-
A conselleira María Martínez Allegue e o alcalde José Antonio Pereira asinaron o convenio que permitirá financiar as obras mediante un préstamo sen xuros
O Concello da Baña contará cun financiamento de 293.611,10 euros procedente do Fondo de Cooperación da Xunta de Galicia para executar as obras de mellora dun viario municipal na zona de Troitosende, unha actuación destinada a reforzar as condicións de circulación e seguridade nunha vía que conecta co límite municipal en dirección a Vilacova.
O convenio foi asinado este martes, 9 de xuño, en San Caetano pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil.
A actuación permitirá acometer a rehabilitación do firme existente mediante a renovación da capa de rodaxe, así como melloras nos sistemas de drenaxe e na sinalización viaria, contribuíndo a incrementar a seguridade dos usuarios desta estrada municipal e a mellorar a conectividade na zona rural do concello.
O financiamento materialízase a través dun préstamo sen xuros concedido ao abeiro do Fondo de Cooperación da Xunta para concellos de menos de 50.000 habitantes, unha liña de apoio destinada a facilitar investimentos municipais en actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído. Os préstamos poden ser devoltos nun prazo máximo de oito anos.
O convenio asinado permitirá ao Concello da Baña executar unha intervención considerada prioritaria para a mellora da rede viaria municipal, favorecendo unhas mellores condicións de circulación e reforzando a seguridade viaria neste tramo.
Con esta actuación, o Concello da Baña continúa impulsando investimentos destinados á mellora das infraestruturas e dos servizos públicos, contribuíndo a reforzar a calidade de vida da veciñanza e o desenvolvemento equilibrado do territorio.