• O alcalde e a primeira tenente de alcalde reuníronse na Coruña co xefe territorial da Consellería para recibir información de primeira man

  • A previsión era que finalizase en setembro a rehabilitación integral do centro escolar, presupostada en 1,16 millóns

20231004 Obras CPISanVicente web

20231004 Obras CPISanVicente 03O xefe territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, afirmou que o seu departamento terá rematadas ao longo deste mes de outubro as obras que se están executando no CPI San Vicente. Na reunión mantida este martes, 3 de outubro, co alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e coa tenente de alcalde e concelleira de acción social, cultural e servizos á cidadanía, Mónica González, o responsable provincial comprometeuse tamén a estudar a viabilidade de proxectos como a creación dun corredor seguro no centro mentres duren as obras ou a unificación de horarios en Primaria e Secundaria.

Pereira e González reuníronse con Cabana para recibir información de primeira man sobre unhas obras que, segundo recoñeceu o xefe territorial de Educación, levan algún retraso, pois estaba previsto que finalizasen en setembro. Cun presuposto de 1.161.179,44 euros, estase actuando na mellora de impermeabilización da estrutura, tanto en fachadas como en cubertas, e na carpintería exterior. Tamén se están renovando os acabados interiores e as instalacións (aseos, instalación eléctrica e iluminación), e mudando un total de 121 ventás e de 300 luminarias. Cabana comprometeuse a que as obras rematen ao longo deste mes de outubro.

As reformas están a provocar alteracións na vida diaria da comunidade educativa, sobre todo nas entradas e saídas, o que complica a circulación en xornadas de chuvia. Neses días, o alumnado debe saír do centro e rodealo por completo para acceder ao pavillón, por exemplo. Por isto, José Antonio Pereira e Mónica González solicitáronlle a Educación que se amañe unha saída do centro que comunique as aulas directamente co polideportivo mentres duren as obras, unha actuación que Indalecio Cabana asegurou que se estudará por parte da unidade técnica do servizo que dirixe.

20231004 Obras CPISanVicente 04Alcalde e tenente de alcalde reclamaron tamén a unificación de horarios entre Primaria e Secundaria para dar un servizo mellor e máis racional á comunidade. Na actualidade, o alumnado de Primaria xanta no comedor todos os días da semana e despois desprázase aos seus domicilios en autobús. Mentres, o de Secundaria só ten acceso a comedor e transporte os mércores, xornada na que ten actividade lectiva polas tardes. A idea do Concello da Baña é que a rapazada e Secundaria poida utilizar o comedor os luns, martes, xoves e venres do mesmo xeito que o usan os mércores, e logo empregar os mesmos buses que a de Primaria, para evitar que os buses circulen semibaleiros e, ao tempo, favorecer a conciliación laboral e familiar.

Esta proposta xa fora presentada pola dirección do centro o ano pasado, a petición da AFA CPI San Vicente, e non obtivera resposta. Nesta ocasión, Indalecio Cabana sinalou que, por unha banda, o seu departamento terá que estudar a capacidade do comedor do colexio. Pola outra, a xestión do transporte escolar é competencia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, polo que terán que ser os técnicos deste departamento os que analicen a cuestión.

Finalmente, Pereira e González demandaron un mestre de pedagoxía terapéutica específico para os ciclos de Infantil e Primaria, ao que Cabana respondeu que o profesional asignado a Secundaria pode atender tamén os casos de nenos e nenas con necesidades especiais doutros cursos.

José Antonio Pereira e Mónica González agradecéronlle a Indalecio Cabana que os recibise no seu despacho da Coruña, así como o compromiso dunha pronta finalización dunhas obras tan necesarias, que supoñen un forte investimento no CPI San Vicente.

A proba xuntou esta mañá a 287 participantes nas catro probas disputadas

José Manuel García Antelo e Carlos Lema Fernández foron os mellores locais nas carreira de 28 e 16 km, respectivamente

 

20231001 Trail da Banha saida meta podios 9

 

Roberto Tuñas conseguíu hoxe o seu obxectivo de gañar o Trail da Baña. Despois de quedar terceiro en 2018 e segundo en 2919 esta mañá foi o máis rápido en rematar os 28 km en algo mási de dúas horas e media (2.37.10). Na proba curta de 16 km os gañadores foron Marcos Castro e Olaia Suárez. A proba estivo organizada polo Club Seixos e contou coa colaboración do Concello da Baña.

