A Oficina Técnica do Concello da Baña permancecerá pechada ao público os días 28, 30 e 31 de xaneiro e o 3 e 4 de febreiro. Porén, será posible a tramitación da documentación referida a calquera expediente no Rexistro Xeral do Concello da Baña.

  • Asociacións veciñais e comunidades de augas rurais teñen de prazo ata o 30 de xaneiro para presentar as solicitudes

ImagenDOG

O alcalde da Baña ven de remitirlles unha carta ás asociacións  e colectivos do concello informando da convocatoria de subvencións para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva, que publicou a Vicepresidencia da Xunta de Galicia no DOG o pasado 30 de decembro dirixidas a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de augas rurais de Galicia debidamente inscritas no rexistro público correspondente. O prazo para presentarse remata o 30 de xaneiro.

Esta convocatoria ten por finalidade outorgar axudas específicas par investimentos destinadas ás entidades coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. As axudas pódense destinar a obras e equipamentos en inmobles titularidades dos colectivos solicitantes ou nos que lles corresponda o dereito de uso. Tamén se inclúen as traídas de auga veciñais.

 Son subvencionables os seguintes proxectos:

  • Obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade desenvolve a súa actividade.
  • Adquisición de equipamentos:  mobiliario, equipos de oficina, equipamento informático e audiovisual.
  • Obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias.

O importe máximo da axuda  é de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para equipamentos e o prazo para ter rematadas as obras e xustificar o gasto será o 15 de outubro de 2020.

O prazo para solicitar estas axudas da Vicepresidencia remata o día 30 de xaneiro de 2020 e pódese solicitar información no Concello da Baña. A orde íntegra do DOG pódse consultar neste enlace (preme aquí).

A oficina técnica do Concello da Baña permanecerá pechada do 26 de decembro ata o 2 de xaneiro polo que durante estas datas non haberá atención ao público. Non obstante, será posible a tramitación de documentación referida a calquera expediente no Rexistro Xeral do Concelo.

    • O expediente será remitido á Xunta para que o solo industrial se poida poñer en marcha de forma inminente

    • A mesa de contratación contará coa presencia de catro funcionarios e dous representantes dos grupos políticos

    • O xoves 16 haberá unha concentración diante do centro de saúde para reclamar que se cubran as baixas e vacacións da pediatra

 

 

O Pleno da Corporación da Baña acordou hoxe por unanimidade aprobar provisionalmente o plan de sectorización do solo rústico apto para urbanizar SRAU-2, que permite desbloquear a tramitación do polígono industrial na Eiroa. O acordo plenario e todo o expediente remitirase á Xunta para que se de o visto bo ao solo industrial, e poder cerrar así un trámite que se solicitara en outubro de 2016. Se dende a Xunta non se solicita máis documentación, a Baña poderá contar cun polígono industrial, algo que os tres grupos políticos da Corporación agardan que ocorra en breve.

Na sesión de hoxe (ver vídeo íntegro neste enlace) tamén se aprobou a moción de Compromiso por Galicia para modificar a composición da mesa de contratación, na que pasarán a estar presentes dous representantes dos grupos políticos da Corporación (de forma rotatoria). Segundo o informe emitido pola secretaría do Concello, e dado que os representantes políticos non poden superar un terzo dos membros da mesa, neste órgano deberán estar presentes catro funcionarios municipais a partir de agora.

A idea inicial de CxG era que na mesa estiveran presentes un membro do PSdeG, outro do PP e outro de Compromiso, pero diante do informe de Secretaría propuxo que só fosen dous e de forma rotatoria. O alcalde propuxo que só estivese un representantes dos partidos políticos, que se fose rotando en cada mesa, para non ter que incrementar o número de traballadores municipais presentes neste órgano ata catro persoas. Na votación, a proposta foi aprobada co apoio de CxG e do PP (6 votos), mentres que o equipo de goberno do PSdeG votou en contra (4).

No apartado de rogos e preguntas, o alcalde anunciou que o xoves 16 de xaneiro, ás 12.00 horas, está convocada unha concentración diante do centro de saúde para reclamar que o Sergas cubra as baixas por enfermidade ou as vacacións da pediatra asignada á Baña, e que tan só atende aos nenos e nenas dous días a semana. Dende o Concello xa se enviou unha carta ao Sergas solicitando esta medida, xa que ao non cubrir estas ausencias, os nenos e nenas da Baña teñen que desprazarse ata Santiago para poder ser atendidas por un pediatra do Servizo Galego de Saúde. “Dado que o Sergas non respondeu á carta que lle remitimos a principios de decembro e polo que convocamos esta concentración”, indicou o alcalde.

20200108 Pleno poligono ALI1876

 

O Pleno do Concello da Baña aprobou esta tarde por unanimidade a relación de partidas por máis de 830.000 euros que se van incluír no Plan único de concellos da Deputación da Coruña, no que están englobados tanto o POS+ como o plan complementario. Salvo 47.000 euros que se van destinar a financiar gastos correntes, os preto de 800.000 euros restantes investiranse na execución de diferentes obras. A Baña non destina ningunha partida a redución de débeda e de pago a provedores, ao estar ao día nestas aspectos.

As partidas do Plan POS+ ascenden a 463.554,24 euros, que se van destinar case na súa totalidade a financiar investimentos (415.673 €) e só 47.881 a gastos correntes.  A obra máis importante do POS+ vai ser a pavimentación da estrada que comunica Barro con Cantalarrana (146.692 euros). O abastecemento en Barcala (91.625 €) e o saneamento en Seilán e San Mamede (75.574 €) son as outras dúas partidas con maior investimento. Con cargo ao POS+ tamén se executará a pavimentación dunha estrada en Trece (52.051) e outra en Nantón (49.728 euros).

En canto ao plan complementario da Deputación –a estas alturas do ano descoñecese a dotación total que terá–, o Concello da Baña inclúe para o ano 2020 obras valoradas en 366.491 euros. A mellora e reposición do camiño de servizo entre Lameiro e Rial (167.338 euros) e a pavimentación de estradas en Menlle de Arriba-Paradas (86.860 euros) serán as obras máis importantes incluídas no complementario. Con este plan tamén se acometerá a pavimentación de estradas en Señor e Buchain (31.895 €), Failde-Suevos-Faxín (36.244), A Edreira (31.077), Lañas e Fiopáns (49.170), e a que une Gosende coa estrada da Carballeira (36.780). A pavimentación da vía dende o límite con Negreira ata A Tarroeira e San Mamede ascende a outros 48.498 euros, e a do Cruceiro-Canle-Paraxón a 45.964 euros.