O Pleno da Corporación apoiou por unanimidade as propostas, baseadas na normativa marco da Xunta e similares ás existentes ata o momento

O goberno local pide “prudencia” ante situacións como as vividas no centro polas altas temperaturas para “non xerar alarmas innecesarias. A cativada estivo sempre ben atendida”

 

 

O Pleno da Corporación da Baña aprobou por unanimidade na sesión ordinaria deste mércores a ordenanza sobre o funcionamento da Escola infantil municipal e os prezos públicos deste servizo. Na sesión, o equipo de goberno pediu prudencia a hora de valorar situacións como a vivida esta semana no centro polas altas temperaturas. “Estamos xerando unha alerta que non é verdade, porque os nenos estiveron ben atendidos en todo momento por unhas traballadoras que son profesionais, e xa buscamos solucións transitorias para evitar que se volva a repetir esta situación. As obras están visadas pola Xunta e cumpren as condicións”, afirmou Mónica González Blanco.

O Concello da Baña modificou a ordenanza reguladora da Escola infantil municipal, unha vez que entrou en funcionamento o novo servizo ao rematar as obras de ampliación do punto de atención a infancia para incrementar o número de prazas. 

A ordenanza está baseada na normativa marco da Xunta de Galicia e contempla, entre outras particularidades, prioridade na primeira matrícula para as familias empadroadas na Baña e tamén unha ampliación da atención durante a primeira quincena de agosto, segundo explicou o alcalde, José Antonio Pereira.

Os prezos públicos fixados por este servizo son similares aos que estaban en vigor ata o momento. “Mantemos as mesmas taxas que xa había, pero temos que ter en conta que aínda que a Xunta financia o 100% da atención educativa da cativada, o Goberno galego só nos financia 11 meses ao ano. A primeira quincena de agosto, e outros gastos, son sufragados con fondos do Concello”, explicou a tenente de alcalde Mónica González.

Os dous puntos foron aprobados por unanimidade de todos os concelleiros. Ambos documentos serán sometidos agora a un período de exposición pública.

No capítulo de rogos e preguntas, o PP preguntou polas queixas trasladadas por algunhas familias aos medios de comunicación esta mesma semana, polo calor que facía na escola infantil municipal.

Todo o equipo de goberno pediu prudencia ao respecto, sinalando que se utilizaron termos que non están contrastados por profesionais sanitarios, como supostas situacións de hipertermia nalgún menor. Mónica González Blanco aclarou que as obras de ampliación cumpren todos os requisitos establecidos pola Xunta de Galicia, que foi a que visou o proxecto e supervisou a posta en funcionamento da Escola infantil municipal. 

“So houbo unha familia que se queixou no escrito entregado no Concello. Dende o luns e ata hoxe non houbo máis queixas, nin das familias nin das traballadoras”, afirmou Mónica González. A concelleira de Acción social, cultura e servizos a cidadanía recoñece que os nenos pasaron calor, “como en moitos outros centros educativos públicos”. 

Para paliar provisionalmente esta situación, mentres se busca unha solución definitiva, xa se puxeron aparellos portátiles de aire acondicionado e ventiladores na escola infantil.

Mónica González e todo o goberno local ratificaron que “os nenos estiveron ben atendidos en todo momento, por unhas traballadoras que son profesionais e hidrataron cada media hora á cativada”. Segundo a tenente de alcalde, “a información que saíu na prensa non é certa. Estamos xerando unha alerta que non é verdade”, engadiu. Todo o equipo de goberno pediu actuar con prudencia ante situacións coma esta. 

 

20260527 Banha pleno ordinario maio Ordenanza Escola infantil 1