-
A competición celebrarase o 31 de maio no Polideportivo Municipal de San Vicenzo e repartirá 800 euros en premios
-
A cita contará con categorías xerais, locais e especiais para xogadores de distintas idades e niveis

O Polideportivo Municipal de San Vicenzo será escenario o próximo domingo 31 de maio da celebración do V Torneo Concello da Baña, unha cita incluída no X Circuito Intercomarcal de Xadrez Deputación da Coruña 2026.
A competición reunirá xogadores e xogadoras de diferentes categorías nun torneo valedoiro para ELO FIDE de xadrez rápido, consolidando esta proba como unha das citas destacadas do calendario provincial.
O torneo desenvolverase mediante sistema suízo a 7 ou 8 roldas, dependendo do número de participantes, cun ritmo de xogo de 10 minutos máis 3 segundos de incremento por movemento. A presentación dos xogadores terá lugar ás 15.45 horas e a primeira rolda comezará ás 16.00 horas, estando prevista a clausura e entrega de premios arredor das 21.00 horas.
A competición contará con premios nas categorías xeral, local e especiais. Haberá recoñecementos para xogadores sub-2000, sub-1700, veteranos maiores de 55 anos, mellor xogadora feminina e categorías base sub-18, sub-16, sub-14, sub-12, sub-10 e sub-8.
En total repartiranse 800 euros en premios, ademais de trofeos para os mellores clasificados. O primeiro posto da clasificación xeral recibirá 130 euros e trofeo.
O torneo tamén inclúe premios para os mellores xogadores locais e o sorteo dun cheque regalo de Gadis e dunha cesta de Frutas Fondo, ademais dun libro entre os participantes non premiados.
Inscricións
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o venres 29 de maio premendo neste enlace ou no teléfono 617 234 393. O custe da inscrición é de 12 € (xeral), 10 € (sub-16) e 5 € (persoas empadroadas na Baña). Os pagamentos deben facerse de forma anticipada por transferencia (Caixabank ES15 2100 5097 2002 0012 6301) indicando nome e apelidos, club e inscrición torne. Máis información en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no 617234393.
Desde o Concello da Baña animamos á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao xadrez a achegarse ao Polideportivo Municipal de San Vicenzo para desfrutar dunha xornada deportiva que combinará competición e promoción do deporte.
As persoas que se acheguen ao municipio o día do torneo poderán tamén gozar da oferta hostaleira local, con opcións de xantar en distintos establecementos da zona, como Restaurante O Arranca; Parrillada Begomar; Casa Salvador; Parrillada O Val de Barcala; Parrillada O Barro; Café–Bar Restaurante O Muíño e Taberna O Barro.