O Trail da Baña celebrou esta maña a súa edición máis numerosas das catro celebradas. 287 persoas tomaron as saída diante do polideportivo municipal de San Vicenzo. 130 competían nas dúas modalidades de trail (longo de 28 km e curto de 16) e outras 157 nas dúas andainas non competitivas de 16 e 10 km.

20231001 Trail da Banha saida meta podios 106

Na liña de meta, os primeiros en chegar foron os do trail curto unha hora e media despois da saída. Os gañadores en categoría masculina foron Marcos Castro (1.22.36), Rubén Martínez (1.26.58) e Eloy González (1.30.47). Entre as mulleres, as máis rápidas foron Olaia Suárez (1.51.14), Carolina Niño (1.53.27) e Silvia Miragaya (1.54.58).

20231001 Trail da Banha saida meta podios 108

Nesta proba tamén levaron trofeos os tres primeiros das categorías de veteranos 1, Manuel Castro, Sergio Monteagudo, Jacobo Paredes; Maite Salgado, Verónica Martínez e Liza Caballero; e veteráns 2: José Suárez Ricardo Villar, Manuel Millán, Carmen García, Matilde Vázquez e Chelo Vigo.

20231001 Trail da Banha saida meta podios 113

No trail longo subiron ao podio Pablo Conde, Juan Besteiro e Manuel Vieites (veteranos 1) e Fernando González, Francisco Blanco e Jesús Iglesias (veteranos 2).

Os mellores corredores da Baña foron José Manuel García Antelo (3:18:25) na proba de 28 km e  Carlos Lema Fernández (1.45:07) no trail curto.

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais, Ana Pensado, estregáronlle medallas a todas as persoas participantes e trofeos as mellor clasificadas de cada categoría.

Os mellores da Bana

As clasificacións completas pódense consultar na páxina web de Galitiming, nos seguintes enlaces. Clasificación trail longo e clasificación trail curto.

A proba tivo un percorrido “moi fermoso e esixente” destacou unha das atletas tras cruzar a meta. “É moi entretido e bonito”, asegurou outro dos participantes. O gañador do trail longo, RobertoTuñas, agradeceu que, nun día de tanto calor como o de hoxe “a maioría do percorrido fose preto do río e pola sombra”.

O Club Seixos, coa colaboración do Concello da Baña, organizou a proba, que contou co patrocinio de Ternera Gallega, Gadis, Futsal A Baña, O Muíño Pizzería, Rosfavi S.L., Neumáticos Marcos, Clun, Spar Express Corneira, Soft4fit e Panadería Xallas.

Alumnado da academia Englis Rocks de Carballo estiveron animando a festa que se organizou despois da entrega de trofeos, coas tres agrupacións que tocaron na Baña: Full System, Dixies e Retro Tool.

 

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe, mércores 20 de setembro, a solicitude de declaración de utilidade pública do proxecto da infraestrutura de evacuación do parque eólico de Vilartoxo, no concello da Baña, coa necesidade urxente de ocupación que iso implica.

O anuncio inclúe a relación de bens e dereitos afectados, así como das persoas titulares dos mesmos, que poderán facer as observacións que consideren oportunas nun prazo de 30 días a contar a partir do día seguinte da publicación deste acordo no DOG; isto é, do 21 de setembro ao 3 de novembro de 2023 permanecerá aberto o prazo de alegacións.

O Concello da Baña ponse a disposición dos veciños e veciñas afectadas, que poderán resolver calquera dúbida dirixíndose ao servizo municipal de Urbanismo. O proxecto da infraestrutura de evacuación do parque eólico Vilartoxo (anteriormente nomeado solución de evacuación conxunta dos parques eólicos Barrosino e Vilartoxo), está promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U.

