• As reivindicacións do goberno local foron atendidas pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza 

  • O alcalde José Antonio Pereira, a concelleira Mónica González e varios facultativos reuníronse este luns con Eloína Núñez 

  • A responsable do Sergas amosou a súa disposición a tratar de mellorar o servizo de Pediatría no municipio 

20230905 Banha reunion Eloina nunez CENTRO SAUDE

As reivindicacións do alcalde da Baña para mellorar a atención no centro de saúde foron atendidas pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza. Nunha reunión mantida este luns con  José Antonio Pereira, a concelleira Mónica González e varios facultativos do centro médico, Eloína Núñez comprometeuse a cubrir de xeito permanente cun médico substituto a baixa de longa duración dun dos facultativos da Baña. Así mesmo, a responsable do Sergas sinalou que dende finais deste mes de setembro a matrona vai atender 2 días a semana no municipio.
 
Na xuntanza celebrada este luns no centro de saúde o alcalde puxo sobre a mesa os principais problemas que afectan á veciñanza. José Antonio Pereira subliñou a necesidade de cubrir as baixas e vacacións durante o período estival, que este ano provocaron atrasos continuos e derivacións de pacientes ás instalacións sanitarias de Negreira. Eloína Núñez comprometeuse a cubrir a baixa de longa duración que afecta a un dos tres médicos asignados no centro de saúde da Baña cunha substitución permanente. 
 
Este médico substituto incorporouse xa o pasado 29 de agosto, ao día seguinte de que o Concello fixera públicas as queixas do goberno local e de toda a veciñanza, como destacou José Antonio Pereira.
 
En canto á falta de pediatras, cun servizo que só conta con facultativo dous día á semana, a xerente  da área sanitaria transmitiu a súa disposición a tratar de buscar unha solución pese á falta xeralizada destes especialistas en toda Galicia.
 
O último dos puntos tratados nesta reunión foi a urxencia de ampliar a cobertura do servizo da matrona, que pasou na Baña de contar cunha especialista de xeito permanente a ter que compartila con Negreira dende a xubilación da anterior titular. 
 
Eloína Núñez tamén avanzou que dende a finais do mes de setembro a cobertura da matrona no centro médico pasará a ser de dous días á semana en vez de un como ata agora.
 
 

O alcalde, José Antonio Pereira Gil, remitiu un escrito no que expón que no municipio superáse o prazo de 5 días hábiles acordado pola administración || 

vespa velutina

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, remitiu á Concellería de Medio Rural e a Seaga un escrito no que esixe a retirada dos niños de vespas velutinas no municipio segundo os prazos estipulados pola propia administración.

O Concello da Baña expón as numerosas queixas recibidas por parte dos veciños e veciñas pola tardanza na retirada de niños de vespas velutinas no municipio, con prazos superiores ao mes, cando se trata de domicilios particulares. Esta circunstancia supón un grave risco para as persoas.

Na nota, recordar que a Dirección Xeral de Administración Local, con data 18 de xaneiro, indicaba que o convenio de retirada de vespas velutinas coa empresa Seaga implicaba que a retirada de ditos niños, unha vez recibida a alerta no servizo 012, tería un prazo medio de 5 días hábiles. No Concello da Baña este compromiso non se está a cumprir.

Deste xeito, o Concello insiste na súa esixencia de que se tomen as medidas oportunas para o cumprimento de ditos prazos de retirada de niños de vespas velutinas.

 
 

Os traballos renovarán o firme da vía que comunica O Cruceiro, O Canle e Paraxó || 

20230901 obras vial Ordoeste 1

O Concello da Baña iniciou as obras de pavimentación da vía que comunica O Cruceiro, O Canle e Paraxó na parroquia de Ordoeste.

A licitación dos traballos resolveuse a favor da empresa Ctnes. J. Mauri e hijos, S.L., e supón un investimento de 53.634,36 euros.

O concelleiro de Obras, urbanismo e medio rural, Jesús Manuel Pena, supervisou o inicio destas obras que servirán para renovar o firme desta estrada e mellorará a seguridade viaria, tanto de vehículos como de peóns.

