• A Corporación garda un minuto de silencio no Pleno polo pasamento do ex concelleiro José Antonio Ramos Calvo

  • Apoio unánime á moción do BNG para adiantar os cribados do cancro de mama aos 40 anos

  • Aprobada tamén por unanimidade a moción do PP para erradicar a violencia contra as mulleres

 

 

 

O Concello da Baña vai destinar a partida de 215.000 euros que lle corresponden do POS+ Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña a financiar tres obras “moi necesarias para a veciñanza”, segundo explicou o alcalde, José Antonio Pereira. A Corporación aprobou por unanimidade facer as obras de adaptación á normativa en vigor da antiga aula do do Punto de Atención á Infancia (19.912 euros), e aglomerar viarios en San Cibrán (115.723 €) e Busto (79.425,03 euros). 

O Pleno ordinario celebrado este 26 de novembro comezou coa Corporación gardando un minuto de silencio polo pasamento do ex concelleiro socialista José Antonio Ramos Calvo, “coñecido polos veciños da Baña como Suso”, explicou o alcalde. Na sesión tamén se aprobaron por unanimidade as mocións do BNG para adiantar o cribado do cancro de mama ás mulleres de 40 anos, e a do PP para impulsar medidas para erradicar a violencia contra as mulleres

A Baña vai destinar a investimentos financeiramente sostibles os 215.061,57 euros que lle corresponden do POS+ Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña. No pleno ordinario de onte aprobáronse os proxectos que se van incluír neste plan de obras e servizos, que será financiado integramente pola Deputación da Coruña.

O alcalde explicou que nesta fase do POS+ vanse incluír “dúas obras moi necesarias para facilitar a comunicación entre a veciñanza da Baña e que permitirán aglomerar tanto o núcleo de San Cibrán como a entrada do Busto, na área de autocaravanas, e levalo ata a saída cara a Cotobade. En ambos casos utilizarase aglomerado en quente para mellorar a capa de rodaxe nas dúas zonas”, asegurou José Antonio Pereira.

O proxecto para a estrada de San Cibrán conta cun orzamento de 115.723,55 euros, mentres o de Busto ascende a 79.425,03 euros. En ambos casos, as obras inclúen tamén a limpeza de gabias e outras melloras.

No caso do Punto de Atención á Infancia vanse acometer melloras no edificio para adaptar os accesos e os servicios ás actuais esixencias hixiénicos sanitarias. O obxectivos é independizar os espazos de acceso, oficina, cociña e aseo do persoal da aula en funcionamento no actual edificio do PAI, unha obra que suporá un investimento de 19.912,99 euros. 

A construción do novo módulo para que o PAI da Baña conte con once prazas máis (obras que rematarán este ano) fai obrigatoria a adaptación do edificio existente a normativa en vigor.

Tanto Mónica González (BNG) como Andrés García Cardeso (PP) consideraron as obras moi necesarias, polo que votaron a favor. 

O Pleno tamén apoiou por unanimidade a moción do BNG para solicitarlle á Consellería de Sanidade que os programas para a detección precoz do cancro de mama se adianten aos 40 anos (actualmente diríxense a mulleres de entre 50 e 74 anos). Na exposición, Mónica González explicou que diferentes estudos científicos e recomendacións de sociedades médicas sinalan que o aumento de casos de cancro de mama en mulleres de entre 40 e 49 anos xustifican adiantar a idade de inicio destes cribados para detectar precozmente o cancro de mama e poder tratalos con maiores garantías de éxito.

Dende o PSdeG, Vanessa Gil apoio unha iniciativa que “pretende mellorar a calidade sociosanitaria da nosa sociedade. Con esta moción facemos honra a todas as mulleres que padeceron, que padecen e que padecerán cancro no futuro. Agardamos que se adiante os cribados do cancro de mama”, afirmou a concelleira.

Tamén por unanimidade aprobouse a moción do PP con motivo do 25N. Patricia Lois defendeu unha iniciativa que solicita a execución de medidas tanto a nivel local, como autonómico e estatal para loitar e erradicar a violencia contra as mulleres. Entre elas incluíase accións de formación do persoal municipal e promover campañas divulgativas e preventivas entre o alumnado bañense.

Dende o goberno local, Ana Pensado (PSdeG), considerou “esencial erradicar a violencia machista de todos os nosos ámbitos e dar protección a quen a sofre”, polo que se amosou partidaria promover accións formativas e divulgativas tanto entre o persoal municipal como entre a mocidade bañense, “ademais de facer seguimento de posibles casos dende os servizos sociais municipais”.

Mónica González (BNG) tamén considerou necesario “poñer recursos enriba da mesa para que as vítimas non teñan que convivir co seu maltratador”, e cualificou de “fundamental” impulsar medidas de prevención e sensibilización entre a mocidade “e traballar nos centros escolares dende idades moi temperás”.

 

20251126 Banha pleno ordinario obras POS mocions PP BNG 1