto, e ‘Transformer’, en infantil, foron os gañadores nas súas respectivas categorías e merecedores dun premio de 150, 100 e 100 euros, respectivamente.

20200229 BarcalaLua ALI3060

E aínda que non obtivo premio, a carroza ‘Barcala na lúa’ presentouse en San Vicenzo coa fichaxe estrela do televisivo Jorge Javier Vázquez e tamén co novo ‘alcalde da Baña’, que, bastón de mando en man, non tivo reparo en darlle un abrazo a José Antonio Pereira, que está á fronte do concello dende o pasado mes de xuño.  As súas propostas musicais tamén arrincaron numerosas risas e aplausos entre o público presente. Ao ex alcalde popular, Andrés García Cardeso, con moita sorna, dedicáronlle o corrido mexicano de Antonio Aguilar ‘Juan Charrasqueado’, ao que titularon ‘Andrés, o mal pagador’. Ao actual alcalde, José Antonio Pereira, cantáronlle a rancheira ‘El rey’, de Vicente Fernández, á que titularon ‘O alcalde sonche eu’. Para o líder de Compromiso por Galicia, César Ramos, ao que votaron en cara que non lles acompañara na comparsa, tiñan reservado o tema de Sergio Dalma ‘Yo no te pido la luna’, cun pequeno cambio en letra e título para adaptalo a ‘Eu non che pido o voto’.

‘O pequeno reino de Ben e Holly’, ‘Barrio Guisandésamo’, ‘As sojras adovesidas nas vespas’, ‘Arca de Noé’, ‘A froitería da Ruliña’, ‘O Entroido ten un color especial’, ‘Magia Cíngara’, ‘Superheroes’ ou ‘Ajhata ruín da praza’ foron outras das comparsas e carrozas que onte desfilaron pola Baña entre os aplausos da veciñanza, que continuou a festa na carpa habilitada preto da escola de música, na que a cativada puido gozar cos inchables.

20200229 Transformer ALI2754

No palco da discoteca móbil CDC entregáronse os premios aos gañadores, no que houbo momentos de moita emoción, como cando lle entregaron o galardón a ‘Mad Max’ e un dos seus compoñentes máis novos non puido conter as bágoas. As gañas de divertirse e bailar continuaron ata a madrugada coa música do DJ que animou a verbena.

Album de fotos no Facebook do Concello da Baña. Desfile (neste enlace) e entrega de premios e ambiente (neste enlace)

20200226 Entroido PAI

Os pequenos e pequenas do PAI da Baña celebraron estes días unhas festas de Entroido moi divertidas e creativas ao tempo. Así, o alumnado do centro de educación infantil participou na confección dun disfrace grupal de pallasos; elaborou coloridos antefaces; e creou complementos feitos con materiais de refugallo, como as gafas realizadas a partir dos cartóns do papel hixiénico. Tamén houbo tempo para o disfrace libre, nun día no que vacas, policías, astronautas ou osos panda tomaron o PAI da Baña para facer unha festa.

Podes ver máis fotos neste album no Facebook do Concello da Baña.

20200228 ALI1596

O Concello da Baña mantén o desfile de Entroido previsto para mañá pola tarde, e que está resultando todo un éxito de convocatoria, con 550 persoas inscritas en todas categorías. As previsións meteorolóxicas indican que pola tarde choverá pouco e que a alerta laranxa que emitiu a Dirección Xeral de Emerxencias levantarase ás 08.00 horas de mañá. En caso de que se decrete unha nova alerta e haxa que cancelar o desfile, a primeira hora de mañá dende o Concello poranse en contacto cos representantes e todos os grupos, comparsas e carrozas inscritas para comunicarlles a decisión.

Pero todo apunta a que o Entroido da Baña este ano vai ser un éxito de participación, como acreditan as 550 persoas inscritas (o prazo rematou onte) nas diferentes categorías. Polas rúas da Baña van desfilar 18 comparsas e carrozas procedentes de toda Galicia. “Virá unha carroza de 16 metros de longo dende Ourense, e varias tamén dende Tomiño”, indica a concelleira de Cultura, Mónica González. A elas hai que engadir os participantes nas categorías de grupo e individuais.

O concurso comezará ás 16.30 horas. Os participantes van desfilar pola rúa Rosalía de Castro (a estrada que une A Baña con Santa Comba), en dirección cara a Praza do Concello, onde serán avaliados polo xurado. Dende aquí, uns seguirán pola rúa Tedelle e outros pola rúa Xacinto Rodríguez, para facilitar a saída a os participantes.  Todos eles competirán polos 3.500 euros en premios que este ano reparte o Concello da Baña, 1.700 na categoría de carrozas e outros 1.700 na de comparsas.

Paralelamente, o Concello ten organizadas diferentes actividades para a cativada, nunha finca situada ao carón da escola de música, con accesos tanto dende a rúa Tedelle como dende Xacinto Rodríguez. Aquí haberá unha carpa, inchables e moitos máis xogos.

Food track e discoteca móbil da Asociación A Baña en Festas

A Asociación A Baña en Festas colabora con Concello para que todas as persoas que visiten mañá a Baña pasen un día inesquecible. O colectivo veciñal vai montar unha cantina e contará tamén cunha food trucks para que todos os asistentes poidan repoñer forzas.

E para rematar o día, a discoteca móbil CDC animará a bailar a todos os presentes ata que o corpo aguante.

20200220 Portas abertas CPI cartelO CPI de San Vicente organiza unha xornada de portas abertas o vindeiro mércores 4 de marzo ás 16.30 horas para que as familias con fillos e fillas en idade de escolarizar poidan coñecer as instalacións e o proxecto educativo do centro bañense.

O CPI de San Vicente ten prazas vacantes en Infantil, Primaria e ESO. A súa oferta educativa destaca por unha atención personalizada cunha ratio reducida e nunha contorna natural, ademais de contar con servizo de comedor escolar e transporte.