- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1812
O Concello da Baña subrogará o uso da reitoral de San Mamede do Monte á Asociación Anxiños para que poida poñer en marcha un centro de atención á nenos enfermos psiquiátricos ou con trastornos de conducta. O acordo, que se aprobou esta mañá en pleno cos votos a favor do PP e en contra do PSOE, conta co visto bo do Arcebispado de Santiago. O edil de Compromiso por Galicia non asistiu ao pleno por atoparse enfermo.
No ano 2007 o Arcebispado de Santiago cedeulle ao Concello da Baña o uso da reitoral de San Mamede do Monte por 25 anos (ata o 2032) para habilitar unha vivenda comunitaria no edificio. As obras de rehabilitación remataron no 2010 e, en nos anos seguintes dotouse ao inmoble de diferentes subministracións e equipamento. A entrada en vigor da Lei de Estabilidade Orzamentaria, que en 2012 obrigou ao Concello da Baña a aprobar un plan de axuste financeiro; e a modificación da normativa sobre centros de atención a persoas maiores fixeron inviable a execución do proxecto inicialmente previsto.
O informe elaborado pola Secretaría do Concello recolle que “desbotada a idea inicial de posta en funcionamento da citada residencia por razóns de índole legal, técnica e económico financeira que determinaron a consideración da inviabilidade do proxecto inicialmente concibido, non se formularon propostas alternativas nin constan iniciativas tendentes á consecución do interese xeral e o concreto interese municipal” para esta reitoral.
En abril de 2017, a Asociación Anxiños presentou no Concello da Baña unha solicitude na que pedía a subrogación no convenio co Arcebispado de Santiago para utilizar as instalacións da reitoral de San Mamede para promover a integración psicosocial dos nenos con trastornos de saúde mental, que permitirá que ata 8 nenos vivan neste edificio. Subrogación aprobada hoxe.
O alcalde, Andrés García Cardeso, explicaba ao comezo da sesión que, una vez recibida a petición da Asociación Anxiños, o Concello solicitou todos os informes pertinentes na Consellería de Política Social para coñecer se era viable ceder o uso da reitoral. “Eses informes foron positivos, e dende a Consellería tamén nos aseguraron que era inviable a construción dunha vivenda comunitaria, fogar residencial ou centro de día, por non cumprir coa normativa en vigor”. Por este motivo, dende o goberno propoñen cederlle o uso da reitoral a asociación, “ao non se presentar outras propostas, máis aló de crear un centro de refuxiados no inmoble”, dixo.
Dende o PSOE, José Antonio Pereira foi moi crítico co alcalde, a quen acusou de “enganar aos veciños, aos que sempre lles dixo que aí se ía construír unha iniciativa para a terceira idade”. Pereira, tras recoñecer que o de Anxiños “é un bo proxecto”, asegurou que na restauración do inmoble “se investiron uns 700.000 euros de cartos públicos e que agora se lle ían regalar a unha asociación” para un proxecto “que non vai beneficiar en nada aos veciños da Baña, que seguen sen ter un centro de día”.
Andrés García Cardeso recoñece que se investiron fondos públicos para acondicionar o edificio, “que non podemos dedicar a centro para maiores, como pretendíamos. Agora queremos darlle unha utilidade, e por iso propoñemos esta cesión á Asociación Anxiños”. Manuel Tourís abundou nesta idea ao sinalar que “aos nenos enfermos psiquiátricos que atende este asociación, estámoslles dando unha oportunidade, coa cesión da reitoral”. O concelleiro engadiu que, ata o momento, ningún membro da corporación presentou “outra alternativa para a reitoral, toda vez que o centro de día ou o fogar residencial son inviables”.
Na votación, a subrogación foi aprobada con 5 votos a favor do PP e 4 en contra do PSOE. Agora, o concello deberá redactar o convenio coa Asociación Anxiños.
Entre os asistentes ao pleno atopábanse tres membros da Asocaición Anxiños. Ruth Gómez, presidenta; José Luis Cacharrón, secretario, e María Gudiña, vogal e nai de dous nenos enfermos.
Ao rematar a sesión, Rut Gómez amosábase “moi feliz, porque despois de moito tempo de loita, os nenos enfermos mentais ingresados no hospital de Santiago van ter un espazo amplo, cun gran xardín, no que continuar a súa recuperación e tratamento, co mesmo coidado e amor que teñen no CHUS”. Gómez engadiu que a reitoral de San Mamede servirá tamén como “un área de respiro para os país de nenos enfermos mentais ou con trastorno de conduta, e como unha segunda estancia para estes enfermos”, asegurou.
Festivos locais e xuíz de paz
No pleno tamén se aprobaron os festivos locais para 2019, que serán o 22 de xaneiro e o 9 de setembro.