A documentación relativa ao proxecto pode consultarse nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Empresa e Innovación (rúa Vicente Ferrer, núm. 2-2º andar, 15071 A Coruña, teléfonos 981 18 49 83 e 981 18 49 82), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, así como na casa do Concello da Baña. Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da seguinte ligazón: 

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion

  • Un informe técnico desfavorable obriga a modificar o proxecto e proceso de expropiación de terreos vai durar un mínimo de oito meses 

  • O alcalde e a primeira tenente de alcalde reúnense en Santiago coa responsable de Infraestruturas da Xunta 

  • A obra non conta con financiamento para este ano, “polo que non se vai executar, como mínimo, ata finais de 2024”  

20230927 reunion conselleria senda peonil
 

O proxecto para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria no Seilán, cun itinerario peonil de 900 metros que a Xunta ía financiar cuns 360.000 euros, vaise retrasar polo menos un ano. Así llelo comunicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta Ethel Vázquez ao alcalde, José Antonio Pereira, e á concelleira Mónica González na reunión que mantiveron a pasada semana en Santiago.

“Estamos descontentos e frustrados. Unha obra moi importante para a veciñanza, que o Partido Popular anunciou a bombo e prato vai ter un retraso moi importante”, asegura José Antonio Pereira. Pola súa banda, a concelleira Mónica González lamenta que “a conselleira non aportase ningunha solución alternativa aos problemas de mobilidade expostos pola veciñanza de Seilán e de Ordoeste”.

O alcalde explica que, segundo lles trasladou a conselleira Ethel Vázquez, o proxecto redactado pola Xunta ten un informe técnico desfavorable e haberá que modificalo. A execución das obras require a expropiación de terreos, “un proceso que, xunto coa exposición pública, tardará un mínimo de oito meses. Ademais, a Xunta non ten asignada partida para financiar a obra este ano. A conselleira díxonos que vai tentar incluíla nos orzamentos do ano que vén”. Para José Antonio Pereira “isto implica que, no mellor dos casos, as obras non comezarán ata finais de 2024. Un ano de retraso, como mínimo”.

José Antonio Pereira lembra que foi a propia Xunta a que o pasado mes de febreiro anunciaba un investimento de preto de 360.000 euros para mellorar a accesibilidade e a seguridade na zona do Seilán. A consellería anunciou que nun tramo de 900 metros da AC-444, ata o límite con Negreira, íanse construír beirarrúas de dous metros de ancho e outras melloras. “Agora, dez meses despois, todo queda en papel mollado”, lamenta o alcalde.

Na reunión celebrada a pasada semana na sede da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Pereira e Mónica González tamén lle pediron a Ethel Vázquez algunhas actuacións na AC-546 para mellorar a seguridade peonil en Seoane, Ordoeste e Corneira, como pasos de peóns, entre outros. “A conselleira só deu evasivas e puxo pégas, non aportou ningunha solución”, asevera Mónica González, polo que “saímos moi descontentos da xuntanza”, conclúe o alcalde.

O orzamento total da actuación ascende a 250.000 euros dos que a institución provincial aportará o 80% || 

Con esta obra mellorarase a circulación e a seguridade viaria dunha estrada moi transitada pola veciñanza || 

20230918 Sinatura deputación concello obras11

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para cofinanciar as obras de arranxo da pavimentación das vías públicas entre Vilar da Torre e Lañas.

O acto da sinatura contou tamén coa asistencia do deputado Antonio Leira.

A Deputación destinará 200.000 euros do investimento, que supón o 80 % do orzamento total, para unhas obras que teñen como obxectivo mellorar a circulación e a seguridade viaria no tramo que transcorre entre Vilar da Torre e Páramos.

20230918 Sinatura deputación concello obras22

Trátase dunha estrada moi transitada e moi empregada por toda a veciñanza da comarca, polo que as melloras executaranse en dous prazos: primeiro levarase a cabo a explanación e o rasanteo do firme, así como a limpeza e o perfilado de beiravías; para a continuación estenderse unha base de macadam de 15 cm. de grosor, ademais de colocar un rego de penetración e un rego superficial para completar a obra.

Con esta nova acción mellorarase unha infraestrutura de carácter básico e moi utilizada para o Concello da Baña, mellorando o día a día tanto da súa veciñanza como a dos habitantes da comarca.