20230901 obras vial Ordoeste 3

A cita é puntuable para o VII Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña || 

A inscrición está aberta ata o sábado 16 de setembro || 

20230904 A Bancha II TORNEO XADREZ

 

O pavillón municipal de San Vicenzo acolle o domingo 17 de setembro a segunda edición do Torneo de Xadrez Concello da Baña, unha proba puntuable para o VII Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña. A competición é valedoira para ELO FIDE de xadrez rápido (sistema de cualificación da Federación Internacional de Xadrez).

O torneo disputarase entre as 11.00 e as 19.30 horas, momento en que está previsto o acto de clausura, baixo o sistema de xogo suízo, con 7 ou 8 rondas segundo o número de xogadores e xogadoras. O ritmo de xogo será de 10 minutos e os emparellamentos realizaranse mediante un programa informático que decidirán os máis de 20 premiados en total.

Haberá premios para os primeiros clasificados e diferentes galardóns atendendo ás categorías por idade dos participantes e para os tres mellores xadrecistas da Baña. Ademais, sortearanse un cheque regalo de Gadis e unha cesta de Frutas Fondo entre os non premiados.

A inscrición no II Torneo de Xadrez Concello da Baña está aberta ata o sábado 16 de setembro, un día antes da competición. Ten un custo xeral de 10€ e de 7 no caso dos participantes sub-16. Ademais, os xogadores e xogadoras locais pagarán 5€.

As inscricións pódense realizar no teléfono 617 234 393 ou no correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo..

O torneo está organizado polo Club Xadrez Arteixo e conta co patrocinio do Concello da Baña e coa colaboración da Deputación da Coruña.

  • Os días 24, 25 e 28 só estivo presente un dos tres facultativos e o venres só atendeu de 8.30 a 12 horas, derivando os pacientes a Negreira

  • “O centro médico ten deficiencias estruturais que hai que solucionar canto antes”, reclama o alcalde José Antonio Pereira

  • O goberno local reitera a súa petición de reunirse co conselleiro de Sanidade e coa xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza

20230829 Banha Centro SaudeO alcalde da Baña, José Antonio Pereira, expresou hoxe o malestar existente entre a veciñanza pola "moi deficiente cobertura médica que o municipio está sufrindo este verán". Cunha nula previsión para cubrir baixas e vacacións durante este período estival, o centro médico local padeceu atrasos continuos e varias persoas foron mesmo derivadas ás instalacións sanitarias de Negreira, algo que, a xuízo de Pereira, é "totalmente inaceptable". O alcalde agarda aínda a que o conselleiro de Sanidade e a xerente da área sanitaria poñan cita a unha reunión que o Concello solicitou hai unha semana, o pasado 23 de agosto.

Aínda que, sobre o papel, o centro médico da Baña debe estar atendido por tres médicos, o certo é que as baixas e vacacións deixaron a instalación moi minguada en termos de asistencia. Sen ir máis lonxe, o Concello denuncia que en días como o xoves 24 ou o luns 28 de agosto só un doutor estivo presente, cos conseguintes atrancos. Máis aínda, en xornadas coma a do pasado venres, 25 de agosto, só se prestou servizo de 8:30 a 12:00 da mañá; os casos que chegaron fóra deste marco temporal foron desviados a Negreira.

"Semella que os veciños e veciñas da Baña non podemos poñernos enfermos ou, de facelo, temos que cinguirnos a un horario estrito", dixo o alcalde. José Antonio Pereira recordou que a situación "vén de lonxe; o noso centro médico ten deficiencias estruturais que hai que solucionar canto antes".

Neste sentido, o alcalde recordou que tanto el como Mónica González (concelleira de Acción social, cultura e servizos a cidadanía) tiñan solicitada hai unha semana (o 23 de agosto) unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e coa xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez. "Non tivemos resposta aínda", destacou Pereira. Os puntos a tratar nesta xuntanza son ben importantes para o municipio bañense: desde o mantemento do centro de saúde ata as substitucións do persoal que traballa en dito centro, o funcionamento do servizo de pediatría (que non se cobre en vacacións) ou o servizo de matrona (compartido con outro concello, cando antes atendía a tempo completo na Baña). "Parécennos cuestións o suficientemente importantes como para que se nos atenda canto antes por parte da Xunta", remarcou o alcalde.