Como xuíz de paz propúxose ao único candidato que se presentou, Antonio Martínez Méndez, quen xa ven exercendo esta función.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 931
A unidade móvil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase este luns, día 3 de setembro, ata o Concello da Baña facilitar que todos os veciños e veciñas interesadas en doar sangue poidan facelo.
A unidade móvil estará aparcada diante do centro de saúde da Baña de 10.00 a 14.30 horas.
Dende a Axencia de Doazón de Organos e Sangue recordan que os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns cada día para atender a una media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.
As persoas interesadas en colaborar doando sangue teñen que ter entre 18 e 65 anos e pesar máis de 50 quilos.
Se queres colaborar, leva o DNI e achégate este luns, de 10.00 a 14.30 horas, á unidade móvil do Centro de Transfusión de Galicia que estará aparcada diante do centro de saúde da Baña.
Podes atopar máis información neste enlace: https://ados.sergas.gal/DDoazondesangue/405/PODO%20DOAR-PUEDO%20DONAR%203-18.pdf
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1015
Xa está en marcha unha edición máis de Maimiños e Furabolos, o programa socioeducativo para familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos do Concello da Baña. Como en anos anteriores, os veciños e veciñas que o desexen poderán asistir a esta serie de actividades coas que se pretende estimular a socialización das crianzas en galego e a interacción entre as diversas xeracións.
As familias realizarán xuntanzas o primeiro e terceiro venres de cada mes no Punto de Atención á Infancia do Concello da Baña, situado en San Mamede do Monte, en horario de 17 a 19 horas. A primeira está fixada para o 21 de setembro, e nelas compartiranse experiencias e favorecerase a educación en valores como a tolerancia, o respecto, a igualdade e a xustiza, a través de xogos e lecturas.
Para obter máis información e anotarse no programa Maimiños e Furabolos cómpre contactar coa educadora familiar do Concello no número de teléfono 608 819 741.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 3604
Con data do 23 de agosto de 2018, publícase a Lista de Substitución do posto de Traballadora Social. Reunida a Comisión de Valoración do proceso selectivo para a formación dunha lista de substitución do posto de Traballadora Social. Persoal laboral temporal. Nomeado por Resolución da Alcaldía 101/2018, do 13 de agosto.
Unha vez realizada a valoración dos méritos presentados polas persoas candidatas procédese á publicación da lista por orde da puntuación acadada, e segundo esa orde procederase aos chamamentos dacordo ao disposto na Base 4 das Bases Xerais para a selección de persoal funcionario interino e persoal laboral temporal, mediante listas de substitución.
Esta lista pódese consultar no documento adxunto Lista Substitución do posto de Traballadora Social.
Con data 16 de agosto de 2018 publícase resolución do alcalde da Baña pola que se modifica e amplía a resolución número 101/2018, de 13 de agosto, pola que se aproba a lista de admitidas/os e se publica a composición da Comisión de valoración respecto do proceso selectivo para a formación dunha lista de substitución do posto de traballo de Traballadora Social. Persoal laboral temporal.
Esta resolución pódese consultar no documento adxunto, así como a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas (prema aquí para velo).
Con data 13 de agosto de 2018 publícase resolución do alcalde da Baña pola que e aproba a Lista de Admitidas/os e se pubicada a composición da Comisión de Valoración respecto do proceso selectivo para a formación dunha lista de substitución do posto de traballo de Traballadora Social. Persoal laboral temporal.
Esta resolución, así como os documentos relativos a todo este proceso, pódense consultar nos documentos adxuntos.
O 27 de xullo de 2018, o Concello da Baña convoca o proceso de formación dunha lista de substitución do posto de traballo da Traballadora Social. A resolución da alcaldía pola que se aproba esta convocatoria e as bases específicas da mesma pódense consultar no arquivo adxunto a esta nova.
A presente convocatoria rexerase polas bases específicas da mesma e polas bases xerais para a selección de persoal funcionario interino e persoal laboral temporal mediante listas de substitución do Concello da Baña, que se poden consultar neste enlace ao Boletín Oficial da Provincia ou consultar no documento adxunto
Así mesmo, achégase un modelo de instancia para descargar.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1283
Unhas seiscentas persoas déronse cita hoxe na área recreativa Agra de Chans para conmemorar as vodas de prata da Festa dos Maiores da Baña, que estivo presidida polo alcalde, Andrés García Cardeso, e outros membros da Corporación Municipal.
Os asistentes puideron degustar un menú elaborado por Pulpería Veloso, de Vedra, a base de empanada, pulpo e carne ao caldeiro. A agrupación musical Tíralle do Aire, de Negreira, foi a encargada de poñer a música da festa. Pola súa parte, o grupo Los Casineros presentou o seu espectáculoSarabanda, que se representou na Baña dentro da rede cultural da Deputación.
A Festa dos Maiores está organizada polo Concello da Baña en colaboración coa Deputación da Coruña.
Album de fotos da festa no Facebook do Concello da Bana. Preme neste enlace