• A xornada desenvolveuse ao longo de todo o día cun programa que combinou tradición, convivencia e actividades culturais

  • Familias enteiras participaron xunto ao artista Oli Xiráldez na confección dun fermoso Maio que logo levaron en procesión ata a Praza do Concello

20260510 Banha festa dos maios 39

A Baña foi escenario este domingo, 10 de maio, dunha celebración que uniu xeracións arredor dunha das tradicións máis ancentrais da cultura galega, os Maios. A segunda edición desta festa popular serviu para darlle a benvida á primavera nun ambiente marcado pola participación veciñal e a posta en valor das tradicións.

20260510 Banha festa dos maios 11

A celebración arrancou ás 10.00 horas cunha intensa mañá de traballo colectivo arredor da creación do Maio. Malia que pola mañá a choiva obrigou a trasladar a xornada á Escola de Música Municipal Emilio Andújar, logo esta deu unha tregua e familias enteiras desfrutaron ao aire libre creando co artista Oli Xiráldez un fermoso Maio.

Foi o resultado de moitas horas de traballo en equipo, que incluíu desde a recollida de fiúncho, flores e demais elementos naturais, ata a confección de estruturas florais e adornos. Baixo a dirección de Xiráldez, todas as persoas asistentes, tanto grandes como pequenas, participaron no laborioso proceso de montaxe do Maio, recuperando así unha expresión artística tradicional moi vencellada á identidade cultural galega.

20260510 Banha festa dos maios 30

Un xantar veciñal, no que entre outras viandas non faltaron as famosas filloas á pedra da Baña, serviu para repoñer forzas ao mediodía, tras o que o traballo e o bo ambiente continuaron pola tarde.

Lupe Blanco e Nuria Penas animaron a xornada coas súas regueifas e bailes, mentres que o espectáculo infantil de K’Paparota Teatro completou a programación da festa.

20260510 Banha festa dos maios 16

O broche final chegou coa procesión do Maio ata a Praza do Concello, acompañado pola música tradicional dun gaiteiro. Diante da casa consistorial, e tamén previamente no exterior da Escola de Música, a música, os bailes e as coplas satíricas arredor do Maio converteron a festa nunha auténtica homenaxe viva á cultura popular galega.

20260510 Banha festa dos maios 41

A iniciativa foi organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía que dirixe Mónica González, quen participou activamente na celebración xunto á veciñanza e destacou a boa acollida dunha iniciativa que, un ano máis, “cumpriu co obxectivo de promover a identidade local e o encontro interxeracional”.

20260510 Banha festa dos maios 42