Os Concellos da Baña, Santa Comba, Val do Dubra, Negreira e Mazaricos organizan unha carreira de remudas transmunicipal para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Os máis de 100 remudistas que participarán na actividade portarán un facho de luz polos 100 quilómetros de percorrido que unirán os concellos co fin de simbolizar “o camiño da esperanza”. A marcha acompañarase en todos os municipios coa lectura dun manifesto a prol da erradicación deste tipo de violencia e a igualdade. A participación está aberta a toda a veciñanza maior de idade que se inscriba, e a aqueles mozos e mozas maiores de 14 anos que conten con autorización paterna. A inscrición pódese facer neste enlace.
A carreira 'Nunca Camiñarás Soa' intentará visibilizar a escuridade da violencia de xénero cunha luz de esperanza que mostre que as víctimas nunca van estar soas neste duro camiño, xa que a unidade é a chave para combatir a “escuridade da violencia”. Deste xeito, a marcha simbólica fará que máis de 100 remudistas atravesen ininterrumpidamente, durante 12 horas, “o camiño da esperanza” que une estes municipios por 100 quilómetros. Ademais, un facho de luz alumeará o percorrido ao seu paso en símbolo de que “existe unha saída desta lacra" e "en recordo das víctimas que xa non están”.
As encargadas de encabezar a carreira serán personalidades femininas galegas, que darán amparo e folgo a esta reivindicación. Ao comezo da marcha, ao chegar a cada municipio, e no remate farase unha lectura dun manifesto a prol da erradicación da violencia e da promoción do respecto entre xéneros, amenizado con músicas significativas. Ao mesmo tempo acenderase “a luz da esperanza” que permanecerá acesa en cada concello durante toda a xornada do 25 de novembro en sinal de “tregua”, como se facía nas Olimpíadas gregas para a realización dos xogos.
Quen queira formar parte do equipo de remudistas terá que ser maior de idade (ou maior de 14 anos contando con autorización paterna) e deberá inscribirse na seguinte ligazón: https://bit.ly/2qMlo2S
O Concello da Baña tamén conmemorará o Día Internacional contra a Violencia de Xénero coa súa adhesión á acción ‘En negro pola violencia de xénero’. Dende a corporación animan a que as institucións e organizacións do municipio tamén se sumen a esta causa.