-
Ofrécense 70 prazas para favorecer a conciliación familiar
-
O programa desenvolverase entre o 22 de xuño e o 8 de setembro en diferentes quendas adaptadas ás necesidades das familias
-
As inscricións poderán realizarse do 25 de maio ao 5 de xuño

12 de xuño de 2026
Faise pública a listaxe definitiva de persoas admitidas no Campamento de Verán 2026, que pode consultarse no arquivo adxunto.
Así mesmo, convócase unha reunión informativa coas familias das persoas participantes para o mércores 17 de xuño ás 20.00 horas na Casa da Cultura, na que se ofrecerán indicacións sobre o desenvolvemento da actividade e se resolverán posibles dúbidas.
As familias deberán formalizar o pagamento da actividade e presentar o correspondente xustificante no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica. O prazo para realizar este trámite permanecerá aberto desde a publicación da listaxe definitiva ata o venres 19 de xuño.
O ingreso deberá efectuarse na conta bancaria ES92 2080 0326 1731 1000 0035, indicando no concepto o nome da persoa participante seguido da expresión «Campamento de Verán 2026».
9 de xuño de 2026
Faise pública a listaxe provisional de admitidos/as e excluídos/as para o campamento municipal de conciliación de verán para menores de idade do Concello da Baña 2026.
Outórgase un prazo para reclamacións e/ou mellor voluntaria da documentación de dous (2) días hábiles dende a data de publicación deste decreto na sede electrónica municipal e na páxina web do Concello da Baña.
O decreto pode consultarse nos arquivos adxuntos.
19 de maio de 2026
O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción social, cultura e servizos á cidadanía, pon en marcha unha nova edición do Campamento de Verán Municipal, un servizo destinado a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante o período estival ao tempo que ofrece aos nenos e nenas un espazo de ocio educativo, convivencia e aprendizaxe.
O programa contará este ano con 70 prazas dirixidas a menores escolarizados de entre 3 e 14 anos e desenvolverase entre o 22 de xuño e o 8 de setembro de 2026 en horario de 8.00 a 15.00 horas.
As actividades terán carácter educativo, cultural e lúdico, fomentando valores como a convivencia, a cooperación, os hábitos saudables e a creatividade. O servizo prestarase principalmente na área recreativa municipal de Chans, pero no caso de condición meteorolóxicas adversas trasladaranse ás instalacións municipais a cuberto.
O campamento estrutúrase nas seguintes quendas: do 22 ao 30 de xuño; do 1 ao 15 de xullo; do 16 ao 31 de xullo; do 1 ao 15 de agosto; do 16 ao 31 de agosto e do 1 ao 8 de setembro.
Prazos de inscrición
O prazo de inscrición abrirase oficialmente o próximo luns 25 de maio, coincidindo coa activación do procedemento na sede electrónica municipal, e permanecerá aberto ata o 5 de xuño.
A lista provisional publicarase o 8 de xuño, sendo o prazo de reclamacións do 9 ao 10 de xuño. A lista definitiva coñecerase o 12 de xuño.
As solicitudes poderán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica do Concello da Baña, aínda que tamén será posible facelo presencialmente no Rexistro Xeral municipal ou polos medios previstos na normativa administrativa.
As tarifas do servizo variarán en función da duración da quenda, do número de fillos/as inscritos e da condición de empadroamento. Así, os prezos para persoas censadas serán:
- 1º fillo/a: semana: 20 € e quincena: 40 €.
- 2º fillo/a: semana: 16 € e quincena: 32 €
- 3º fillo/a: semana: 10 € e quincena: 20 €
- Os prezos para as persoas non censadas son:
- 1º fillo/a: semana: 30 € e quincena: 60 €
- 2º fillo/a: semana: 22,50 € e quincena: 45 €
- 3º fillo/a: semana: 15 € e quincena: 30 €
No caso da semana correspondente do 22 ao 30 de xuño e da quenda do 1 ao 8 de setembro, aplicarase unha tarifa reducida: 1º fillo/a: 10 €; 2º fillo/a: 8 €; e 3º fillo/a: 5 €.
As bases tamén contemplan exencións para unidades familiares con ingresos iguais ou inferiores a dúas veces o IPREM e establecen criterios de prioridade para favorecer ás familias con necesidades de conciliación laboral.
O Concello da Baña destaca que este programa “supón unha ferramenta fundamental para apoiar ás familias durante os meses de verán, ofrecendo unha alternativa educativa e de lecer de calidade para a infancia do municipio”.
O Concello da Baña pon en valor a continuidade dun servizo moi demandado polas familias do municipio, que permite combinar conciliación, socialización e actividades de ocio educativo nun entorno pensado para o desenvolvemento persoal e o benestar da rapazada.
As bases completas e os formularios de solicitude poden consultarse nos documentos adxuntos e estarán dispoñibles na sede electrónica a partir do 25 de maio.