A poucos días da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro), o Concello da Baña formaliza a súa adhesión á campaña ‘En negro pola violencia de xénero’, despois de acordalo de forma unánime no Pleno ordinario celebrado o 25 de setembro, e anima a todas as entidades do municipio a que sigan os seus pasos.
Deste xeito, todos os organismos e institucións da Baña que queiran sumarse á esta acción colectiva poderán facelo a través da páxina web https://ennegrocontraasviolencias.gal/, onde se atopa toda a información relacionada coa iniciativa.
‘En negro pola violencia de xénero’ é unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde no 2015 en Santiago de Compostela, co impulso da Administración local, e que ano tras ano foi medrando, involucrando a máis concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de xeito viral mesmo fóra de Galicia.
Aínda que está latente durante todo o ano, é sobre todo no mes de novembro, e no 25N –Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller–, cando a acción desprega a súa actividade de forma máis intensa. Calquera pode participar tinguindo o seu lugar de traballo de negro, realizando obradoiros e charlas que lles dean voz ás mulleres e que sensibilicen contra as violencias machistas.
Os concellos, empresas e asociacións que se adhiran deberán ter un compromiso político e técnico para espallar a acción e mobilizar a poboación e os axentes sociais e económicos para tinguir de negro as vilas e cidades galegas. Para iso deberán asinar un documento de adhesión á campaña “En negro contra as violencias”, para personalizar a marca de En Negro co nome da súa empresa.