• A Escola de Música Tradicional da Baña, DJ Mr. Vieito e a charanga O Rumbo animaron a festa coa súa música

20260607 Banha Xantar Vecinhal 03

A terceira edición do Xantar Veciñal da Baña volveu ser un éxito. Máis de 500 persoas achegáronse este domingo 7 de xuño ata o polideportivo de San Vicenzo para participar nunha xornada de convivencia para compartir experiencias e anécdotas entre a veciñanza, organizada pola Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía.

Pouco despois do mediodía comezaron a achegarse ata o polideportivo veciños e veciñas procedentes de todas as parroquias bañenses, que gozaron coas actuacións do grupo da Escola Tradicional de Música da Baña e, na sobremesa, tamén co DJ Mr. Vieito e coa charanga O Rumbo.

20260607 Banha Xantar Vecinhal 04

No xantar, máis de medio milleiro de persoas degustou un menú composto por empanada de bonito, polbo á feira con cachelos, carne ao caldeiro con patacas, larpeira con xeado, cafés e licores galegos servidos por Casa Taboada.

Os asistentes estiveron acompañados polo goberno local, encabezado polo alcalde, José Antonio Pereira, e a tenente de alcalde, Mónica González, e polo líder do grupo popular.

Despois da sobremesa, moitos dos asistentes animáronse a xogar ao bingo e nun sorteo de produtos exclusivos do merchandising da Festa da Filloa da Pedra, mentres compartían anécdotas e se citaban para a cuarta edición desta xuntanza.

20260607 Banha Xantar Vecinhal 01

A organización deste Xantar Veciñal contou coa colaboración do departamento de Cultura da Deputación da Coruña.