• Os recintos privados non precisarán de autorización municipal, mentres que as asociacións e colectivos veciñais deberán solicitar permiso antes do 19 de xuño

  • O Concello esixe responsabilidade cidadá, o uso de materiais non contaminantes e o respecto polas distancias mínimas con vivendas e masas vexetais

  • A limpeza total do espazo público tras as fogueiras ou sardiñadas será obrigatoria

WhatsApp Image 2026 06 05 at 15.43.22

Co obxectivo de garantir que unha das festividades máis arraigadas do ano se desenvolva de xeito seguro, o Concello da Baña fixo públicas as normas e requisitos que rexerán a celebración das tradicionais cacharelas de San Xoán 2026. O goberno local busca con isto conxugar a diversión e a tradición co respecto ao medio ambiente e a seguridade dos bens e das persoas.

O Concello recorda que non será necesaria ningunha autorización municipal para realizar cacharelas en recintos privados. Pola contra, as asociacións ou colectivos veciñais que teñan previsto organizar fogueiras en espazos públicos deberán presentar obrigatoriamente unha solicitude a través da Sede Electrónica municipal. Xunto a este trámite, será indispensable achegar un seguro de responsabilidade civil que cubra calquera posible dano derivado da actividade.

O prazo límite para que os colectivos presenten as súas solicitudes rematará o vindeiro venres 19 de xuño de 2026.

Normas estritas de seguridade e prevención

Para evitar riscos de incendios ou danos estruturais, o Concello establece un protocolo de obrigado cumprimento para todas as fogueiras, tanto públicas como privadas:

  • Distancias mínimas: As fogueiras deberán situarse a un mínimo de 15 metros das vivendas e a 50 metros de calquera masa vexetal ou forestal.
  • Liñas eléctricas: Queda totalmente prohibido realizar cacharelas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos.
  • Materiais prohibidos: non se poderá queimar ningún tipo de material contaminante ou perigoso. Queda terminantemente prohibido o uso de pneumáticos, plásticos, aceites ou recipientes que contivesen líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.
  • Limpeza do contorno: en terreos con vexetación herbácea, será obrigatorio limpar unha franxa de seguridade de 9 metros ao redor da fogueira, retirando todo o material combustible.
  • Vixilancia e vento: a fogueira deberá estar permanentemente vixiada polos organizadores ata a súa completa extinción. En caso de que se levante vento forte, a actividade deberá suspenderse de inmediato.

Compromiso co espazo público

Desde o Concello da Baña lémbrase tamén que é obrigatorio deixar o espazo público completamente limpo e recollido unha vez rematada a celebración, unha medida que se aplica tanto á realización de cacharelas como á organización de sardiñadas.

O goberno municipal fai un chamamento á responsabilidade colectiva e ao civismo de toda a veciñanza para que a noite de San Xoán sexa, un ano máis, unha xornada de festa, convivencia e máximo respecto polo contorno natural da Baña.

Para máis información: