-
O alcalde, José Antonio Pereira, e o concello de Urbanismo, Jesús Manuel Pena, recibiron na casa consistorial á xerente de SEA Beatriz Sestayo
-
Confirmouse que o estudo de viabilidade técnica, económica e xurídica estará dispoñible no primeiro trimestre de 2025
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, e o concelleiro de Urbanismo, Jesús Manuel Pena Varela, recibiron hoxe 13 de decembro no Concello á xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, para continuar traballando na construción do futuro parque empresarial en Eiroa. O encontro contou tamén coa presenza de empresarios interesados no proxecto.
Este proxecto, estratéxico para o desenvolvemento económico do municipio, permitirá urbanizar 200.000 metros cadrados de superficie grazas á aprobación do Plan Xeral e do plan parcial, tramitados polo goberno local. Durante o encontro, Sestayo confirmou que o estudo de viabilidade técnica, económica e xurídica está xa adxudicado e contratado, e os seus resultados estarán dispoñibles no primeiro trimestre de 2025. Este estudo analizará tamén o custo do solo para garantir que se axuste ás necesidades das empresas interesadas en instalarse na zona.
A xerente de SEA destacou a “excelente localización e as conexións” de Eiroa como factores que avalan a viabilidade do proxecto, así como a total receptividade e implicación do Concello para impulsar esta iniciativa. Tamén subliñou a importancia de celebrar estes encontros con empresarios para escoitar as súas necesidades e incorporalas ao desenvolvemento do polígono.
Este novo parque empresarial en Eiroa consolidarase como unha infraestrutura clave para atraer investimento, xerar emprego e potenciar o tecido económico da comarca.