-
O colectivo premiado leva case dúas décadas promovendo encontros literarios e actividades arredor da lectura compartida no CPI San Vicente
-
As Pandeireteiras da Baña e a Maga Fani completaron unha programación centrada na defensa e transmisión da lingua galega
-
A concelleira Mónica González destacou que “a cultura non é un luxo: é identidade, pensamento crítico e cohesión social”

O Concello da Baña celebrou este domingo o Día das Letras Galegas cun acto institucional no que a entrega do V Premio Daniel García Ramos ao Club de lectura Ars Legendi se converteu no eixo central dunha xornada marcada pola defensa e posta en valor da lingua galega.
A programación desenvolveuse na Escola Municipal de Música Emilio Andújar e reuniu numeroso público arredor dunha proposta cultural que combinou maxia, reflexión e recoñecemento ao compromiso coa cultura galega.

A xornada arrancou ás 11.00 horas co espectáculo As nosas ancestras anóxanse. Que acontece coa nosa lingua?, presentado pola Maga Fani. A actuación mesturou ilusionismo e reflexión sobre a situación actual do galego, convidando ás persoas asistentes a pensar sobre o uso e a transmisión da lingua propia.

Posteriormente tivo lugar a entrega do V Premio Daniel García Ramos por parte da concelleira de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, Mónica González, ao Club de lectura Ars Legendi, colectivo que desde o ano 2007 promove encontros literarios e cafés arredor da lectura compartida no CPI San Vicente, converténdose nun referente cultural e participativo no municipio.
Durante o acto interviñeron en representación do club a súa directora, Mar Sueiro, así como Mari Carmen Vázquez e Dolores Allo, quen puxeron en valor o papel da lectura como ferramenta de encontro, aprendizaxe e dinamización cultural. Tamén estiveron presentes o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, así como integrantes da corporación municipal.

A lingua como patrimonio
Mónica González puxo o foco na figura de Begoña Caamaño, homenaxeada neste 2026 polas Letras Galegas, sinalando que foi “unha autora comprometida coa lingua, coa igualdade e coa defensa dunha cultura crítica e transformadora”, destacando que “a súa obra e a súa traxectoria deixáronnos un exemplo de literatura feita desde a conciencia social, desde a reivindicación do papel das mulleres e desde un profundo amor por Galicia e pola nosa lingua”.
A edil subliñou ademais que “a lingua galega é patrimonio vivo” e que “celebrar as Letras Galegas é reivindicar ese orgullo colectivo e lembrar que unha lingua só permanece viva cando se usa, se coida e se transmite con naturalidade e cariño”.
Grupos que crean comunidade
En relación ao recoñecemento concedido, a concelleira salientou que se trata dunha iniciativa que “implicou a posta en funcionamento de varios grupos de lectura tanto de alumnado como de docentes e familias do noso CPI, todos eles unidos polo amor á lectura”. Tamén destacou que o club “non só pretende fomentar a lectura senón tamén ofertar a posibilidade de conversar, reflexionar e ser conscientes da diversidade de perspectivas existentes”, ademais de crear “comunidade máis alá do CPI San Vicente implicando non só ás familias senón tamén á veciñanza”.

Mónica González reafirmou igualmente “o compromiso co galego desde todos os ámbitos” concluíndo que “cada vez que falamos galego, escribimos galego ou creamos en galego, estamos facendo país”.
O acto contou tamén coa actuación das Pandeireteiras da Baña, que puxeron a nota musical á celebración e contribuíron a realzar unha xornada de homenaxe á cultura e ás tradicións galegas.
O obsequio entregado ás persoas homenaxeadas foi elaborado por persoas usuarias da Fundación Discapacitados Psíquicos Barcala, un detalle cargado de simbolismo co que o Concello da Baña quixo poñer tamén en valor o traballo inclusivo e creativo desenvolvido pola entidade.

Cinco edicións do Premio
O Premio Daniel García Ramos foi instituído polo Concello da Baña co obxectivo de recoñecer o traballo en favor da lingua e da cultura galegas, rendendo homenaxe á figura do maxistrado e fillo predilecto do municipio Daniel García Ramos, destacado polo uso do galego na xustiza e pola defensa do rural.
Nas edicións anteriores, o galardón recaeu nas Pandeireteiras da Baña e CantoEncanto (2025), en Mª Jesús Álvarez Ramos (2024), en Emilio Lois (2023) e en Alonso Barreiro Caxade (2022).
A actividade estivo organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.