• Un informe técnico desfavorable obriga a modificar o proxecto e proceso de expropiación de terreos vai durar un mínimo de oito meses 

  • O alcalde e a primeira tenente de alcalde reúnense en Santiago coa responsable de Infraestruturas da Xunta 

  • A obra non conta con financiamento para este ano, “polo que non se vai executar, como mínimo, ata finais de 2024”  

20230927 reunion conselleria senda peonil
 

O proxecto para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria no Seilán, cun itinerario peonil de 900 metros que a Xunta ía financiar cuns 360.000 euros, vaise retrasar polo menos un ano. Así llelo comunicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta Ethel Vázquez ao alcalde, José Antonio Pereira, e á concelleira Mónica González na reunión que mantiveron a pasada semana en Santiago.

“Estamos descontentos e frustrados. Unha obra moi importante para a veciñanza, que o Partido Popular anunciou a bombo e prato vai ter un retraso moi importante”, asegura José Antonio Pereira. Pola súa banda, a concelleira Mónica González lamenta que “a conselleira non aportase ningunha solución alternativa aos problemas de mobilidade expostos pola veciñanza de Seilán e de Ordoeste”.

O alcalde explica que, segundo lles trasladou a conselleira Ethel Vázquez, o proxecto redactado pola Xunta ten un informe técnico desfavorable e haberá que modificalo. A execución das obras require a expropiación de terreos, “un proceso que, xunto coa exposición pública, tardará un mínimo de oito meses. Ademais, a Xunta non ten asignada partida para financiar a obra este ano. A conselleira díxonos que vai tentar incluíla nos orzamentos do ano que vén”. Para José Antonio Pereira “isto implica que, no mellor dos casos, as obras non comezarán ata finais de 2024. Un ano de retraso, como mínimo”.

José Antonio Pereira lembra que foi a propia Xunta a que o pasado mes de febreiro anunciaba un investimento de preto de 360.000 euros para mellorar a accesibilidade e a seguridade na zona do Seilán. A consellería anunciou que nun tramo de 900 metros da AC-444, ata o límite con Negreira, íanse construír beirarrúas de dous metros de ancho e outras melloras. “Agora, dez meses despois, todo queda en papel mollado”, lamenta o alcalde.

Na reunión celebrada a pasada semana na sede da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Pereira e Mónica González tamén lle pediron a Ethel Vázquez algunhas actuacións na AC-546 para mellorar a seguridade peonil en Seoane, Ordoeste e Corneira, como pasos de peóns, entre outros. “A conselleira só deu evasivas e puxo pégas, non aportou ningunha solución”, asevera Mónica González, polo que “saímos moi descontentos da xuntanza”, conclúe o alcalde.