-
A distinción recoñece o labor deste colectivo do CPI San Vicente na promoción da lectura e da lingua galega
-
A xornada completarase cun espectáculo da Maga Fani arredor do uso do galego

O Concello da Baña celebrará o domingo 17 de maio o Día das Letras Galegas cun acto no que a entrega do V Premio Daniel García Ramos será o eixo central da programación. O galardón recae nesta edición no Club de lectura Ars Legendi, que desde o ano 2007 promove encontros para toda a veciñanza da Baña arredor da lectura compartida, convertendo a biblioteca do CPI San Vicente nun espazo de intercambio de ideas.
A concelleira de Acción social, cultural e servizos á cidadanía, Mónica González, sinala que o premio Daniel García Ramos “busca poñer en valor o compromiso de persoas e colectivos que, desde ámbitos moi diversos, contribúen a manter viva a nosa lingua”, e destaca o papel do Club Ars Legendi como exemplo de participación cultural a través da lectura.
A programación do Día das Letras Glegas desenvolverase na Escola Municipal de Música Emilio Andújar e dará comezo ás 11.00 horas co espectáculo As nosas ancestras anóxanse. Que acontece coa nosa lingua?, a cargo da Maga Fani. A proposta combina maxia e reflexión arredor da situación do galego mediante unha viaxe escénica na que se poñen de relevo tanto as dificultades no seu uso como o valor de contar cunha lingua propia.
A entrega do premio terá lugar ás 12.00 horas no mesmo espazo. A actividade está organizada pola Concellería de Acción social, cultural e servizos á cidadanía, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Historia e palmarés do Premio Daniel García Ramos
O Premio Daniel García Ramos foi instituído polo Concello co gallo do Día das Letras para recoñecer o traballo en favor da lingua e da cultura galegas. A distinción homenaxea a figura de Daniel García Ramos, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e fillo predilecto da Baña, quen destacou polo emprego do galego nos procedementos xudiciais e pola defensa do rural.
Nas edicións anteriores, o Premio Daniel García Ramos foi concedido ás Pandeireteiras da Baña e CantoEncanto no ano 2025, agrupacións nadas ao abeiro da Escola de Música Tradicional; a Mª Jesús Álvarez Ramos en 2024, mestra e xefa de estudos durante dúas décadas no CPI San Vicente; a Emilio Lois en 2023, profesor na Escola de Música Tradicional e impulsor de diversos grupos musicais locais; e ao mestre e músico Alonso Barreiro Caxade na súa primeira edición, en 2022, pola súa traxectoria vinculada ao ensino e á música.